Isaac Lourido Hermida gaña o XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Desde Nós Diario:
“O profesor da UDC, escritor e crítico literario Isaac Lourido Hermida resultou gañador do XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que deron a coñecer este sábado os mémbros do xurado, reunidos na Fundación Vicente Risco.
Teresa Devesa Graña, en representación do Concello de Allariz; Antón Palacio Sánchez, da Universidade de Vigo; Felisa Rodríguez Prado, da Universidade de Santiago de Compostela, e Isabel Mociño González, en representación do Padroado da Fundación Vicente Risco, en calidade de secretaria, desculparon a ausencia, por motivos persoais de Joaquim Vázquez Rodríguez, do Concello de Melide; César Fernández Gil, da Deputación de Ourense, e Manoel Carrete Rivera, do Concello de Castro Caldelas, tras considerar as valoracións dos traballos remitidas por todos os membros do xurado.
Nesta edición, destacaron o “alto nivel de calidade” das propostas achegadas, así como o cumprimento dos requisitos exixidos nas bases do premio por parte de todos os traballos. Con todo, o xurado decidiu outorgar por unanimidade XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais ao traballo presentado baixo o lema Sobreviver na palabra escrita. A traxetoria intelectual de José Rubia Barcia que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Isaac Lourido Hermida.
O xurado valora desta obra “a rigorosidade e a profundidade analítica coa que explora o contexto histórico de José Rubia Barcia e a intelectualidade progresista durante a II República e o seu exilio”.
Segundo recolle a acta do premio, a obra asinada por Lourido Hermida “está feita con rigor, ben estruturada e lingüisticamente coidada”. Ademais o xurado valora as achegas documentais que proveñen dunha “pormenorizada pesquisa en fontes pouco accesíbeis e a adecuación formal do texto ás características do ensaio”.
Á vista da calidade e interese doutros traballos presentados a esta edición, o xurado considera facer unha mención especial ao traballo presentado baixo o lema Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando no Miño, tras considerar “o interese desta obra para a valorización da memoria oral, do patrimonio transfronteirizo e polo traballo de campo”. Aberta a plica a autora deste traballo é Natalia Jorge Pereira, historiadora e investigadora do grupo Histagra da USC.”

A Xunta e Galaxia anuncian a obra ‘A arte de non morrer’ como gañadora do premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025

Desde a Xunta de Galicia:
“A obra A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, do médico Roberto Fernández Álvarez, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025, que organizan conxuntamente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega.
Así se anunciou o 29 de decembro nunha rolda de prensa na que o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou esta distinción “como a máis relevante e de maior trascendencia neste xénero do ensaio para a nosa lingua”. Ademais, fixo fincapé na temática abordada, a da lonxevidade, puntualizando que “vai ter unha contribución moi útil a nivel científico e divulgativo”. Neste senso, tamén resaltou a profesión do autor “porque ao longo da nosa historia son moitos os médicos que forman parte do noso acervo cultural”.
Deste xeito, o xurado destacou sobre o texto premiado a súa capacidade para achegar un tema de actualidade como é o da esperanza media de vida e a lonxevidade social, explicando estas realidades desde un fondo coñecemento médico especializado que afonda no bioquímico, na tecnoloxía dos alimentos e na vida saudable. Así mesmo, tamén se salientou como se relaciona ese saber coa cultura socializada e as citas de autoridade literarias e artísticas, así como a fundamentación antropolóxica, filosófica e sociolóxica.
O premio está dotado con 3.000 euros e a obra será publicada pola Editorial Galaxia durante o próximo ano.
Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) é un médico e escritor galego. Como autor literario foi distinguido no ano 2022 co Premio Blanco Amor pola súa novela A inmoral doutora Cons. Como ensaísta, recibiu o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no 2017 pola súa monografía Enfermos pobres, médicos tristes. (…)”

María Pilar Casal Valiño gaña o XXIV Premio Ramón Piñeiro de Ensaio con Ser humanos

Desde Galaxia (foto publicada pola editora):
“Na cidade de Santiago de Compostela, o 26 de decembro, reunido o xurado da XXIV edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, no Centro Ramón Piñeiro, convocado pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega, decidiuse por unanimidade outorgar o galardón á obra titulada Ser humanos, de María Pilar Casal Valiño.
O xurado, composto por Grial Parga, Rocío Carolo, Marta Neira, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, como secretario con voz e voto; destacou deste ensaio o seu carácter actual e o seu valor humanista nun contexto como o existente, no que é necesaria e imprescindible a convivencia coas novas tecnoloxías por parte dos seres humanos.
Así mesmo, valorou esta achega, que se apoia en textos de autoridade diversa, dende os máis clásicos ata os máis actuais; abrirá un diálogo fructífero respectó da cuestión tratada dende a transversalidade.
Finalmente o xurado tamén loou a súa arquitectura impecable e a prosa áxil e fluída que convida a múltiples lecturas.”

Bases do XXIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

Desde Galaxia:
“A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Caixa Rural Galega, convocan o XXIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.

1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega; e o/a autor/a non fose distinguido/a nas últimas cinco convocatorias do certame.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 150.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo.
3. O tema dos ensaios será libre mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico. A exposición do tema do ensaio deberase realizar exclusivamente mediante a escritura, sen empregar gráficos, cadros, fotografías ou elementos semellantes.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, e indicando no sobre XXIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 15 de novembro do ano 2024 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros (suxeito aos impostos que lle sexan de aplicación), que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o/a autor/a ou para quen el/a libremente determine.
9. A Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección Ensaio e na cuberta salientará, ao par da editorial, a Xunta de Galicia, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Caixa Rural Galega e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.
11. A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, se nomearán de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.”