Desde Galaxia:
“Unha trintena de textos concorreron á sétima edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. A distinción recae neste 2024 en Cando o mundo é azul, da autoría de Óscar Reboiras Loureiro.
Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; Pilar Sampedro, vogal da A. C. Barbantia; e José Luis Baños, gañador da sexta edición, conformaron o tribunal encargado de tomar a decisión tras analizalas obras presentadas.
En representación do xurado, Calveiro manifesta que o ditame se toma por unanimidade e destaca a “escrita con sinxeleza e sensibilidade” que aborda os temas da diversidade, o amor, a interxeracionalidade e a redención nunha obra apta para un abano moi amplo do público infantil, que interpela directamente a intelixencia do lectorado. A historia estrutúrase arredor das relacións familiares, en que unha nai e seu fillo recuperan a figura dun avó ausente.
Reboiras xa publicou na obra colectiva Liñas compartidas (2019), o ensaio O cronista imposible: a obra periodística de Wenceslao Fernández Flórez (2019) e a novela A agonía das folerpas (2022). Tamén conta con galardóns en distintos certames.
O premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore e o repartimento de exemplares entre a rapazada da localidade, tal e como explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo. “Este certame continúa enriquecendo o catálogo de libros en galego para as xeracións máis novas e que así se vaia instaurando o hábito lector na súa rutina diaria”, engade a edil. (…)”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Fran Fernández Davila: “Nos Azores España estivo en guerra durante un día, e perdeu”
Entrevista de Pilar G. Rego a Fran Fernández Davila no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Con Groenlandia, a súa quinta novela, o autor gañou a 17ª edición do Premio de Narrativa Breve Repsol.
A novela, ambientada nos Azores, combina o estilo dos libros de viaxes coa literatura romántica, policial e de aventuras.
“Disque Groenlandia é a illa máis grande do mundo. Que todo está por desconxelar. E que ninguén sabe que atoparán alí cando o xeo marche. Que marchará seguro”.
A entrevista pode verse aquí.”
Salceda de Caselas: presentación de Cuspindo miserias, de Neves Rodríguez, o 26 de decembro
Arzúa: presentación de Púrpura Tero, de David Cortizo Conde
Noia: presentación de Historias de Barbantia
Serra de Outes: presentación de A noite do Oso, de Abel Tomé
Bertamiráns: presentación de A carón do lume, de Mónica Prego
Vigo: Homenaxe a Alfonso Zulueta
Entrevista a Lara Dopazo Ruibal sobre Contos Gringos
Entrevista de Belén Regueira a Lara Dopazo Ruibal na Radio Galega:
“Estes Contos Gringos naceron en Iowa, onde Lara Dopazo Ruibal realizou un máster en escrita creativa entre 2021 e 2023. A escritora marinense segue explorando os territorios do desacougo, o desconcerto e o sobrenatural, agora desde a condición de estranxeira. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Lara Dopazo Ruibal: “Gústame explorar a animalidade que hai no ser humano, que é bastante”
Entrevista de Ana G. Liste a Lara Dopazo Ruibal en Praza:
“(…) – Praza (P): De onde veñen estes Contos Gringos?
– Lara Dopazo Ruibal (LD): Teño a impresión de que os temas xerais son os que me interesan de sempre: hai moita animalidade, natureza desatada ou non controlable pola man humana, personaxes obsesivas que se levan ao extremo pola súa obsesión… Todo isto non é diferente doutras cousas que xa escribín, o que pasa é que o feito de cambialos de xeografía fai que cambie todo moito. Emprego os Estados Unidos como escenario e iso dálle como un baño de realidade, un verniz diferente: o verniz do estranxeiro, da outredade, do choque cultural… Todo isto vén da miña experiencia, eu voume vivir os Estados Unidos e escribo estes contos coa mochila do que a min me mola.
– P: Por que cambiou de continente?
– LD: Fun facer un mestrado de escritura creativa cunha bolsa da Universidade de Iowa. E Iowa deume unha experiencia nos Estados Unidos totalmente distinta a se fose a algunha das costas, Florida, Texas… Fun a un sitio que ten unhas características moi concretas e son as que aparecen, dalgún xeito, neste libro. Eu presento nos contos o que a min me apetece, non pretendo facer unha enciclopedia de Iowa nin me interesaba, pero está de fondo case todo o tempo.
– P: Por que Iowa?
– LD: Por moitas cousas, a primeira porque quería comprar tempo para escribir. Admiro moito á xente que é capaz de ter un traballo a xornada completa, fillos, can e gato e ademais escribir. A min normalmente non me dá a vida. Procesos complexos que me requiren documentación e tal, cun traballo a xornada completa, non os dou feito ou tardo oitenta anos. Marchar a Iowa era un xeito de mercar tempo, de ir a un sitio onde todo está deseñado para que te dediques a escribir.
Buscaba un programa de escritura que fose máis ou menos longo, e este é de dous anos, e que tivese unha bolsa para poder vivir diso. Nos Estados Unidos creo que polo momento só hai tres programas así en español e o de Iowa cumpría todas as condicións. Entón, decidín probar. (…)”






