A tradutora americana Kathleen March espera “non ver a morte do galego”

DesdeKathleen March Galicia Hoxe:
Kathleen March, catedrática de linguas modernas da Universidade de Maine en Estados Unidos e tradutora de autores de Galicia ao inglés, confiou en non chegar a ver “a morte do galego”, unha lingua o futuro da cal dependerá da propia sociedade e do coidado do pobo para trasmitirla de xeración en xeración
Nunha entrevista concedida a Europa Press, March recordou que leva escoitando “preocupacións” sobre a desaparición do galego ou pola perda de falantes dende hai décadas e que, non obstante, aínda “segue aí”, aínda que considerou que o destino do idioma “non depende dos políticos”. “Depende de vós”, engadiu.
“A xente podería falar máis, coidar máis a calidade da lingua, iso sempre, pero aínda está aí. Máis que nada teño fe na importancia da lingua, como parte da identidade galega”, destacou, sobre a súa visión acerca da situación do idioma nos últimos anos.
March contrapuxo Galicia coa situación de Estados Unidos onde “o capitalismo está a facer estragos, en todos os sentidos”, cunha sociedade “amante das grandes empresas”, descoñecedor da historia e onde a cultura “non é cultura nin é nada”.
“Mañá poderían dicir que todos imos falar a lingua de Mickey Mouse”, ironizou, e que usou para constatar que Galicia “ten máis posibilidades de sobrevivir”.
A pesar diso, si escoita e le as críticas de “moitos amigos” sobre a situación do idioma incidindo en que “os galegos que falan galego van poder manter viva a lingua”. “Adiante co galego e a seguir tendo orgullo, non cuestionando a súa posibilidade de seguir en pe”.
A tradutora tamén incidiu en que se incrementou o volume de estudosos de literatura galega no exterior, sobre todo a partir da “aparición de Internet e medios de comunicación” electrónicos que permiten ter acceso a obras ás que antes só podían acceder mediante a compra física en Galicia.
“Hai moito que se pode facer. Somos estranxeiros, e sabemos que existe unha cultura e unha lingua e podemos axudar, a valorar, visibilizar, e a traducir. Temos unha pequena cousa coa que contribuír nese sentido”.
March acudiu a Santiago para participar no a XXVIII edición dos Cursos de Lingua e Cultura Galega para estranxeiros da RAG, na que falou sobre a súa investigación da literatura de viaxes por parte de escritoras anglosaxonas que acudían a descubrir a cultura de Galicia.
“Querían coñecer a arte, a historia, a arquitectura. Lían moito sobre a historia da Igrexa”, engadiu, aínda que tamén “tiñan outro xeito de ver as cousas” e querían “falar coa xente, observar doutro modo”.
Sobre todo, manifestou “moito interese” en comprender o xeito en que se achegaban á poboación para “coñecer as cousas da xente”, a súa vida, dado que “practicamente non sabían” galego, e que en aquel tempo España aínda “non era obxectivo de moitos viaxeiros”, polo que chegar a Galicia era “máis aínda un desafío”.