Desde Galaxia:
“A obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), de Xosé M. Núñez Seixas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2020, ás 10 horas, por videoconferencia.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros, ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano. O xurado destacou a capacidade analítica que a obra premiada, baseada nunha ampla e rigorosa documentación, consegue despregar sobre o fenómeno da utilización do folclore e os seus símbolos polo fascismo.
Á luz desa documentación, o enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas realízase cun estilo diáfano e crítico. Ademais, a obra premiada vencella o presente con feitos históricos que informan o actual debate sobre a organización do Estado, salientando dese xeito a actualidade do tema.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Don Luís Alonso Girgado, Don Xesús Fraga, Dona Rexina Vega, Dona Montserrat Pena Presas e Don Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.”