Desde o Caderno de Antonio Reigosa, o pregón lido polo autor na inauguración da Feira do Libro de Mondoñedo:
“Todo o mundo sabe que Mondoñedo está nun val que se asemella a “unha man a medio abrir”, así llo pareceu a Manuel María, ou a unha “cunquiña deleitosa, onde todo frolece e todo medra”, segundo o venerable mestre e referente ético, Manuel Leiras Pulpeiro. Álvaro Cunqueiro confirmounos en letra impresa que, efectivamnente, Mondoñedo señorea unha valgada que “ten a medida xusta do ollo humano”.
Miss Honor Tracy, a escritora irlandesa que visitou Mondoñedo en agosto de 1955 deixou posto en papel que “Mondoñedo é un dos máis estraños lugares a visitar” e que a Alameda dos Remedios lle fai imaxinar a unha Madame Bovary paseándoa ou como o escenario ideal para un capítulo de Dickens.
Con quen máis se relacionou Miss Honor nos dous días que andou por aquí foi con Lence, entón xa home maior, fraco e barbado, ao que describiu como un tipo extravagante. Cando Cunqueiro lle traduciu a Lence o que dicía sobre el a irlandesa, sobre todo cando aseguraba que para cociñar tiña que atar as longas barbas polas costas (para non enzoufalas na pota ou na tixela), Lence, enfadado, comentou: “Esta escribidora é unha Eleuteria calquera…”
Viríanos ben unha antoloxía cos textos dos escritores e escritoras viaxeiros que nos visitaron en diferentes épocas. Urxe facela para descubrir, por voces alleas, o encanto do pequeno e recollido, o valor do pouso do pasado e do silencio, a melancolía do ambiente e tamén, claro, como viron eles a señora néboa emparellada con ese barruzo fino que nos visita cada poco e que tamén despediu a Honor Tracy en agosto do 55.
Velaí a nosa pequena patria, dimensionada arquitectónica e urbanisticamente, cativa industrialmente pero fecundísima culturalmente, coa medida exacta para percorrer a súa paisaxe nun só golpe de vista, para gozar das súas esencias en doses concentradas. (…)”
Arquivos da etiqueta: Feira do Libro de Mondoñedo
Feira do Libro de Mondoñedo: actividades literarias destacadas do mércores 26
O mércores 26 de xullo finaliza a Feira do Libro de Mondoñedo (na rúa da Fonte), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:30 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.
– 19:30 h. Presentación de Celebración de Mondoñedo, de Antonio Reigosa, publicado por Embora. No acto participan, xunto ao autor, Elena Candia, Fran Bouso, Isidro Novo, Xosé Vizoso e Miguel Toval.
– 20:30 h. Presentación de O tabú na traslenda, de Isidro Novo, publicado por Urco. No acto participan, xunto ao autor, Antonio Reigosa e David Cortizo.
Feira do Libro de Mondoñedo: actividades literarias destacadas do luns 24
O luns 24 de xullo comeza a Feira do Libro de Mondoñedo (na rúa da Fonte), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Pregón a cargo de Antonio Reigosa.
– 20:00 h. Falando de libros con… Antonio Reigosa e Felipe Galán, moderados por Carlos G. Fernández.