Carme P. G. Granxeiro faise co II Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero grazas á súa obra Estranxeiras

Desde o Concello de Pontevedra:
“A autora Carme P. G. Granxeiro proclamouse gañadora da II edición do Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero grazas á súa obra Estranxeiras. A decisión foi acordada polos membros do xurado por maioría nunha reunión que tivo lugar o pasado 29 de decembro no Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e na que se analizaron un total de 27 traballos recibidos neste certame, que organiza a Concellería de Igualdade en colaboración con Edicións Xerais de Galicia e cuxo galardón conta cunha dotación económica de 3.000 euros.
Tal e como subliña a concelleira Yoya Blanco, o xurado destacou na obra gañadora o feito de ser “unha representación LGBTIQA realizada con sensibilidade, na que se reclama o rural como un espazo de liberdade e reivindicación”, ao tempo que valorou “a dignificación das relacións interxeracionais presentes na novela” e “o emprego de novas formas de linguaxe, como a utilización do pronome neutro”. “Tamén valoraron a construción coral de personaxes, cunha interesante galería de personaxes secundarios tratados con sensibilidade e delicadeza. Para o xurado, Estranxeiras é unha obra de lectura áxil, apta para un público amplo, con referentes á cultura LGBTIQA+ en libros, filmes, música… Presentes ao longo da obra”, apunta a edil de Igualdade.
Segundo sinala a socialista, ademais da obra gañadora, “o xurado tamén quixo destacar a calidade de dúas pezas presentadas ao certame: a da obra de narrativa xuvenil A nave e a do poemario Feitas ao sisel”.
Blanco lembra que o Premio Pinto e Maragota “está destinado a visibilizar e dignificar a diversidade de sexo e de xénero” e que “o xurado estivo integrado por representantes do Concello, a comunidade educativa e a editora Xerais: Anxos Rial Vidal, mediadora de lectura e docente no IES Sánchez Cantón e membro do Comité de Igualdade e do Grupo de Apoio LGBTIQ+ do instituto pontevedrés; Denís Vicente, docente e coordinador de Igualdade e Apoio LGBTIQ+ no IES As Barxas e membro fundador da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia; Nee Barros, escritore e activista LGBTIQA+, e Vanesa Prado, funcionaria da Administración municipal e secretaria do xurado”. (…)”