Estas son algunas das fotografías da Homenaxe Letra E – A Escritora na súa Terra a Pilar García Negro, que tivo lugar o pasado sábado 10 de xuño en Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Arquivos da etiqueta: Escritora na súa Terra
Intervencións de Mercedes Queixas, Cesáreo Sánchez e Pilar García Negro na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E (Salón de Plenos, Lugo)
Aquí poden lerse as intervencións de Mercedes Queixas (acta de concesión da Letra E), Cesáreo Sánchez Iglesias e Pilar García Negro (resposta á laudatio de Carme Fernández Pérez-Sanjulián) na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, o pasado sábado 10 de xuño en Lugo, no Salón de Plenos do Concello.
Intervencións de Cesáreo Sánchez e Pilar García Negro na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E (inauguración do monólito, Lugo)
Aquí poden lerse as intervencións de Cesáreo Sánchez Iglesias e Pilar García Negro na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, o pasado sábado 10 de xuño en Lugo, na inauguración do monólito dedicado á autora na Praza de Ferrol.
Laudatio de Carme Fernández Pérez-Sanjulián na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E a Pilar García Negro
Aquí pode lerse a laudatio de Carme Fernández Pérez-Sanjulián lida na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E a Pilar García Negro, o pasado sábado 10 de xuño en Lugo.
Pilar García Negro: “Confórtame ver que hai moitas persoas que valoran o que eu levo valorando tantos anos”
Artigo en Sermos Galiza:
“Pilar García Negro recibiu na mañá do sábado na cidade de Lugo a homenaxe organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co gallo da vixésimo terceira edición da súa iniciativa anual A Escritora na súa Terra-Letra E.
Nun salón de plenos consistorial ateigado de persoas e “a rebordar de afectos”, tal como o definiu o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, a protagonista manifestou o seu agradecemento á entidade e á encargada de realizar a laudatio, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, e expresou o seu nerviosismo e preocupación previas ao acto “por non aburrir a tantas amigas e amigos”.
García Negro só tivo palabras de agradecemento para as persoas presentes e asegurou que “o que me conforta é ver que hai moitas persoas que valoran o que eu levo valorando tanto tempo”. Así, en concreto, asegurou que “partillamos obxectivos concretos sobre a difusión práctica da lingua galega, a ampliación de obras de literatura no noso idioma, o pulo a un maior coñecemento de nós propios, da nosa historia… En fin, foi un acto moi esperanzador porque te encontras moi arroupada”.
A escritora luguesa quixo relativizar as palabras que os seus compañeiros e compañeiras dixeron ao longo do acto “porque ben sei que son hipérboles do cariño”; porén, expresou a súa intención de seguir traballando nos anos seguintes “para estar á altura deste recoñecemento” á “ourive da lingua”, en definición do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez.
O xantar de confraternización puxo fin a un programa que non se limitou ao acto do Concello. Deste xeito, ás 11:30 horas, a praza de Ferrol acolleu o descubrimento do monólito conmemorativo e a plantación da árbore, neste caso un magnolio, elección da propia homenaxeada.”
Pilar García Negro: “Para os poderes hoxe dominantes, en coñecéndoa ben, Rosalía é intragábel”
Entrevista de María Obelleiro a Pilar García Negro en Sermos Galiza:
“Profesora da UDC, autora de numerosas obras ensaísticas e de investigación e colaboradora de Sermos Galiza, Pilar García Negro (Lugo, 1953) vén de ser recoñecida pola AELG co premio Escritora na súa Terra, que recibirá en Lugo no mes de xuño. Conversamos con ela no Sermos Galiza 235, á venda xa na loxa e nos quiosques, sobre literatura galega e feminismo, sociolingüística ou didáctica. Eis un avanzo da entrevista.
– Sermos Galiza (SG): Non resulta común que se premie unha escritora pola súa traxectoria no xénero do ensaio e da investigación.
– Pilar García Negro (PGN): Segundo me dixeron, a AELG deu a valer esta modalidade literaria, acompañada da condición feminina, e tamén co valor concedido a unha vontade continuada de moitos anos por socializar o valor irrenunciábel da lingua de noso, non só no ensino, senón abrindo o abano da forma máis ampla posíbel. O ensaio, na tradición literaria galega, é importantísimo e non por causalidade, xustamente porque nacemos, en toda a historia contemporánea, tendo que explicarnos, tendo que defender que somos unha patria e unha nación con dereito á permanencia no mundo e na humanidade. Por tanto, aí hai unha carga didáctica, discursiva, apoloxética, xa desde Rosalía de Castro, nos ensaios que anteceden as dúas obras maiores, Cantares e Follas novas, e esta vontade ten a ver cunha proclama da nosa propia existencia e da necesidade de evidenciala tanto para dentro como para fóra. Non é de estrañar, por estas razóns históricas, que exista toda unha continuidade, xa con moito afán alentada na literatura do primeiro terzo do s. XX e con presenza renacida a partir dos 60. Ora, eu non son máis que unha peza dun mosaico que debe medrar…
– SG: Cal é a situación do ensaio? Cando menos a nivel certames e de edición non semella ter demasiada difusión.
– PGN: Hoxe partimos dunha situación bastante confusa. En xeral, hai unha determinación do capitalismo globalizado en que se desestimen por enteiro as humanidades e se concebe a literatura como algo inútil ou ornamental, non sendo a dos intelectuais orgánicos e comercialmente rendíbeis. No noso caso, isto dobremente determinado ou condicionado polo imperio do español co auxiliar do inglés. Por tanto, nese esquema, nós, galegos e galegas, con vontade de permanencia e de normalización da nosa lingua e exteriorización da nosa cultura, pintariamos moi pouco ou mesmo nada. Mais hai un outro factor, unha pulsión nos últimos tempos moi forte de individualismo, de presenza pública, de ver o nome impreso, haxa algo que dicer ou non. Aí o ensaio pode resentirse aínda máis porque, por ruín que sexa, precisa dun traballo previo de documentación, de consulta bibliográfica e, desde logo, de coñecemento de todas as fontes relevantes realmente excelsas que ten a nosa tradición literaria. Dáme a impresión de que nunha parte grande da chamada literatura de creación actual galega hai unha grande ignorancia da historia literaria, que é explosivamente boa e valiosísima, hai un descoñecemento grande desa tradición. Insisto, non xulgo, é a miña impresión. Hoxe non está de moda o ensaio, que é pensamento, discurso reflexivo, oferta de elementos para un debate, interpretación, e risco nesa interpretación. E iso non interesa porque hoxe é o que se impón, nunha forma omnímoda, é ese pensamento único de que se falaba hai tempo. (…)
[A íntegra da entrevista aparace no Sermos Galiza 235, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén aquí.]
Marilar Aleixandre homenaxeada pola AELG
A homenaxe “A Escritora na súa Terra”, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega este ano a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura de Marilar Aleixandre, que será homenaxeada o sábado día 5 de xuño en Santiago de Compostela. Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Aelg, e tense constituído ao longo de máis dunha década como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural. Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor, e que neste caso é un abruñeiro), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a.
Programa de actos
Sábado, 5 de xuño de 2010 (11:45 horas) – Parque Avda. de Barcelona (Santiago de Compostela): Plantación dun abruñeiro (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo. Descubrimento da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao parque. Interveñen: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg; Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg; Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; Marilar Aleixandre.
13,00 horas – Salón Nobre do Pazo de Raxoi (Santiago de Compostela): Acto de entrega da “Letra E”. Interveñen:Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg; Ana Romaní: Laudatio. Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas. Intervención da homenaxeada: Marilar Aleixandre.
14,30 horas – Hotel-Restaurante “Palacio del Carmen” (Rúa das Oblatas s/n, Santiago de Compostela): Xantar de confraternidade aberto aos/ás socios/as da Aelg, á vecindade de Santiago de Compostela e demais persoas interesadas.
Sigue lendo