Desde a Deputación da Coruña:
“O XVIII Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña xa ten gañadora e gañador. Na reunión do xurado, resultou seleccionada na modalidade xeral a obra Rosalía Oculta, da autoría de Paula Mayor Agrelo, mentres que na modalidade LIX foi elixida a obra O día de San Martiño, de Cristian F. Caruncho.
Nesta edición o xurado estivo composto por ilustradoras e ilustradores cunha recoñecida traxectoria na creación de banda deseñada como David Rubín, Emma Ríos, Anabel Colazo e os gañadores do ano pasado Siqi Luis Yang e Uxía Larrosa.
Da obra Rosalía Oculta, o xurado salientou a súa orixinalidade á hora de abordar un xénero como o biográfico escapando do relato histórico para poñer o foco na parte humana da icona literaria. Os membros do xurado tamén valoraron positivamente a estética “moi delicada que casa perfectamente co espirito romántico e decimonónico da obra de Rosalía de Castro”.
Mentres, da obra O día de San Martiño, o xurado subliña que o rural galego é o latemotiv da obra escollendo o western e o manga como soportes para achegalo a unha ampla audiencia, abordando a mestura de xéneros dun xeito honesto e maduro. Tamén puxeron en valor “o debuxo e a narrativa moi ben executados e o descaro divertido que enlaza moi ben todos os xéneros dentro da cultura pop”.
Cada un dos premios está dotado con 6.500 euros, ademais da publicación das obras.”