Neves Soutelo: “Para min, non tería sentido unha poesía sen nada autobiográfico”

Entrevista a Neves Soutelo en Dioivo:
É o baleiro,/ ESTE, e non outros/ o seu propio./ O que se abre á calor/ suave/ dos dedos/ na flor da pel.. Así comeza Diáspora, (Acha Escrava), o novo libro de María N. Soutelo. O resto, ata a última páxina, é íntima deconstrución. Baixada aos infernos da dor. Para construírse despois, de novo, desde as cinzas. Xa di a autora que hai que acudir ao texto desarmados. Sen medo a deixar que os versos devoren o corpo e a alma. Que é o que fan. Voraces. Falamos con ela, aproveitando que anda a presentar este seu segundo poemario. (…)
– Dioivo (D): Falas de diáspora, pero interior. De auténtico descenso aos infernos. Como xorde o poemario?
– Neves Soutelo (NS): Dun proceso, dunha experiencia vital que necesitaba saír. Para min a escrita é como unha terapia. O libro nace da miña propia experiencia, é bastante autobiográfico, e si ten moito de descenso aos infernos. Para min, unha poesía que non tivese nada autobiográfico non tería sentido.
– D: Hai verso libre en poemas curtos, que alterna con prosa poética. Foi buscada esa alternancia?
– NS: Pois coloquei os versos como foron nacendo, non pensei especialmente na distribución. Fun escribindo, e modificando cousas… (…)”

A Coruña: presentación de Diáspora, de Neves Soutelo

O luns 30 de abril, ás 20:30 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3) da Coruña, preséntase o libro Diáspora, de Neves Soutelo, publicado en Acha Escrava Editora. No acto, acompañando á autora, participa Manuel L. Rodrigues, e estará seguido dun recital poético.