Desde La Región:
“Diante do espello, do actor e director teatral coruñés Fran Godón (Ut-Tópico Teatro), resultou galardoado co oitavo premio Abrente de textos teatrais organizado no marco da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e dotado con 3.000 euros.
O xurado, conformado por Anxo Abuín, María Armesto, Fran Peleteiro e Roberto Pascual, destacou a variedade, calidade e elevado número de textos de altísimo interese presentados na edición deste ano, ‘síntoma do bo momento, sen dúbida, do teatro escrito en galego’.
A obra gañadora, presentada baixo o lema Sarah Hauser, foi seleccionada pola ‘construción coherente dun mundo escénico de carácter metateatral, baseado nunha afinada elaboración de elementos sensoriais e unha linguaxe orixinal que busca novos rexistros no emprego do diálogo’.
O xurado destacou, á súa vez, o ritmo fluído da proposta escénica, ‘con parénteses de forte carga poética e na configuración de personaxes que reflexionan sobre a complexidade da identidade humana, nos límites entre dous mundos: o das actrices e os dos seus personaxes’. (…)”
Arquivos da etiqueta: Diante do espello
Fran Godón: “O máis divertido é ser actor, pero é o que peor se me dá”
Entrevista de Camilo Franco a Fran Godón en La Voz de Galicia:
“Ten unha compañía, Ut-Tópico, e alterna todos os oficios que un teatro pode ofrecer. Fran Godón gañou o premio Abrente de textos teatrais cunha obra, Diante do espello, que ía para montaxe pero deu unha pequena volta polo mundo da escrita escénica.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿En que consiste Diante do espello?
– Fran Godón (FG): En principio era un texto para escenificar. Unha encarga que quedou aparcada. Foi entón cando decidín darlle unha volta á escrita e presentalo ao premio. É unha peza para dúas actrices que se sentan en dúas partes simétricas do escenario e que teñen ao público como espello. Elas van falando da súa vida, do que van facer ao día seguinte. Falan co espello, pero non entre elas. Segundo avanza a obra vaise descubrindo que teñen máis cousas en común.
– LVG: ¿Os premios son a única saída para os dramaturgos?
– FG: Eu son profesor de secundaria. Empecei a facer teatro porque me gusta e vou facendo máis cousas. Pero os premios son como unha táboa de salvación para quen escribe teatro. Por iso a noticia da desaparición de convocatorias é unha moi mala noticia. Non hai traballo no mundo escénico e os premios son das poucas cousas que podes facer. (…)”