Arquivos da etiqueta: Dani Salgado
Santiago Cortegoso, Antón Cortizas, Andrea Bayer e Xavier Lama, premios de literatura dramática da Agadic
Desde a Xunta de Galicia:
“Santiago Cortegoso, coa obra Raclette, é o gañador do XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón foi comunicada o luns 10 de novembro canda a do VIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que recaeu en Antón Cortizas por Xogando con gatos, e a do XI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que foi para O lobo e a lúa, de Andrea Bayer, na categoría de teatro para rapaces; e para Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama, na modalidade para adultos. (…)
O xurado, presidido por Roberto Salgueiro, e do que formaron parte como vogais Xosé Manuel Fernández Castro, Inacio Vilariño, Dani Salgado, Artur Trillo e Dolores Vilavedra, seleccionou os catro textos vencedores entre os 69 orixinais recibidos: 28 para o Álvaro Cunqueiro, 17 para o Manuel María, 12 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 12 para a modalidade de teatro para rapaces deste último galardón.
No caso de Raclette, o texto vencedor do Álvaro Cunqueiro, a decisión do tribunal baseouse tanto na solidez da súa estrutura dramática, cun logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no “sabiamente dosificado” dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do concepto orixinal da ‘raclette’ como a comida en comunidade ideada polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago Cortegoso preséntanos aquí un mosaico de cinco personaxes arredor dunha cea, a modo de ‘raclette’ urbana e contemporánea. En palabras do seu autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención sobre problemas como a hipercompetitividade, a incomunicación ou a sobreprotección. (…)
De Xogando con gatos, o xurado destaca como a obra enfía o rico acervo popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións, contos, adiviñas, lengalengas…) nunha trama que pon de manifesto a desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o teatro de sombras, de xeito que –tal e como expón o ditame do premio– constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinar nas escolas, así como para un espectáculo escénico de gran formato.
A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer conseguiu o Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con O lobo e a lúa, unha historia que adapta as chaves da intriga e do suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Segundo a propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”. Trátase dunha historia de amizade, superación dos propios medos e amor, na que ninguén é tan bo como aparenta, nin tan malo como parece.
Así mesmo, dela subliña o xurado a súa “innegable vontade escénica”, na que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía Baobab Teatro e doutras formacións anteriores: “imaxes suxestivas e precisas, xogos dinámicos ben inseridos na situación dramática, personaxes de caracterización definida e unha temática axeitada para a franxa de idade á que vai dirixida a peza”.
Tamén destaca o tribunal as posibilidades escénicas de Ela, piedade dos suicidas, a obra coa que o xornalista e escritor Xavier Lama obtivo o XI Barriga Verde de textos para monicreques na modalidade de teatro para adultos. De acordo coa súa valoración, esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica dos personaxes, que “dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”.
O seu autor (…) define este novo texto como “unha historia órfica de descenso aos infernos na procura da muller idealizada” cuxo protagonista é un trasunto de Orfeo na procura do amor ou dun “espellismo do amor”. Segundo se recolle na acta, o autor materializa aquí “aquel vello soño de Rafael Dieste de atopar o sublime estilo oral das estatuas, recuperando a paradoxal estratexia das derradeiras montaxes de Teatro Antroido, onde unha opulenta disposición de aparellos se batía contra o desposuimento reinante no seu contorno”.”