Anúncianse as/os gañadoras/es do Premio literario da Unión Europea

O European Writer´s Council (EWC), no que participa a AELG desde 2009, vén de anunciar as/os gañadoras/es ao Premio literario da Unión Europea na súa edición do 2020.
Nesta edición, marcada tamén pola forte impronta do COVID-19, as/os gañadoras/es déronse a coñecer a través dunha emisión en directo vía a páxina web oficial do evento e as súas redes sociais.
En palabras da Comisaria de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Xuventude, Dona Mariya Gabriel: “Na crise actual confiamos máis que nunca na axuda das autoras e autores, creadoras e creadores, para poder soportar o aillamento de estarmos confinados. Ler é un xeito poderoso para sentir emocións fortes, para nos transportar a distintos universos no tempo e no espazo, e para coñecer novos personaxes, todo desde a casa. Parabéns a todas as gañadoras e gañadores deste ano do Premio Europeo de Literatura”.
O Premio está organizado polo agrupamento de tres institucións: o EWC, a Federación Europea de Editoras (FEP) e a Federación Europea e Internacional de libreiros (EIBF), co soporte económico de Creative Europe, facendo posíbel que todos os países da Unión Europea poidan participar coas súas creacións.
Entre as/os trece gañadoras/es destacan obras de Bélxica, Bosnia, Croacia ou Cataluña (por primeira vez, por parte do Estado Español hai unha gañadora que non escribe en castelán, neste caso, Irene Solà, por “Canto jo i la muntanya balla”). A lista completa de obras premiadas está dispoñíbel na web da EWC.