VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e reliquias. Usos e crenzas, a celebrar en Lugo o 25 de outubro

CartonPlumaVIIXLitOral2014-72pppA1410344862726banner-VIIXLOral2014 VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e Reliquias. Usos e crenzas, que terá lugar o sábado 25 de outubro, é unha actividade organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo.

Aberto o prazo de inscrición (até o 23 de outubro):
– O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG.

Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 25 de outubro de 2014.
Horario: Mañá de 10:15 a 14:00 h. e tarde de 16:00 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8).
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula: Gratuíta.
Criterios de selección, se procede: Por rigorosa orde de inscrición na web da AS-PG, tendo preferencia os socios-as e afiliados-as á AS-PG e á AELG.

Falaremos de usos e crenzas arredor de amuletos e reliquias, esas cousas boas que fan de intercesores entre os humanos e as potencias (sexan estas deuses ou demos) do sobrenatural.
Os amuletos son obxectos, xeralmente pequenos e portátiles, que atendendo á forma ou ao material do que están feitos usáronse e aínda se usan, segundo crenzas ben arraigadas, para atraer a sorte ou para afastar o mal.
As reliquias teñen a orixe no martirio dos primeiros cristiáns, cuxos restos eran conservados e venerados. No século XVI o Concilio de Trento acrecentou este tipo de culto e propagou a fe masiva nos seus efectos beneficiosos, pondo en marcha, de paso, un fascinante negocio.
Estoxos, medallóns, escapularios ou relicarios con presuntos fragmentos do corpo ou de lugares santificados son o gran reclamo comercial de catedrais, igrexas e santuarios, como o é a posesión e a manipulación de amuletos para toda caste de taumaturgos.
Contaremos co saber de especialistas como Mª Rosa dos Santos Capelão, investigadora das funcións, usos e prácticas das reliquias ou “santas medicinas” en Portugal, Eusebio Rey Seara, historiador especialista en amuletos da época romana en Galicia, o escritor Calros Solla, propietario dunha colección de máis de 300 amuletos e talismáns (alicornos, pedras da pezoña …) e con Alfonso Blanco Torrado, crego rural con longa experiencia como observador dos usos, tanto de amuletos como de reliquias.
Maxia, fe, razón, superstición? Velaí a cuestión.

PROGRAMA

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
10:30 h. – 11:30 h. Conferencia. O racional e o irracional do culto de reliquias, por Rosa Maria dos Santos Capelão.
Desde o Concilio de Trento para acó a igrexa católica regulou e controlou todo o relacionado co uso das reliquias, as “santas medicinas” que o pobo crente sempre demandou. A relatora expoñerá as conclusións das súas investigacións sobre o tema.
11:30 h. – 12:30 h. Conferencia. Facianas da capacidade sandadora do pobo dende a nosa cultura, por Alfonso Blanco Torrado.
A protección da saúde é o eixe central das peticións dos crentes para obter o favor divino, razón pola que acode a santuarios e igrexas, someténdose aos ritos e prácticas tradicionais.
12:30 h. – 14:00 h. Mesa redonda. Usos, abusos e outras prácticas relacionadas coas “santas medicinas”. Rosa Maria dos Santos Capelão e Alfonso Blanco Torrado. Coordina: Antonio Reigosa.
Oportunidade para que o público asistente poida facer preguntas, así como para o moderador pór en relación as dúas conferencias previas e así ampliar puntos que se consideren de especial interese.
16:00 h. – 17.00 h. Conferencia. Amuletos e reliquias: usos e crenzas. Unha mirada na antigüidade, por Eusebio Rey Seara.
O coñecemento do uso dos “obxectos de poder” no mundo clásico antigo é fundamental para entender a súa función na sociedade actual. O relator, especialista en amuletos do mundo romano na antiga Gallaecia, achegáranos ese saber a través dos textos e dos achados arqueolóxicos que se conservan.
17:00 h. – 18:00 h. Conferencia. Amuletos, talismáns e pedras da fartura. Obxectos de poder da Galiza tradicional, por Calros Solla.
O estudo da nosa cultura popular tradicional ofrece a posibilidade de ver e ocar numerosos tipos de amuletos, en moitos casos aínda en uso. Esta é oportunidade que nos ofrece o relator que, ademais de investigador, é coleccionista destes obxectos.
18:00 h. – 19:30 h. Mesa redonda. Entre a maxia e a razón. O enigmático poder dos amuletos, con Eusebio Rey Seara e Calros Solla. Coordina Isidro Novo.
Oportunidade para que o público asistente poida facer preguntas, así como para o moderador pór en relación as dúas conferencias previas e así ampliar puntos que se consideren de especial interese.
19:30 h. – 20:30 h. Mostra de amuletos e reliquias ao vivo: usos e crenzas explicados por propietarios/as e usuarios/as.

ProgramaVIIXLitOral2014-100ppp

CartelVIIXLitOral2014-100ppp