Entrevista a Elena Gallego Abad en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xorde esta iniciativa?
– Elena Gallego Abad (EGA): Este proxecto está a dar continuidade ao traballo que se leva facendo ao longo da última década. Dragal non é algo que nacese de golpe.
A nivel literario xa van cinco libros publicados, con traducións ao catalán, inglés e mais ao castelán. No terreo do audiovisual, a produtora Ficción Producciones comezou a traballar coas obras hai uns anos. A idea era facer unha banda deseñada ou un traballo interactivo a partir das novelas da saga Dragal. É un pouco o que se vén materializando agora, levar ese universo ás novas plataformas dixitais.
A partir dos libros créase unha idea, un universo, e comeza a xurdir un proxecto educativo. Digamos que este é outro chanzo, tamén se pode empregar no eido da educación.
É unha forma de que a xente cativa se achegue a esa Galiza máxica e ademais, dada a súa proximidade ao mundo dos videoxogos, ofrecerlles algo que sexa un pouco novo. O universo literario foi o que deu a idea para levar a cabo máis iniciativas, son carreiras que van moi paralelas. (…)
– ND: Indo ás orixes, como naceu este universo literario?
– EGA: Todo comezou por un “cabreo” co meu fillo. En 2008 el era adolescente e nese momento practicamente non había fantasía en galego, quizais algunha tradución e pouco máis. Eu son moi lectora e cando ía a calquera feira do libro dicíalle que collese algún que lle gustase. A el só lle gustaban os dragóns e todo o que había era en castelán. Foi un pouco cando dixen “se non hai nada, escríboo eu”. Aí saíu esa mirada do meu fillo de “mamá, pero como vas escribir unha novela de dragóns, estás tola”. Foi cando xurdiu o reto, naceu un pouco así.
Agora xa van cinco libros. A partir dese primeiro seguimos escribindo. Cando rematou a primeira triloxía foi cando Ficción Producciones fixo a proposta para levar o universo literario un pouco máis alá, ao audiovisual. Daquelas sementes, agora saíron estes primeiros gromos verdes.
– ND: Cal é a situación da literatura fantástica en galego?
– EGA: Agora hai editoras que non existían antes, novas autoras e autores e moita máis variedade. Chamoume a atención que, cando comecei a escribir, non houbese nada. Dragal é, até onde eu sei, a saga fantástica co maior número de libros escritos orixinalmente en galego. Cando escribín a primeira triloxía, non existía ningunha en galego. Nese momento non atopabas nada, agora a situación vai mellorando aos poucos.”
Arquivos da etiqueta: Dragal Challenge
Convidámoste a participar no Dragal Challenge
Desde R:
“Prepárate para vivir o desafío lendario que sacudirá Galicia. Prepárate para facer historia nun reto que só sucede unha vez na vida. Prepárate para o ‘Dragal Challenge’. Seguramente o nome xa che dará unha pista, e precisamente pistas vas ter para longo. Serás ti o elixido que consiga controlar ao último dragón de Galicia?
O mundo imaxinario de Dragal salta das páxinas da escritora Elena Gallego Abad a un xogo interactivo, que te levará a percorrer lugares extraordinarios dunha Galicia máxica.
Unha Galicia onde un día gobernaron os dragóns, ata que foron desaparecendo un a un. Durante séculos, a Orde do Dragal foi a encargada de custodiar o seu legado. Un legado que agora depende de vós, porque só vós poderedes chegar a controlar o último dragón de Galicia.
Prepárate para vivir unha experiencia interactiva como nunca antes viras. O ‘Dragal Challenge’ xógase na nova plataforma PetisGO!, que puxeron en marcha R, cinfo, Sixtema, Xoia e Ficción Producciones, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Os elixidos para este desafío, pero tamén todos/as os/as que queirades seguir o Challenge en directo, debedes descargarvos a aplicación PetisGo! dende o móbil Android e iOS ou a través da versión para pc.
Asegúrate de que o teu smartphone sexa compatible con Realidade Aumentada (AR) para que poidas seguir os retos. O son os iPhone 6S ou superior ou os iPad de 5ª xeración ou superior. No caso de móbiles con Android, comproba aquí a compatibilidade.
E a por todas!!
Os 10 equipos seleccionados para este reto seredes recibidos polos sabios da Orde do Dragal, que vos contarán todos os detalles da misión que vos van encomendar.
Galicia vaise converter nun gran taboleiro de xogo. Os participantes teredes que atopar os ovos de dragón esparexidos por toda a xeografía, a través de pistas que vos leven ata a súa posición. Pero tamén debedes escondelos para poñerlles as cousas difíciles aos vosos rivais.
Os 4 equipos con máis puntuación mediranse nunha final épica que ten como escenario a Alameda de Santiago. É ‘O Desafío Final’ do ‘Dragal Challenge’. Os ovos de dragón estarán escondidos en lugares significativos de Compostela. A rapidez descifrando as pistas será fundamental para atopalos antes que ninguén e convertervos nos gañadores do ‘Dragal Challenge’.
Enrólate nesta aventura épica que poñerá a proba a túa habilidade e coñecementos. Para participar neste desafío debes crear o teu equipo, formado por 1 adulto -que exercerá o papel de titor escudeiro-, e 4 nenos ou nenas de entre 6 e 16 anos. Únete en familia ou amigos e fai o teu equipazo.
Podedes crear un berro de guerra, disfrazarvos de dragón ou ‘facer o parvo’ o que queirades para gravar a vosa candidatura nun vídeo de non máis de 3 minutos de duración. Despois, só tedes que envialo antes do 5 de xaneiro á dirección de correo electrónico dragalchallenge@petisgo.gal.
A Orde do Dragón poñerase en contacto convosco para comunicarvos se sodes os elixidos para participar no ‘Dragal Challenge’.
Serás ti?
Moi atentos ao noso blog e ás redes sociais porque seguiremos descifrando enigmas.
+ info“