Kruckenberg, por Xosé Luís Méndez Ferrín

ArtigoMaría do Carme Kruckenberg de Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:
“Indica González Alegre, que Carmen escribía poemas en galego aos dezanove anos. Tales textos foron editados en 1956 na colección Alba de Vigo co título de Cantigas do Vento. A partir desta publicación o uso literario, e naturalmente oral, do galego foise facendo máis e máis frecuente en Kruckenberg, até chegar a ser absolutamente preponderante. Nisto, ela, como outros poetas da que chamamos Promoción de Enlace da importancia de Cuña Novás ou Luz Pozo Garza, practica no seu discurso unha viaxe ao monolingüismo galego, o cal alegrou moito aos seus amigos nacionalistas.
No remol da memoria eu sempre sitúo María Carmen Kruckenberg nos cafés literarios e nos ambientes máis cálidos e selectos de Vigo, do Derby ao Suevia pasando pola Marisquería e o Barlovento. Ela é unha bela muller de ollada directa e xestos sobrios de trinta e tantos anos de idade. Mais, de repente, tamén podo vela a ela entrar na Coupole de París ou sentarse a cear coas súas amizades lisboetas nunha casa de fados de Alta. Ela móvese moito. Nembargantes, non para de estar en Vigo, como chantada. Certo, podemos coincidir con Kruckenberg no Gijón de Madrid, precisamente nas mesas da esquina do fondo onde toma parte na tertulia diaria de Buero Vallejo. Pero tamén, e non hai demasiados anos, á Kruckenberg apetecíalle facelo e montaba unha “Homenaxe a Vigo” que consistiu nun recital de masas no que a cidade recibia os cantos dos seus poetas, con Martín Codax á fronte.
Hai tempo que eu sosteño que A sombra ergueita é o libro máis valente, mesmo ousado, rotundo e vivo da autora. Pertence esta obra, inscrita na longa tradición do lirismo radical que frecuentan algúns grandes da nosa literatura, de Meendiño a María Mariño. A sombra ergueita, que denota unha formación xeracional de esquerda existencialista, é o primeiro grande libro de Kruckenberg, ao que seguirán outros. Lembro agora que Álvaro Cunqueiro, quen alén de poeta foi un detectador de poetas de fino olfacto, soubo ver, nun artigo do FARO que se perdeu na corda frouxa do horizonte, tal vez tralos catro horizontes de Louis Aragon, na de Kruckenberg unha voz púdica na cal a efusividade é eliptica e o sentimento, por veces, atroz. Fóisenos a amiga de tantos anos. Morreu María del Carmen Kruckenberg Sanjurjo e con ela estanse indo farrapos do noso pasado, anacos do noso corazón máis urbano e marítimo.”

O soño de Rosalía de Castro pervive en Galicia

ArtigoEuSonRosalia___(1) de Amaia Mauleón en Faro de Vigo:
“Flores, música e poemas para lembrar a Rosalía. A poetisa galega segue presente no corazón dos galegos e así se demostrou onte nos numerosos actos que, por toda Galicia, homenaxearon á autora no día en que se cumprían 178 anos do seu nacemento. (…)
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) tratou ademais de implicar aos mozos na homenaxe animándolles a utilizar as redes sociais e Internet para difundir a súa figura baixo a lema “Eu son Rosalía“. Así, numerosas persoas subiron á rede vídeos nos que cada lector se identifica cunha faceta da vida e obra de Rosalía de Castro.
Pero en todas as cidades galegas escoitouse nalgún momento onte a voz de Rosalía. En Vigo, o IES San Tomé de Freixeiro acolleu unha lectura pública da obra da autora na que participaron escritores, profesores, alumnos e todas as persoas que se animaron a ler algún dos seus poemas. En Bueu, A Estrada, Tui, Poio, Lugo, Ferrol e A Coruña, entre outras, tamén se celebraron lecturas e recitais deste tipo. Mesmo a Madrid chegou onte a literatura rosaliana. O Grupo Bilbao convocou a lectura dos poemas na rúa Ballesta 13, a que foi a súa residencia na capital española. (…)”

Luís García Soto: ´A filosofía axúdache a entender o mundo pero a Lomce maltrátaa´

EntrevistaLuís G. Soto de P. Pérez a Luís García Soto en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Por que escolleu a figura de Roland Barthes para este ensaio?
– Luís G. Soto (LGS): Eu fai anos fixen a miña tese en Doutoramento en Filosofía sobre este autor. Sempre publiquei cousas para especialistas e con isto quixen facer algo diferente. Pregunteime: ¿como lle presentaría a Barthes ás novas xeracións? Quixen mostrar en conxunto a obra de Barthes e a súa filosofía e explicalo da forma máis sinxela que puiden, coma se llelo explicase aos meus alumnos. Ademais en España hai moi pouco publicado sobre este autor.
– FdV: E como explicaría entón a importancia e trascendencia deste escritor e filósofo?
– LGS: A súa celebridade é porque con Umberto Eco é un dos fundadores da semiótica moderna. A semiótica é o estudio dos signos, de todo este mundo dos medios da comunicación, das imaxes… Barthes estudiou a literatura como un campo e, por outro, o mundo da imaxe. Ten por exemplo, un texto moi denso e moi duro, sobre a imaxe da moda. (…)
– FdV: Barthes era filósofo tamén… Pero, ¿está a filosofía agora en ameaza de extinción?
– LGS: Interese non está perdendo. Aínda que nos dous últimos anos o número de alumnos da Facultade de Filosofía baixou un pouquiño, de media nos últimos cinco e seis anos está por riba dos 50 alumnos, unha cifra máis que respetable porque tampouco sería óptimo que chegara aos 100 alumnos.
– FdV: Está ben tratada a Filosofía no ensino?
– LGS: A Lomce maltrata a asignatura de Filosofía porque pasa de ter presenza en Primeiro e en Segundo con duas materias obrigatorias, que ademais é opcional en Selectividade con Historia. Pero a nova lei mantén a obrigatoriedade en Primeiro pero a de Segundo empeza a ser optativa. Hai unha minoración. E a filosofía axúdache a entender como é o mundo. É moi formativa e necesaria nos sistemas educativos. En países emerxentes como Brasil ou a India danlle moita importancia á Filosofía nos seus sistemas educativos.”

Eli Ríos gaña con Remexido de patacas o premio Modesto Rodríguez Figueiredo

DesdeEli Ríos Faro de Vigo:
“A escritora galega nada en Londres, Eli Ríos, coa súa obra Remexido de patacas, foi a escollida como gañadora do certame galego de narracións breves Premio Modesto Rodríguez Figueiredo tras o fallo do xurado reunido o sábado 27 de decembro en Catoira. O premio, organizado pola Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro coa colaboración, nesta corenta edición, do Concello de Catoira.
O xurado estivo presidido por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro. Actuou como secretario o escritor David Otero. Tamén participaron no veredito os escritores Antonio Reigosa, Isidro Novo, Anxos Sumai e o crítico literario Armando Requeixo, en representación das diversas institucións que colaboran como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o PEN Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, Concello de Catoira e o Pedrón de Ouro.
A obra gañadora levará 1000 euros, que nesta ocasión recaerán en Eli Ríos. O xurado, e dada a alta calidade estimada nos textos presentados, decidiu conceder tamén dous accésit, dotados de 400 euros cada un, ás narracións Boxcar blues, do ribeirense Antonio Piñeiro, e a Gran Sol, do compostelán César Carracedo.
O acto de entrega terá lugar o sábado 17 de xaneiro no concello catoirense.”