Rexina Vega: “A figura paterna márcanos tanto como a materna, detesto esa hiperinflación da maternidade como valor absoluto”

Entrevista de Montse Dopico a Rexina Vega en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [O estado intermedio] colle o título da idea do estado transitorio que segue á morte do budismo. E a partir da mesma érguese boa parte da estrutura da novela. Por que?
– Rexina Vega (RV): A idea de profundar neses 49 días despois do deceso tomeina dunha noveliña de Antoine Volodine, Bardo or not bardo. Cando xa estaba metida en fariña vin tamén unha película de Gaspar Noé, Enter the void, que trata o mesmo tema. Alén diso, xusto comecei a escribir logo dun período, poderíamos dicir que espiritual, e que en realidade estaba provocado pola crise da madurez e a menopausa, unha sacudida vital da que non hai aínda rexistros abondos, e que me levou a pescudar intensamente no budismo. Cadraba tamén no tempo a miña lectura, febril, da obra de John Berger, que ten unha dimensión que rescata a comunicación entre os vivos e os mortos. Con todo iso abriuse para min unha porta, a morte interésame desde sempre, creo que tiro máis ao Tánatos có Eros. Que pasa cando morremos?
– P: Unha filla volve á casa do pai para vendela e poder afastarse así do pai que non foi, que rexeita. É un tema moi presente na literatura, e máis aínda, penso, na literatura galega dos últimos anos: a volta a algún lugar da infancia para arranxar contas pendentes. Por que pode estar tan presente no noso contexto?
– RV: Este é un dos grandes temas, está claro, aquí e na literatura universal. A relación co pai, co nai é un subxénero en si mesmo. Eu creo que este tema ten máis presenza agora pola auxe da autoficción. Poucas cousas máis importantes nos pasan na vida que enterrar un proxenitor!! Agora, pode que teñas razón, e que nese axuste de contas que significa o punto final dunha relación sempre agónica, inclúase no noso caso o desexo tamén de matar o mundo ao que eles pertencen. De todos xeitos, no meu caso, a cultura labrega, o mundo rural non é visto como un problema, é visto como unha paisaxe. Eu, coma xa moita xente en Galicia, son filla dunha cultura urbana que mantén fortes vínculos co rural, un rural máis amable, desactivado, exótico e ao tempo presente nas capas profundas da identidade. Interesábame pescudar aí.
– P: Ao pai amolábao a vida que tiña. Molestáballe a muller, os fillos, o traballo. Tiña unha vida que non escollera, como era -e é- habitual. Refúxiase nas tabernas, nos compañeiros, nalgún momento na política. O pai é un personaxe típico do seu tempo: home frustrado, pai e marido egoísta. Por que é así? Dalgún xeito quixeches retratar un xeito de ser obreiro e pai dunha época?
– RV: Outro dos meus intereses ao escribir O estado intermedio é trazar a educación sentimental dunha xeración, dos pais e das nais, de todos. Quería comprender á xeración que protagonizou a Transición, e que é singular en moitos aspectos. Son fillos do franquismo de primeira hora, algo que equivale a dicir que foron educados nun mundo ficticio no que non había pasado. Eles medran aí nese baleiro, nese silenciamento e nas historias fantasiosas do réxime que debuxaba unha guía moi clara e nidia de actuación. Na mocidade esa xeración, en masa, rompe con aqueles cánones tan tan claros, a Transición é un movemento dunha extraordinaria violencia dentro das cabezas.
Esa xeración matou doutro xeito o pai e a nai, dun xeito moito máis frontal que ningunha das anteriores e posteriores. Abriron camiños de liberdade no persoal, pero tiñan unha cadea dentro, reaccionaban contra os valores nos que foran educados e nos que se construíran, pero nunca os esqueceron. Ese modelo de home, que non é exactamente un obreiro, senón un desclasado cheo de contradicións é o que quería reproducir. Curiosamente, pensei moito en Carlos Casares, tamén fillo de mestre e educado no seminario. Salvada a enorme distancia co protagonista do meu libro, creo que esa figura tamén representa á perfección o claroescuro dunha xeración de homes. (…)”