Desde Nós Diario:
“(…) A tradición nacional de Galiza presentábao de modo telemático o autor, Camilo F. Valdehorras, acompañado pola editora Laura Rodríguez de Hércules Ediciones e mais o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo.
Un volume que se converte no primeiro da triloxía Do mellor de Nós, conmemorativa dos 100 anos da publicación do primeiro número de Nós (1920) que durante 2021 se completará coa publicación dos volumes dedicados ao aspecto de Revista literaria ao volume terceiro, a Enciclopedia científica.
“A obra vai alén da conmemoración, é proxecto de futuro por estar enfocada a un público xeral, non especializado”, comentaba durante a presentación o autor da obra, que marcaba como obxectivo “democratizar os contidos da ópera prima da cultura galega moderna”.
En conversa con Nós Diario, Camilo F. Valdehorras afondou na estrutura e no contido deste primeiro volume agora á venda, mais tamén fixo cadanseu avance dos volumes por vir.
Sobre o propio título do volume, o autor quixo destacar a nomenclatura Galiza, “que é o nome auténtico, o correcto, aínda que non sexa o designador oficial do país, da actual Comunidade Autónoma de Galicia, que é a forma española, pero si é o suxeito Galiza, a designación galego-portuguesa, patrimonial” e ademais, engade, “é o nome que usaron e acuñaron os propios autores da época do boletín”.
Os outros dous termos do título, tradición e nacional, “están dalgunha maneira desprestixiados hoxe”, polo que quixo aclarar que “falamos de tradición, non como concepto tradicionalista, senón que é alusivo de todo o que contén a identidade, visto desde unha óptica esencialista pero tamén existencialista de Nós”, e destaca “Galiza na historia e no espírito creador”.
Canto ao concepto nacional “para os autores do boletín non é defendíbel como unha idea territorial unicamente, senón tamén como designador intergral dun ideosistema de país, pobo e cultura” que se acuña xa no manifesto da Asemblea de Lugo, en 1918″, de tal modo que “se estabelece como axioma para eles”, explica. (…)”