“Desde
o comezo da implantación da rede en Galicia comezaron a xurdir páxinas que tiñan a literatura como eixe, en moitos casos apostando pola difusión da obra de autores novos. Desde aquela, o panorama mudou enormemente, e aínda que poucas daquelas propostas sobreviven, novas cabeceiras e blogs ocupan un espazo cun peso crecente no noso panorama literario. O VI Encontro de Escritores/as Novos/as da AELG prestoulle atención a este sector cunha mesa redonda. Da tinta á pegada dixital foi o lema do VI Encontro de Escritores/as Novos/as que organizou a Asociación de Escritores en Lingua Galega esta fin de semana na Coruña. Dentro das diferentes mesas redondas que se desenvolveron no marco desta xornada, unha prestou atención á cuestión das revistas dixitais. Elvira Riveiro, coordinadora da mesma, salienta que “sen dúbidas as publicacións dixitais teñen un peso crecente, non só no caso das revistas literarias senón en xeral. Acceder á rede é moito máis barato e inmediato, e está a se dar un paso do papel á dixital”, explica. En Galicia, no entanto, e segundo lembra Riveiro, “non se ve un traspaso masivo ao terreo dixital. As publicacións máis coñecidas e con máis prestixio seguen a ter a súa edición en papel, pero algunhas como o Protexta é posible que teñan máis difusión na rede do que na versión impresa”. (…)
Malia a estas evolucións, “as revistas literarias continúan a ter sentido, pódese discutir se son necesarias en papel, pero as revistas na rede achegan unha panorámica dun tempo determinado, e crítica de lanzamentos recentes. É certo que mudan conceptos como o de periodicidade, pero máis ou menos preséntanse os mesmo contidos, aínda que sexa doutro xeito”, explica Riveiro. De cara ao futuro, para Montserrat Pena Presas “compriría aunar esforzos para crear unha revista divulgativa que aunase crítica e creación. Primeiro para abrir fronteiras, que é algo que necesita a nosa literatura, e logo para gañar e fidelizar lectores”. Encol do debate entre edición en papel e dixital, ten claro que “a medio prazo o futuro é a convivencia de formatos, e que os saiba combinar axeitadamente levará a palma”.” Vía Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Cultura Galega
“Latín dos canteiros nos SMS”
Artigo
en Cultura Galega:
“Darlle vida (cando menos un pouco) á fala dos canteiros na zona de Terra de Montes. Este é o proxecto que acariña Calros Solla, investigador das tradicións desta zona. Como primeiro paso neste difícil camiño, acaba de publicar O verbo xido, un libro que recolle o vocabulario e pretende facilitar o aprendizado desta linguaxe gremial. Malia a que as súas palabras continúan a ser descoñecidas para a maior parte da sociedade, hai xa ben tempo que se sabe da existencia dunha fala particular que os canteiros, como outras profesións maiormente de carácter itinerante empregaban para se comunicar entre eles sen que o seu contorno soubese o que dicían. Deste xeito, existe tamén ao barallete dos afiadores, ou o latín dos cavaqueiros, entre outras falas con presenza no noso país. Segundo Calros Solla “a lingua dos canteiros debe ter a súa orixe no momento no que este gremio eran os grandes construtores de igrexas, pontes ou catedrais, na Idade Media, era un código exclusivo para se poder comunicar e transmitir os misterios e os segredos da profesión” (…)”.
”As leccións de Lois Pereiro”
“Hai
non tanto tempo eran moitas as voces que sinalaban que o Día das Letras era unha celebración caduca e con pouco futuro. No entanto, as edicións dos últimos anos, dedicadas sucesivamente a nomes de lustre e con contrastada calidade literaria como Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro ou Uxío Novoneyra detiveron unha certa tendencia a apostar pola recuperación de autores pouco coñecidos. A consolidar a data, o día dedicado a Lois Pereiro neste 2011 amosou unha mobilización inédita pola súa amplitude e a variedade de manifestacións que se realizaron arredor deste autor desde a sociedade civil. (…) Un feito particular deste último Día das Letras, é que a Academia llo dedicou a alguén que viña sendo reivindicado con certa insistencia por diferentes voces do mundo cultural. Este factor pode ser outro dos que expliquen o eco que acadou a celebración neste ano. Cesáreo Sánchez sinala que “por unha banda se queres que haxa participación, a data ten que se compartida con toda a sociedade. Eu penso que, igual que a Academia Sueca recibe propostas anuais para o Nobel, sen que iso signifique que se invadan a súas competencias nin se cuestione a súa autoridade, penso que é importante que a RAG sexa receptiva ás opinións maioritarias da sociedade, iso garante a participación”. Sen fiar tan fino, Manuel Bragado considera que unha xestión máis aberta da celebración será beneficiosa. “Debe ser unha efeméride organizada en mancomún. Este é un esforzo da sociedade civil, promovido pola Academia, e na que o sector editorial, as escolas, o asociacionismo ou os concellos poden pór o seu esforzo para conseguir uns obxectivos que deben ser recuperar a obra literaria e a figura humana e literaria dos homenaxeados”. A concretar máis, Cesáreo Sánchez sinala que “penso que hai unha Marola que pasar, que é o nome de Ricardo Carvalho Calero. Está aí, pendente, e hai un sentir bastante maioritario na sociedade para que se lle conceda”. Coincide con el Miguel Anxo Fernán-Vello, quen salienta que “boa parte da sociedade máis informada fala del, e cada ano que pasa sen se celebrar a súa figura é un ano no que se enterra máis a coherencia e a lóxica. É un erro que non sexa considerada unha das figuras máis importantes das nosas letras”. Encol da permeabilidade da RAG, os sectores consultados coinciden na necesidade dunha maior apertura á sociedade, malia a que, como sinala Cesáreo Sánchez, “dalgún xeito as letras son froito da propia composición da Academia, e esta mudou moito. Nós mesmos [AELG] temos un convenio de colaboración con eles que era impensable noutro tempo. Pódese dialogar con eles e hai unha confianza. Ademais, polo xeral é para estar contentos cos nomes que vai traendo á luz”, conclúe.”. Vía Cultura Galega.
“Publicacións delicatessen”
Artigo
en Cultura Galega: ‘Son libros especiais, diferenciados, con amplísimo traballo de investigación e documentación por detrás…e, por suposto, moi caros. Por iso, as editoras preparan relativamente pouco exemplares e abren escasas liñas deste tipo de producto case de delicatessen. “Son libros que teñen auténtico interese cultural pero que teñen dificultades comerciais evidentes” afirma Manuel Bragado, responsable da editorial Xerais, unha das beneficiadas desta convocatoria de axudas que permitirá que se materialicen obras que, doutro xeito, nunca verían a luz. As axudas a grandes proxectos editoriais van dirixidas a aqueles “que procuran a excelencia tanto polo que respecta á presentación formal, como polos propios contidos”. As axudas inclúen novos soportes de edición, aínda que os beneficiarios desta liña de axudas de 2011, optan pola impresión tradicional en papel. Pero teñen outras características comúns estes proxectos que analizan desde a historia do fútbol en Galicia, a música que se facía nas catedrais ou un inventario de todos os xoguetes que hai no país. (…)”.
A banda deseñada galega á luz de Viñetas
“(…) En resumo, semella que boa parte dos proxectos que estiveron a dinamizar a nosa banda deseñada ao longo da última década están a ceder o seu protagonismo a novas iniciativas. Ao tempo, sexa pola crise económica ou por mudanzas políticas, boa parte do apoio institucional que historicamente impulsou boa parte do sector está a desaparecer ou pasar por épocas máis ou menos complicadas, con honrosas excepcións como o propio Viñetas. Queda por ver se o modelo que resulte das actuais tendencias, aparentemente máis centrado na iniciativa empresarial, logra manter ou desenvolver a edición e, sobre todo, a difusión dun xénero que aínda ten moito por medrar a nivel de recoñecemento público e de prestixio no mundo cultural.” Reportaxe en Cultura Galega.
As primeiras conclusións do Curso de Dinamización Lingüística apostan por reformular o discurso
“Moita
xente ignora os seus dereitos lingüísticos e non hai consciencia de que son as administracións as responsables de os facer cumprir. Estes son algúns dos apuntamentos que se extraen do documento co que se pretenden elaborar as conclusións do recente Curso de Dinamización Lingüística (Re)pensando o discurso que se celebrou en Carballo o pasado mes de xullo. A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua publicaba onte este texto no que se apunta ademais a necesidade de conseguir un discurso coherente entre colectivos e institucións que traballan a prol da lingua así como adaptar o mesmo aos diferentes grupos sociais do noso país. As mensaxes positivas, o recoñecemento das posibilidades do galego na Lusofonía ou a idea da lingua como un patrimonio común que traspasa o ámbito puramente comunicativo son outras das cuestións que se apuntan no documento.” Vía Cultura Galega.
Carlos Callón: “Tralo armario da Idade Media”
“Co
ensaio Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, o filólogo e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón (Ribeira, 1978) achégase ao descoñecido mundo da homosexualidade na Idade Media galega. Para Callón, na Alta Idade Media existía un clima moito máis propicio á homosexualidade que comezou a crebarse, a instancias do poder relixioso, na Baixa Idade Media, entre o século XI e o XV. Paseamos con Callón polas rúas de Compostela para coñecermos máis en detalle algunhas das interesantes historias deste libro nos mesmos espazos nos que sucederon, hai centos de anos. A Compostela medieval está chea de referencias históricas que permiten comprender a evolución do pensamento da Igrexa e da sociedade cara a homosexualidade ao longo de centos de anos. Carlos Callón deseñou un roteiro que permite coñecer historias persoais e cambios culturais a través das pedras e rúas da cidade vella de Compostela (…).” Pódese consultar o artigo completo en Cultura Galega.
O galego retrocede como idioma de lectura no primeiro semestre de 2011
“O 4 % da poboación lectora española que le en máis dunha lingua escolle o galego como idioma de lectura de xeito habitual ou ocasional por detrás do castelán, inglés, catalán e francés. Así se desprende dos datos achegados polo Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España correspondente ao primeiro semestre de 2011 e no que o 47,1% dos lectores declara ler en dúas ou máis linguas (castelán e outra/s), unha redución fronte ao 52,9% do informe de 2010. Este estudio encargado pola Federación de Gremios de Editores de España deixa así este indicador da lectura en galego rebaixando en 0,4% ao resultante do ano 2010. En clave galega o Barómetro achega tamén que a valoración que os galegos facemos do noso sistema bibliotecario puntúase nun 7,87 lixeiramente superior á media española que está nun 7,83.” Vía Cultura Galega.
O debate sobre como celebrar a cultura
Artigo
en Cultura Galega: “O grande eco social que obtivo o Día das Letras dedicado a Lois Pereiro neste 2011 fai rexurdir o debate sobre o modelo de celebración da festa da nosa literatura. Entre outros temas, volta á palestra o debate sobre se o 17 de maio debe ser laborable ou continuar como festivo. Revisamos diferentes posturas encol desta cuestión na primeira dunha serie de reportaxes que quere analizar as mudanzas e as posiblidades de futuro desta celebración.”
Xosé María Álvarez Cáccamo: “Poesía para exposicións”
Reportaxe
en Cultura Galega sobre o diálogo entre poesía e plástica na obra de Xosé María Álvarez Cáccamo:
‘”Desde moi pequeno sentín atracción por diferentes manifestacións das artes visuais. Desde sempre fixen maquetas ou máquinas inventadas por min, pero non lle daba trascendencia. A finais dos 80 comecei a tomalo máis a serio, sobre todo a manufactura de obxectos”. A aposta de Cáccamo por este tipo de creacións insírese nunha tradición poética que arrinca xa co surrealismo e o dadaísmo. “Cando coñecín o traballo de Joan Brossa neste sentido sentinme moi motivado. Eu daquela chamáballes obxectos construídos, pero funme abeirando ao que se pode chamar poema obxectual”. O poeta recoñece a dificultade de separar este concepto da escultura. “Non penso que o saiban realmente nin os críticos. No meu caso polo menos, os poemas visuais inclúen texto ou algunha referencia textual ou literaria, como pode ser empregar máquinas de escribir ou mesmo só os teclados separados da máquina. Nalgúns casos teñen un valor visual por si, pero outros cómpre lelos ou interpretalos. Pola contra, para min os obxectos construídos están un pouco máis na liña da escultura”, explica este autor.
Con boa letra
Canda ao traballo con obxectos, Cáccamo traballa tamén a poesía visual ou caligráfica. Obras como Manuscritos do ar ou a mais recente Cántico de topónimos esdrúxulos amosan versos manuscritos nos que as palabras collen diferentes cores e formas para expresar as ideas do autor. “Gústame o acto físico de escribir a man, teño toda unha afección emprego da letra manual e sempre traballei con letrismos e este tipo de cousas”, lembra o autor. Este tipo de composicións entrou con forza na poesía occidental cos caligramas de Apollinaire, que compuñan figuras mediante as letras. No entanto, o traballo de Cáccamo non aposta por recrear formas concretas. “A seguir ese diálogo entre pintura e texto, penso que pode entrar nel tamén a pintura abstracta, e entón no meu caso a apariencia externa das letras non é figurativa, pero non deixa de haber unha referencia pictórica mediante o emprego de formas abstractas. En realidade o poema caligráfico e o caligrama son dous produtos moi próximos”. (…)
Outros creadores
A nivel galego, non son moi comúns apostas creativas como as que fai Álvarez Cáccamo, aínda que existe unha certa tradición a nivel de poesía na que o texto compón figuras con autores como Manuel Antonio ou de interese polo poema caligráfico con exemplos destacados como Uxío Novoneyra. No entanto, Álvarez Cáccamo salienta que si coñece creadores que na actualidade exploran vías semellantes, aínda que en moitos casos non se coñecen de xeito público. “Coñezo a xente que se dedica a isto, non moitos en Galicia, poida que sexamos 10 ou 12, con autores como Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer, Elvira Riveiro ou Baldo Ramos, pero hai máis xente do que se pensa, e na rede van aparecendo cousas”. A propia dificultade para publicar de xeito masivo este tipo de traballos afasta en boa medida estas creacións da edición convencional. Un superior custe dos facsímiles de textos caligráficos ou directamente a imposibilidade de facer grandes tiraxes do que son auténticas esculturas fan que só se poidan atopar en tiraxes pequenas e coidadas como as que realiza a editorial Bourel, ou que haxa que asistir a exposicións para coñecer este tipo de creacións. “É unha arte moito máis minoritaria do que a poesía discursiva, e é tamén normal que nun territorio onde falta aínda normalización cultural non se lle preste demasiada atención a propostas menos convencionais. Eu mesmo teño poesía na liña do letrismo, combinando letras de imprenta, ou feita con imaxes e lenzo, pero non a teño publicado”.’