Henrique Monteagudo: “O Cancioneiro de Afonso Paez testemuña que o cultivo poético do galego permaneceu despois da escola lírica galego-portuguesa”

Entrevista a Henrique Monteagudo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como foi o achádego do Cancioneiro de Afonso Paez?
– Henrique Monteagudo (HM): A descuberta foi realizada en 2011 por Dolores Pereira Oliveira, do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, e Gabriel Quiroga, daquela Director do Arquivo de Galicia. Estaban a revisar un rico fondo documental propiedade de dona Pilar Iglesias Osorio, un fondo que proviña dunha rama da familia Osorio, unha das máis relevantes da nobreza galega da idade moderna, aparentada cos Pita da Veiga, os Andrade e os Lemos. Ese fondo contén documentos de distinto tipo desde o século XV en diante.
Sorprendeulles atopar polo medio uns textos en verso galego, xuntos a uns instrumentos notariais labrados en Ferrol entre 1432 e 1435. Gabriel pediume que informase sobre a antigüidade, carácter e valor filolóxico daqueles textos. Ao comprobar a súa data e ver que eran totalmente inéditos, decateime inmediatamente de que estabamos ante un testemuño excepcional do cultivo poético do galego nos finais do século XIV e comezos do XV. A sospeita inicial converteuse en certeza ao analizar a súa lingua e comparalos coas composicións coetáneas contidas no Cancionero de Baena, compilado en 1435.
E, por certo, o achado demostra a importancia de contar cun bo corpo profesional de arquiveiros, que fan un traballo magnífico e pouco lucido, pero que resulta fundamental para a conservación e valorización do noso patrimonio, tamén el ameazado pola política de recortes dos servizos públicos. (…)
– SG: Que relevancia ten para a nosa historia literaria a aparición destes textos?
– HM: O cancioneiro testemuña que, contra o que se pensaba, o cultivo poético do galego permaneceu despois do apagamento da escola lírica galego-portuguesa, isto é, despois de 1350. E non só nas cortes de Castela e en man de poetas basicamente casteláns, senón tamén en Galicia e por poetas galegos. Isto é extraordinario, se pensamos que en Portugal non temos case ningún exemplo de poesía desde 1350 ata case a metade do século XV. Por outra banda, a poesía en castelán dese período, recollida no Cancionero de Baena, ten un carácter ben distinto aos textos que acabamos de traer a lume. En realidade, o descubrimento ten unha grande importancia para toda a historia literaria peninsular. (…)”

Santiago: presentación de “En cadea sen prijon”. Cancioneiro de Afonso Paez

O martes 30 de abril, ás 12:00 horas, no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, preséntase “En cadea sen prijon”. Cancioneiro de Afonso Paez, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con edición de Henrique Monteagudo, e que ten por obxecto o estudo e edición dun conxunto de composicións poéticas medievais que foron descubertas recentemente nun arquivo familiar en Lugo. No acto, xunto ao seu editor, participa tamén Ramón Lorenzo.