O xoves 8 de setembro, ás 19:30 h., na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, BellónMaceiras (Daniel Bellón e Diego Maceiras) presenta o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar, A música das buguinas cunha selección de temas populares e composicións propias. No acto estarán presentes, ademais de BellónMaceiras, o autor Pepablo Patinho e Leandro Lamas, ilustrador. As persoas interesadas deben inscribirse aquí.
Arquivos da etiqueta: Daniel Bellón
Xosé Manuel Sánchez Rei: “Escribindo o libro sobre Seivane aprendín moitísimo do que é un artesán”
Desde O Sil:
“(…) A relación entre Abertal e Xosé Seivane vén de longo. A primeira como escola de música e baile tradicional e o segundo como o artesán de gaitas por excelencia. Por iso non é de extrañar que fose precisamente a Asociación Cultural Abertal, quen organizara a presentación na Rúa do libro Xosé Seivane, a gaita con maiúsculas, de Xosé Manuel Sánchez Rei.
Trátase dunha obra literaria editada por Canela que relata os aspectos máis relevantes da vida de Seivane como artesán, tendo en conta o seu contexto familiar, vital e cultural. Inclúe entrevistas a grandes personalidades, numerosas pezas transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas, un álbum fotográfico familiar, imaxes en exclusiva do fotógrafo Vicente Ansola e prólogo de Xosé V. Ferreirós.
A presentación tiña lugar na tarde deste venres 21 de xaneiro na biblioteca municipal ruesa, a carón do local onde Abertal imparte as clases (de gaita, de percusión, de paneireta, de baile,…) contando coa presenza do autor do libro; dun dos fillos de Xosé Seivane, Álvaro; e do fundador de Abertal e presidente da actual asociación, Manolo Durán, que foi o encargado de abrir o acto. “Seivane estivo con Abertal máis dunha vez facendo exposicións de gaitas, e presente tamén nalgunha actuación da súa neta Susana”, dixo Durán, agradecendo a presenza dos convidados e do público, antes de dar a palabra a Álvaro. O fillo de Xosé Seivane que foi quen mantivo o legado de seu pai, comezou a intervención falando da “Rúa de Petín”, explicando de forma divertida a confusión sobre o nome que tivo a primeira vez que pasou por esta vila rumbo a Barcelona, precisamente polo nome da estación de tren. “O nome é con guión, A Rúa-Petín, pero daquelas, hai 50 anos, era o que se comentaba e a min véuseme á mente a Ribeira de Piquín”, dixo, lembrando os comezos do seu pai nun pequeno taller que pouco a pouco foi crecendo ata converterse no gran artesán da gaita.
O último en falar era o propio Xosé Manuel Sánchez Rei, filólogo e gaiteiro, actualmente profesor na Universidade da Coruña e vicepresidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, quen asegurou que para el foi moi grato estar en Valdeorras “unha terra rica en viños e en cultura” para falar de Seivane, de gaitas, de música galega, unha tradición que hoxe é mantida por Abertal “unha referencia na comarca da nosa música tradicional, un dos nosos sinais de identidade como pobo galego”.
Sobre o libro, Sánchez Rei asegurou que está acostumado a escribir texos sobre sintaxe ou gramática polo que escribir a biografía de Seivane supuxo unha experiencia totalmente nova para el, sendo “un camiño moi grato porque aprendín moitísimo do que é un artesán e do que representa hoxe en día en Galicia onde hai moitos reprodutores de instrumentos máis que artesáns. Despois do que puden ler e aprendín sobre esta figura, para min Seivane é o verdadeiro artesán, o feitor de gaitas que empezou na súa terra natal no ano 39 cuns recursos moi limitados é hoxe dicir Seivane é case dicir gaita”. (…)”