Faíscas, a creatividade é terapia

Entrevista de Laura Fernández a Xoán Carlos Domínguez Alberte e Minia Domínguez Diéguez en La Región:
“(…) Faísca é esa partícula incandescente que se produce polo choque entre determinados corpos, como a cinza que salta do lume. É tamén o nome do novo poemario de Xoan Carlos Domínguez Alberte.
O máis persoal e desgarrador traballo do autor de Escudeiros (Ramirás) xurdiu dunha situación familiar difícil, na que se mergullou a súa filla maior, Minia Domínguez, de 18 anos. “Faíscas é un libro de poemas que trata de dar desafogo a unha situación familiar moi difícil, en relación cunha doenza grave e mantida no tempo, case catro anos e moitas hospitalizacións”, lembra o poeta, quen, como nunha catarse ante o que lle estaba a ocorrer á súa filla, envorcou case en tempo real e sobre o papel unha partitura poética popular con moitas doses terapéuticas.
A primeira parte “son reaccións ao día a día da enfermidade. E a segunda tamén, pero xógase coa (im)perceptible complicidade da natureza. Iso é Faíscas”, resume Domínguez Alberte, quen recoñece que o proceso creativo “a min axudóume a facerlle fronte á adversidade durante moito tempo” (…)”

Sete compañías na Mostra de Teatro Amador do Carballiño

Desde Erregueté:
“Seis obras e unha máis fóra do certame, conforman o programa da XI Mostra de Teatro Amador, que organiza o grupo de Teatro Tiruleque, e que se desenvolverá os sábados e domingos entre o 7 de outubro e o 4 de novembro no auditorio Manuel María do Carballiño. Trátase de seis comedias e un drama, que foron elixidos polo xurado da mostra entre vintecinco propostas recibidas.
Por primeira vez, esta mostra de teatro instaura un Premio do Público que elixirá a mellor obra e que terá unha dotación de 500 euros. Igualmente, os integrantes de Tiruleque designarán a mellor obra (que pode coincidir ou non coa do público), e que terá como premio acudir á duodécima edición do festival.
Todas as obras darán comezo ás 19:00 e o prezo para cada función será de 3 euros.

Programa
7 de outubro: DITIRAMBO TEATRO (Montrove-Oleiros) con Anónima 18.
20 de outubro: O CATRE TEATRO (As Pontes) coa comedia O medo meu.
21 de outubro: GARGALLADA TEATRO (O Barco) con O xogo de Versalles.
27 de outubro: A. C. FAÍSCAS (Arteixo) con Un fiambre, unha rosca e un cancán.
28 de outubro: TEATRO MUXICAS (Ourense) con O inspector.
3 de novembro: O TRASNO TEATRO (Comesaña-Vigo) con En venda.
4 de novembro: Grupo invitado MARTABELAS (Recesende-Teo) con A cousa de Bernarda Alba.

Imaxe: O inspector de Teatro Muxicas. Foto de Lucía Estévez.”

Ourense: encontros de María Canosa con alumnado do Colexio Concepción Arenal

O luns 19 de maio, ás 12:00 horas, no Colexio Concepción Arenal de Ourense (Rúa Juan Manuel Bedoya, 22), María Canosa manterá un encontro con alumnos de Educación Primaria arredor do seu libro Matías, un pito de campionato, publicado en Galaxia.
No mesmo espazo, ás 16:00 horas, manterá outro encontro con alumnado de 3º e 4º de ESO, arredor do libro Faíscas, tamén publicado por Galaxia.