Entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns

O sábado 17 de novembro, ás 19:30 horas, na Escola de Guillufe (Gondomar), terá lugar o acto de entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns á gañadora desta edición Conchita Álvarez Lebredo, consistente en 3000 € en efectivo, unha escultura creada para este certame polo artista Fino Lorenzo e a publicación do libro, Distancias e Simetrías, que se presentará neste acto. A escritora e xornalista Araceli Gonda será a encargada de dirixir a velada.
A banda de gaitas Balcón do Miñor abrirá o evento ao son da música tradicional. Posteriormente o público poderá gozar coa estrea de Os polos de Rianxo, unha dramatización do conto de Victoriano Taibo, a cargo de Bertorella, un novo grupo de afeccionados ás táboas que farán o seu debut nesta cerimonia. A continuación Marta Dacosta fará un breve panexírico do persoeiro que dá nome ao premio e lerá a acta do xurado como preámbulo da entrega dos premios do certame a Álvarez Lebredo. Momento no que Urbano Esmerode, presidente da ELM, dirixirá unha palabras á gañadora e asistentes. Soño de Calíope, o afamado proxecto musical creado polo mestre e artista natural de Morgadáns, José P. Pérez, que promove novos valores da canción galega, pechará a gala cultural. Finalmente Carlos Méixome director do Instituto de Estudos porá broche oficial á V edición dos premios. Un albaroque animado polas gaitas do Balcón do Miñor permitirá aos asistentes, entre viños e petiscos dialogar con Conchita Álvarez Lebredo e os artistas convidados. Como é tradicional nas cerimonias de entrega do Premio de Poesía Victoriano Taibo, a entrada é de balde.

María Concepción Álvarez Lebredo: “A indiferenza espállase como unha praga”

Entrevista a María Concepción Álvarez Lebredo en Dioivo:
“”É un libro que toca á lectora, ao lector, cun estilo sinxelo, nada pretensioso, mais -se cadra precisamente por iso- tremendamente efectivo a nivel emocional”. O xurado do V Premio de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e Entidade Local de Morgadáns, explicou con palabras coma estas a súa decisión de escoller a obra Distancias e Simetrías, de Mª Concepción Álvarez Lebredo. A autora, que recollerá o galardón en novembro, xa gañara no 2002 o segundo premio no certame de relato histórico Reconquista do Instituto de Estudios Vigueses. Falamos con ela sobre Distancias e Simetrías, que será o seu primeiro poemario publicado.
– Dioivo: O poemario amosa un estilo sinxelo, directo e moi narrativo. Por que?
– María Concepción Álvarez Lebredo: En poesía gústanme a claridade, a sinxeleza e a sinceridade que enfían directamente cara a sensibilidade do lector e que poden chegar a un público máis amplo que unha obra de cariz máis intelectual. Iso non quere dicir que non guste doutro tipo de composicións. Como lectora tamén aprecio moitísimo á poesía máis elaborada, artificiosa, escura. Pero cando se pretende revivir as emocións propias e espertar as dos lectores é máis eficaz unha poesía clara e directa. Os poemas son como anacos de vida, de historias cotiás, pero son narracións truncadas, sen principio nin final, xustamente por seren cíclicas. Na brevidade do tempo transcorrido, na faísca de vida que se insinúa repetida en días sucesivos, radica, creo eu, o seu lirismo. (…)”.

María Concepción Álvarez Lebredo gaña o V Premio Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, con Distancias e simetrías

“O xurado do V Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns acordou declarar gañadora da convocatoria deste ano o poemario Distancias e Simetrías, do que é autora María Concepción Álvarez Lebredo. O premio, dotado con 3000 €, escultura conmemorativa da autoría de Fino Lorenzo e publicación do libro polo Instituto de Estudos Miñoranos na colección Victoriano Taibo, será entregado no transcurso dun acto cultural que se celebrará na Escola de Guillufe de Morgadáns, sede do Premio, no mes de novembro.
“É un libro que toca á lectora, ao lector, cun estilo sinxelo, nada pretensioso, mais -se cadra precisamente por iso- tremendamente efectivo a nivel emocional”, fundamentou o xurado na súa acta final. “Fala de realidades, desexos e temores moi íntimos, dun xeito directo que consegue facernos partícipes”, agrega. “Os poemas visibilízanse ante nós, como se cada un se convertese nunha pequena curtametraxe”, afírmase no escrito. O xurado que estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario, sinalou que “O libro vaise construíndo como a casa que habita o eu poético observando todo o que está ao seu redor nos distintos momentos do día. Soidade, desexo de amor, entrega á enfermidade, son os muros que erguen a casa en que a luz é imprescindíbel para frear a cegueira dos seus habitantes”.
María Concepción Álvarez Lebredo é profesora de Lingua Castelá e Literatura. Naceu en Vigo no ano 1970. Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e acadou a licenciatura no ano 1993.” Vía Instituto de Estudos Miñoranos.