Comeza a XXXI edición das Noites Teatrais de Vilamarín

Desde Erregueté:
“O concello de Vilamarín prepárase para acoller un ano máis as tradicionais “Noites teatrais”, que este ano chegan a súa XXXI edición cun programa que inclúe espectáculos de referencia na dramaturxia galega e que se celebrarán do 9 ao 13 de xullo, cada día ás 22.30 horas, no auditorio municipal. O programa ofrece cinco días de espectáculos. Dará comezo o 9 de xullo co Grupo de Teatro de Vilamarín, no que participan actores de entre 12 e 65 anos co espectáculo Os cravos de prata. O día 10 será a quenda para a Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, que presentará As ondas das pedras no río, unha adaptación do libro de Arundhati Roy O deus das pequenas cousas dirixida por Fernando Dacosta. O 11 de xullo actuará Ibuprofeno Teatro coa Casa O´Rei, a obra coa que Santiago Cortegoso completa a súa triloxía gastronómica, xunto con O furancho e Raclette. O texto propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do Rei Lear de Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega. Ao día seguinte, o 12 de xullo, actuará Sarabela Teatro con O rei morre, unha adaptación libre da obra de Ionesco, dirixida por Ana Vallés, na que se reflexiona sobre o poder e a morte. O día 13 pecha a programación Contraproducións coa obra Fillos do Sol, unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó sobre os últimos anos da vida de Eduardo Pondal e a súa loita por rematar a que el consideraba a súa obra mestra, Os Eoas. A entrada para os espectáculos é gratuíta.”

Tanxarina, Borja Fernández, PT Excéntricas, Sarabela e Compañía Ensalle protagonizan a segunda xornada de Galicia Escena PRO

Desde Agadic:
“Galicia Escena PRO, o mercado galego das artes escénicas que se celebra entre hoxe e o xoves en Santiago de Compostela, ten preparada para mañá unha segunda xornada de actividade con cinco compañías galegas como protagonistas: Tanxarina, Borja Fernández, PT Excéntricas, Sarabela Teatro e Compañía Ensalle.
A través delas, dáse conta da variedade de estilos que ofrece a carteleira de 19 espectáculos, aberta de xeito gratuíto ao público xeral, desta sexta edición do encontro organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, no que están a participar un 200 profesionais do sector.
Como en anos anteriores, as localidades dispoñibles tras o acceso das persoas acreditadas póñense a disposición do público xeral de xeito gratuíto, previa retirada das entradas no despacho de billetes correspondente desde una hora antes do comezo da representación.
Teatro familiar sobre a diversidade
O teatro para público infantil e familiar abrirá este segundo día de Galicia Escena PRO con A galiña azul, de Tanxarina. Esta montaxe de monicreques, que fala da diversidade e da solidariedade, poderá verse na sala 2 da Fundación SGAE, ás 11,00 h.
A sala Germán Coppini deste mesmo espazo acollerá Salvador, tamén en horario de mañá (12,15 h.), Salvador. Este traballo do creador Borja Fernández segue a historia como emigrante no Brasil do seu avó paterno para construír un traballo escénico a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, cos movementos migratorios, as desaparicións e os encontros como principais eixos temáticos.
A quenda de tarde comezará ás 17,30 h. no Auditorio Abanca con Cranios privilexiados… ou crítica da razón perralleira, de Producións Teatrais Excéntricas. Carlos Santiago é o director da nova comedia desta compañía compostelá, que poñen en escena Josito Porto e Víctor Mosqueira.
A continuación, Sarabela Teatro presentarase en Galicia Escena PRO con O rei morre (na imaxe), versión libre da obra de Eugène Ionesco. Ana Vallés asina a adaptación e a dirección deste espectáculo, que interpretan Nate Borrajo, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago e Alfonso Míguez. A cita será no Teatro Principal, ás 19,30 h.
A segunda xornada deste encontro concluirá coa posta en escena de Procedimientos ante el vacío, da Compañía Ensalle, no Salón Teatro. Trátase dun traballo interdisciplinar, que se sitúa entre o teatro contemporáneo e a danza, e que ten o seu xermolo na colaboración artística emprendida entre a compañía viguesa e a bailarina e coreógrafa Mónica Valenciano.
O programa estritamente profesional inclúe a celebración mañá en Santiago do encontro da Coordinadora de Ferias Escénicas del Estado Español (COFAE), no que os responsables das mostras de artes escénicas aquí representadas debaterán sobre a situación do sector, tentando atopar ferramentas estratéxicas que permitan desenvolver unha planificación de cara aos próximos anos. As reflexións derivadas desta xuntanza, así como das que se están a desenvolver durante todo o ano no resto das feiras asociadas, serán recollidas nunha publicación a modo de plan estratéxico.”

A Mostra de Teatro de Ourense recoñece o papel pioneiro de Tereixa Campo

Desde Sermos Galiza:
“A clausura da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) recoñeceu o sábado 28 de abril, o labor pioneiro de Tereixa Campo no teatro lugués e, por extensión, galego. A activista teatral do Val do Mao recibirá o premio da organización da Miteu.
Coordinadora da Aula de Teatro do Campus de Lugo entre 1994 e 1998 e fundadora da Asociación Barriga Verde e de Achádego Teatro, o traballo incansábel de Campo por un teatro de base é salientado na viséximo terceira edición da Miteu.
Profesora durante décadas no colexio público de Casás, en Lugo, tamén se encargou da dirección escénica dunha versión da zarzuela Non chores Sabeliña, de Xosé Trapero Pardo, e escribiu pezas dramáticas como O xogo de Pinto Pinto, Contos de Sempre ou O sorriso das pedras. Antes de Achádego, practicou o teatro en Tarabelo.
O acto de entrega do galardón foi ás oito do serán no Teatro Principal de Ourense. Ademais do premio da organización, tamén se entregaron os premios do xurado e do espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz e os premios á mellor resolución técnica Suso Díaz. Maricastaña, a Aula de Teatro da Universidade de Ourense, xérmolo da Miteu, representou As ondas das pedras no río e houbo música a cargo de Dani Minimalia, guitarrista.
A clausura pon o ramo a unha mostra en que se puideron ver arredor de 30 espectáculos teatrais e que comezou o pasado 12 de abril. Organizan o Concello de Ourense, a Deputación e a Universidade de Vigo -da que depende o campus ourensán- coa colaboración de Sarabela Teatro, o Café Cultural Auriense e a Xunta. Diríxea Fernando Dacosta.”

Psicofonías, de Marcos Abalde, e Alianzas, de AveLina Pérez, gañan o XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Desde a CRTVG:
“O xurado do undécimo Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu outorgar o galardón desta edición á obra Psicofonías, escrita por Marcos Abalde Covelo, pola súa “estrutura dramática moi eficaz e ben construída cunha escenografía contextual que conxuga o relato de suspense coa realidade social”. O xurado valorou tamén “a utilización dos recursos sonoros e textuais para lograr a creación dunha atmosfera de intriga conducida cunha habilidosa medida cara a un final climático de gran impacto emocional”. (…)
A adaptación radiofónica de Psicofonías, con dirección de Santiago Cortegoso, foi interpretada por Fernando Dacosta e Iria Sobrado e contou coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
Contabilizados os votos recibidos a través da conta de correo electrónico e do contestador automático, a gañadora do Premio da Audiencia foi a obra Alianzas, de Avelina Pérez, directora teatral, dramaturga e actriz. (…)
Con dirección de Santiago Cortegoso, Alianzas foi interpretada por Salvador del Río e Marián Bañobre, coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
Ambos os dous premios, o do xurado e o da audiencia, están dotados economicamente con 3.000 euros cada un. Quedaron como finalistas Proxecto Tempo, de Clara Gayo, e Andrómenas soa moi antigo, de Fernando Epelde.
O xurado do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estivo formado polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso; a gañadora do premio do xurado da edición anterior, Eva F. Ferreira; a programadora de teatro de Carballo Carmen Castro, o crítico de teatro Antón Lopo, a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, e a directora do programa Diario Cultural, Ana Romaní.
61 obras presentáronse a esta undécima edición do certame, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.”