A Coruña: actividades do 5 de agosto na Feira do Libro 2022

Xosé Manuel Sánchez Rei: “Ribeira de Piquín sempre foi unha terra de afamados gaiteiros e artesáns de gaita”

Entrevista de Antón Escuredo a Xosé Manuel Sánchez Rei en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que ten de particular a Ribeira de Piquín para lle dedicar un traballo así?
– Xosé Manuel Sánchez Rei (XMSR): A nación toda posúe unha extraordinaria cultura de orixe tradicional de que os cantares e poesías orais representan máis unha manifestación desa vizosidade e, neste sentido, a zona da Ribeira de Piquín non constitúe unha excepción. Sempre foi unha terra de afamados gaiteiros e artesáns de gaita, como Xosé Seivane, e sempre se caracterizou, ao mesmo tempo, por ser unha área en que o canto e poesía orais tiñan un relevante protagonismo entre a veciñanza.
Hai rexións ou concellos que contan con seus propios cancioneiros publicados (A Ribeira Sacra, A Terra Chá, Fisterra, Cotobade, Pol etc.) e Noemí e eu pensamos que era de xustiza desenvolvermos un traballo que humildemente servise para equiparar A Ribeira de Piquín a esoutros territorios. A idea pareceu ben a Pablo Quintana, polifacetado director de Edicións Canela, quen desde o primeiro momento apoiou a iniciativa co entusiasmo, a rigorosidade e a xenerosidade que caracterizan os seus proxectos editoriais.
– ND: Foi complexo estruturar a información escrita e oral que atoparon sobre a zona?
– XMSR: Na verdade, unha parte xa estaba máis ou menos pronta. Cando no ano 2018 andaba a preparar os materiais que darían forma ao libro Xosé Seivane. A gaita con maiúscula (Canela, 2019), fun organizando pastas con diferentes informacións (entrevistas, gravacións, notas biográficas, etc.).
Tamén, a consultar cancioneiros clásicos (Inzenga, Torner & Bal y Gay, Rielo Carballo, Schubarth & Santamarina etc.), reparei nalgúns cantares de orixe tradicional da zona que quizais coñecese a nai de Seivane, Estrella Rivas, que costumaba cantar durante as noites ao calor da cociña da lareira. Ese foi o núcleo do traballo, mais outras poesías (as menos) proveñen da compilación directa, produto da xentileza dalgunha xente a quen Noemí e eu entrevistamos.
Despois tivemos de adoptar certas decisións, como, por exemplo, optarmos pola orde alfabética na disposición dos textos, indicarmos a fonte, optimizarmos a lingua rexistrada (cando non afectase a rima nin a medida dos versos), etc.
– ND: Que características teñen en común estes cantares?
– XMSR: Como acontece neste tipo de literatura, algúns deles son comúns a máis rexións da Galiza e até varios retrotraen as súas primeiras documentacións ao século XVIII. O que posúen en común eses 200 textos asenta nos trazos lingüísticos locais e populares que transparecen nas letras e na expectábel vinculación á comarca de que proceden, o que se verifica nos topónimos que figuran nos versos, cal “Boel”, “Chao”, “Cuíña”, “Mestre”, “Paíme”, “Ouviaña”, etc.
Ese vínculo tamén se constata nas referencias a oficios habituais outrora na zona, como os arrieiros, segadores, etc., mais que hoxe xa non se practican.
– ND: Falan no libro da importancia de manter e difundir os cantares. Como se podería conseguir nos tempos actuais?
– XMSR: A sociedade tradicional camponesa que xerou e mantivo eses cantos durante centos de anos foi devalando ao longo do século XX e nese proceso tamén foron desaparecendo os ambientes e as situacións das comunidades rurais en que se recitaban ou en que se cantaban tales poesías.
Porén, fan parte non menor da cultura galega contemporánea e talvez un modo de os difundir puidese provir dun maior peso nos currículos escolares do país, naturalmente sempre os sabendo encaixar no seu contexto e nunca os deixando de explicar ao alumnado. Por outro lado, actualmente hai grupos de música folque que contribúen poderosamente para daren a coñecer eses textos e que desenvolven unha interesantísma actualización deles.”

Xosé Manuel Sánchez Rei: “Escribindo o libro sobre Seivane aprendín moitísimo do que é un artesán”

Desde O Sil:
“(…) A relación entre Abertal e Xosé Seivane vén de longo. A primeira como escola de música e baile tradicional e o segundo como o artesán de gaitas por excelencia. Por iso non é de extrañar que fose precisamente a Asociación Cultural Abertal, quen organizara a presentación na Rúa do libro Xosé Seivane, a gaita con maiúsculas, de Xosé Manuel Sánchez Rei.
Trátase dunha obra literaria editada por Canela que relata os aspectos máis relevantes da vida de Seivane como artesán, tendo en conta o seu contexto familiar, vital e cultural. Inclúe entrevistas a grandes personalidades, numerosas pezas transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas, un álbum fotográfico familiar, imaxes en exclusiva do fotógrafo Vicente Ansola e prólogo de Xosé V. Ferreirós.
A presentación tiña lugar na tarde deste venres 21 de xaneiro na biblioteca municipal ruesa, a carón do local onde Abertal imparte as clases (de gaita, de percusión, de paneireta, de baile,…) contando coa presenza do autor do libro; dun dos fillos de Xosé Seivane, Álvaro; e do fundador de Abertal e presidente da actual asociación, Manolo Durán, que foi o encargado de abrir o acto. “Seivane estivo con Abertal máis dunha vez facendo exposicións de gaitas, e presente tamén nalgunha actuación da súa neta Susana”, dixo Durán, agradecendo a presenza dos convidados e do público, antes de dar a palabra a Álvaro. O fillo de Xosé Seivane que foi quen mantivo o legado de seu pai, comezou a intervención falando da “Rúa de Petín”, explicando de forma divertida a confusión sobre o nome que tivo a primeira vez que pasou por esta vila rumbo a Barcelona, precisamente polo nome da estación de tren. “O nome é con guión, A Rúa-Petín, pero daquelas, hai 50 anos, era o que se comentaba e a min véuseme á mente a Ribeira de Piquín”, dixo, lembrando os comezos do seu pai nun pequeno taller que pouco a pouco foi crecendo ata converterse no gran artesán da gaita.
O último en falar era o propio Xosé Manuel Sánchez Rei, filólogo e gaiteiro, actualmente profesor na Universidade da Coruña e vicepresidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, quen asegurou que para el foi moi grato estar en Valdeorras “unha terra rica en viños e en cultura” para falar de Seivane, de gaitas, de música galega, unha tradición que hoxe é mantida por Abertal “unha referencia na comarca da nosa música tradicional, un dos nosos sinais de identidade como pobo galego”.
Sobre o libro, Sánchez Rei asegurou que está acostumado a escribir texos sobre sintaxe ou gramática polo que escribir a biografía de Seivane supuxo unha experiencia totalmente nova para el, sendo “un camiño moi grato porque aprendín moitísimo do que é un artesán e do que representa hoxe en día en Galicia onde hai moitos reprodutores de instrumentos máis que artesáns. Despois do que puden ler e aprendín sobre esta figura, para min Seivane é o verdadeiro artesán, o feitor de gaitas que empezou na súa terra natal no ano 39 cuns recursos moi limitados é hoxe dicir Seivane é case dicir gaita”. (…)”

A gaita con maiúscula, o libro de Xosé Manuel Sánchez Rei sobre Xosé Manuel Seivane

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A figura do autodidacta e artesán Xosé Manuel Seivane foi clave para situar a gaita, o instrumento galego por antonomasia, no mapa do mundo. Coincidindo coa publicación A gaita con maiúscula, do profesor universitario da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei, dá conta dos aspectos máis importantes da vida de Seivane, non só dende o punto de vista da súa faceta como artesán, tamén tendo en consideración a familia, as amizades, o seu contexto vital e cultura.
Unha obra, en definitiva, que se torna indispensable para as persoas que aman a música tradicional ou que coñeceron Seivane.
A entrevista pode escoitarse aquí.”