Resolución da convocatoria para as Residencias de primavera do 2018

Desde Cultura Galega:
“A editora Axóuxere e mais o Concello de Rianxo fallaban o pasado 1 de marzo a súa convocatoria de residencias de primavera para escritores e escritoras e pensadores e pensadoras. Aínda que o chamamento prevía acoller unicamente unha persoa en cada unha destas categorías, finalmente serán tres os proxectos que se desenvolverán na sede desta iniciativa na aldea de Brión (Rianxo). No apartado literario, foron seleccionados a cubana Jamila Medina Ríos coa súa “proposta narrativa vencellada cunha exploración alicerzada nun diálogo coa tradición psicanalítica e as literaturas ligadas á exploración do inconsciente, buscando espazos de iluminación e coñecemento nas fendas internas que nos compoñen” e mais Keith Payne, de Irlanda, “coa proposta de elaboración dun longo poema narrativo conectado, estilística e conceptualmente, coa xinea dos seanchaí gaélicos, a antiga tradición dos bardos irlandeses errantes”.
No apartado de pensamento o xurado seleccionou a proposta do galego Guillermo Rodríguez Alonso para desenvolver unha investigación “arredor dunha ontoloxía poshumana na que o pensar se realice na encarnación práxica dunha forma de vida alonxada da violencia metafísica dos dispositivos de poder modernos, tentando atopar devires alternativos para un ser posible e por vir”.
A organización destacou a variedade e a alta calidade das propostas recibidas desde diferentes países e lembra que está aberto ata o 15 de marzo o prazo de presentación de propostas para a convocatoria de residencias de verán.”

“Un 2017 de cultura (I)”

Desde Cultura Galega:
“As últimas datas do ano é un bo momento para botar a vista atrás e ver que deron estes doce meses no ámbito da cultura. Hoxe, achegamos a primeira entrega destas primeiras valoracións sobre a cultura en Galicia en 2017, da man de Natalia Poncela, crítica de arte, Ramón Nicolás, crítico literario e Adrián Cunha, fotógrafo e director dun programa musical. O venres teremos outra entrega destas análises. (…)
Nunca os balances son doados, e menos aínda se gozan dunha escasa perspectiva temporal. Con todo, alén deses galardóns que fan volver a vista á importancia do que aquí se fai -e penso nas concesións de senllos premios de carácter estatal a Antonio García Teijeiro e Ledicia Costas-, das publicacións orientadas a actualizar a obra e a vida de Carlos Casares, alén das inevitables despedidas como foron as de Xohana Torres e Miguel Suárez Abel, talvez se poidan percibir algunhas liñas de sentido xerais.
En síntese apuntaría o excelente momento que atravesa a poesía con achegas de salientable calidade-, a literatura infantil e xuvenil e mesmo o ensaio, mentres que o teatro continúa a tendencia resistente dos últimos tempos. Na narrativa talvez salientaría a relevancia que van gozando os roteiros literarios organizados aquí e alá, ademais do retorno dalgunhas voces –Reimóndez, Lopo, Moure, Feijoo, Eiré, Pedreira, Calveiro, DoCampo, Nacho Taibo ou Riveiro Coello– ou a estrea de voces como as de Eli Ríos, Carracedo Porto ou Benito Reza, entre outras.
A aparición dun selo editorial moi atractivo como “Oqueleo” e a posta en marcha doutro proxecto como é Aira Editorial, cando Edicións do Cumio xa é só un recordo, completan esta visión á espera doutro ano que, coma sempre, ha traer magníficos libros. (…)”

Quiosco: Murguía, Revista Galega de Historia, 33

Desde Cultura Galega:
“O documento que recolle a expulsión de Xosé Velo do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) é o contido que leva á súa capa o número 33 de Murguía, Revista Galega de Historia, que xa está á venda. Canda a isto, o volume achega artigos destacados como un texto inédito de 1936 que amosa o apoio da Dereita Galeguista ao Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza dese mesmo ano. A “intentona republicana” de Crecente do 1905, a partir da figura de Marcelino Gómez Arias ou o Antón Alonso Ríos agrarista son algúns dos contidos da nova entrega. Canda a isto, o investigador Prudencio Viveiro analiza a prensa e a edición de libros entre a colectividade galega emigrada na Arxentina, mentres Xosé Estévez rememora as súas viaxes e a relación co poeta Manuel María, homenaxeado no último Día das Letras Galegas. Unha entrevista con Manuel Gago, director de Culturagalega.gal e comisario da exposición Galicia 100 do Consello da Cultura Galega ou as habituais recensións de lanzamentos editoriais completan a entrega.”

A edición en galego descendeu en 2015 mentres o sector medrou a nivel estatal

Desde Cultura Galega:
“A produción editorial en galego é a única que descende no conxunto do Estado. Así o revelan os datos da Panorámica de la Edición Española de Libros 2015 dos cales acaba de facer público un avance o Ministerio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. En concreto, en 2015 a publicación de obras na nosa lingua baixou un 3,1%, mentres o conxunto da edición estatal medrou o 2,8%, segundo recollen as cifras do ISBN. O noso é o único idioma estatal á baixa, xa que as publicacións en valenciano subiron un 22,2%, as feitas en catalán un 13,3% e as que saíron en euskera foron un 8,5% máis. A seguir estas cifras, a edición en galego supón o 1,9% da que se realiza no Estado, fronte ao 84,7% que se desenvolve en castelán, o 10% do catalán e o 1,7% do valenciano e do euskera.
En total, publicáronse en Galicia durante 2015 2.266 obras, das cales 1.394 foron en galego. Nos dous casos mantense a tendencia descendente que predomina desde 2011, cando se editaran 3.006 libros dos que 1.711 sairan na nosa lingua. Tamén a tradución se mantén á baixa, que nese período descendeu de 95 a 64 títulos vertidos para o galego.”