Pontevedra: exposición Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950, comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez

Do venres 2 de decembro ao domingo 29 de xaneiro, na Fundación Novacaixagalicia de Pontevedra (Praza de San Xosé, 3), poderase visitar a exposición Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950, comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez. Recollemos a reportaxe publicada en Cultura Galega:
‘A evolución de 50 anos de arte galega a través dos retratos. Esta é a grande aposta expositiva de Novacaixagalicia para o outono que comeza. Unha selección de 55 lenzos e debuxos que arrincan en 1894 co Retrato de Gala Murguía, de Ovidio Murguía e ata 1952 cun Autorretrato de Laxeiro. Toda unha panorámica cos principais pintores do noso país na que se poden seguir cuestións como a influencia das vangardas, a pegada da guerra ou a tensión entre realismo e evasión. Carlos López Bernárdez, comisario da mostra, explícanos algunhas das claves desta iniciativa.
“A idea da exposición está na liña de poder seguir a evolucíon da pintura galega dun xeito afastado da visión tradicional”. Para López, “o restrato permite afondar no proceso de modernización da pintura galega desde finais do XIX e comezos do vinte por medio deste xénero”. E é que, para Carlos López, este xénero resulta particularmente acaído para analizar a evolución da pintura galega. “O retrato sobrevive, tanto na arte galega como na internacional porque a súa función social non rematara, especialmente na primeira metade do século XX”. É dicir, a importancia do retrato como símbolo de estatus para determinadas figuras ou clases seguiu vixente nos comezos do século pasado. Canda a isto o xénero “adoptou novas funcións vencelladas ao estilo. O retrato pasa a se empregar como un medio de expresión para procuras formais. Interésame en particular, neste campo, o xeito como a arte galega funciona con rexistros totalmente homologables aos da arte máis internacional. Isto fai del un dos posibles espellos para seguir a arte galega neste período”. (…)’.