Viveiro: inauguración da Feira do Libro e sinatura das súas obras a cargo de Xabier P. Docampo

O venres 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro, que se celebrará nos xardíns de Noriega Varela até o luns 16. O acto de inauguración celebrarase ás 13:00 horas, encargándose de ler o pregón Xabier P. Docampo, quen, a partir das 19:30 h., asinará exemplares dos seus libros.
Neste mesmo día, a partir das 20:30, celebrarase unha charla sobre Territorios da memoria e espazos imaxinarios, na que participarán o propio Xabier P. Docampo, Ramón Pernas, o poeta e ensaísta Emílio Xosé Ínsua e a artista plástica Renata Otero, e que estará aberta tamén á participación do público.

Emílio Xosé Ínsua: “Facemos literatura fértil e a sociedade non a pon en valor”

Entrevista a Emílio Xosé Ínsua en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura galega, malia todo, vive un momento de esplendor…?
Emílio Xosé Ínsua (EMÍ): Non sei se “esplendor” é o termo axeitado. Que hai sobrada calidade, pluralidade e interese en moito do que se escribe en galego é un feito evidente. Mais que existe un cortocircuíto case permanente entre esa produción cualitativamente relevante e amplas capas da poboación destinataria ou lectora, tamén. E nesa contradición nos movemos. Temos unha literatura madura, fértil, potente, mais nunha sociedade que, por unhas ou por outras razóns, non a ampara, non a recibe ou non a valoriza como sería de desexar.
GH: A crítica, o ensaio e a poesía son áreas propias de Emilio Xosé?
EMÍ: Agora mesmo, todo o que escribo oriéntase á crítica, á divulgación e ao ensaio. A poesía téñoa case completamente abandonada e outros xéneros, sinceramente, non me tentan. O último libro que escribín, que acaba de publicarse da man do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, leva por título Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo). É unha monografía que combina a perspectiva da historia local co compromiso polo idioma, pois entra de cheo no debate sobre a restauración da auténtica toponimia galega.

A entrevista completa pódese consultar aquí.

Viveiro: presentación de Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), de Emílio Xosé Ínsua

O sábado 17, ás 21.30, preséntase na Aula de Cultura de Caixa Galicia de Viveiro o libro Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), do escritor Emílio Xosé Ínsua, publicado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro. No acto, de entrada libre, participarán, ademais do autor do libro, os intelectuais viveireses Carlos Nuevo Cal e Fausto Galdo Fernández.
O volume, impreso en Gráficas Neira, está dividido en tres grandes apartados. No primeiro, o autor repasa a historia do porto sancibrense, con abundantes referencias novidosas, e comenta a bibliografía existente sobre ese particular. No segundo apartado entra de cheo na cuestión polémica do nome da localidade, explicando a súa orixe, a súa motivación, etc. e achegando numerosos documentos e elementos que proban a historicidade, corrección e pertinencia da forma San Cibrao, tan cuestionada ultimamente por algún sectores. Finalmente, no terceiro e derradeiro apartado, como Apéndice, ofrécese o ensaio “San Cibrao por volta de 1908”.

San Cibrao: presentación de Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), de Emílio Xosé Ínsua

O mércores 14 de xullo, ás 20:30, preséntase na Casa da Cultura de San Cibrao o libro Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), do escritor Emílio Xosé Ínsua, publicado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro. No acto, de entrada libre, participarán, ademais do autor do libro, os intelectuais viveireses Carlos Nuevo Cal e Fausto Galdo Fernández.
O volume, impreso en Gráficas Neira, está dividido en tres grandes apartados. No primeiro, o autor repasa a historia do porto sancibrense, con abundantes referencias novidosas, e comenta a bibliografía existente sobre ese particular. No segundo apartado entra de cheo na cuestión polémica do nome da localidade, explicando a súa orixe, a súa motivación, etc. e achegando numerosos documentos e elementos que proban a historicidade, corrección e pertinencia  da forma San Cibrao, tan cuestionada ultimamente por algún sectores. Finalmente, no terceiro e derradeiro apartado, como Apéndice, ofrécese o ensaio “San Cibrao por volta de 1908”.

Vigo e Lugo: un ensaio sobre Maruja Mallo leva o premio Ánxel Fole

O xoves 26 de novembro, ás 18 horas, no centro cultural de Caixagalicia en Vigo (Rúa Policarpo Sanz, nº 15), Carlos Nuevo Cal e Emilio Xosé Ínsua darán a conferencia Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, que tamén é o título do ensaio polo que recibirán ao día seguinte, venres 27 de novembro, ás 21 horas, o 23º premio de ensaio Ánxel Fole no Círculo das Artes de Lugo. A entrada é libre.