O 
Consello da  Cultura Galega e o Instituto Camões asinaron en Compostela un pioneiro protocolo-marco de colaboración para fomentar a  realización de actividades conxuntas e o intercambio de experiencias  culturais. Os titulares das dúas institucións, Ramón Villares e Ana  Paula Laborinho, respectivamente, subliñaron a importancia dunha  iniciativa “que abre camiño para outros obxectivos” (Laborinho) e “que  nos ofrece unha antena para a difusión da cultura galega” (Villares).  Previo á sinatura tivo lugar un coloquio coa Presidenta do Instituto Camões e representantes do mundo cultural, educativo e universitario de  Galicia, no que tamén estivo presente o Secretario Xeral de Política  Lingüística, Anxo Lorenzo. Consello da Cultura Galega e Instituto Camões consideran que “para se  promover o coñecemento e difusión da cultura galega no exterior e da  cultura de expresión portuguesa en Galicia é de fundamental importancia  que se establezan relacións de intercambio entre ambas as entidades”.  Con esa finalidade trátase de “realizar actividades e proxectos de forma  conxunta en todas as áreas que resulten de interese mútuo,  especialmente o intercambio de publicacións, a organización de  conferencias, seminarios e cursos, a realización de exposicións ou de  outros programas que poidan interesar a ambas as partes ou a cadansúa  institución”. Ramón Villares e Ana Paula Laborinho expresaron a súa satisfacción  pola sinatura deste protocolo-marco e a vontade de facer camiño, logo  deste primeiro paso imprescindible para acometer outras iniciativas  conxuntas nos vindeiros anos. O Presidente do CCG salientou mais unha  vez a especial dimensión que para Galicia supón a presenza activa na  comunidade de países de lingua portuguesa. A Presidenta do Instituto  Camões falou, pola súa parte, da importancia de contar con Galicia e con  España como parceiros privilexiados no espazo europeo e iberoamericano.
Antes da sinatura do protocolo, a Biblioteca do Consello da Cultura  Galega acolleu un coloquio de Ana Paula Laborinho con 35 representantes  do mundo cultural, educativo, universitario e da empresa de Galicia. No  curso do encontro a Presidenta do Instituto Camões falou sobre Presenza  da lingua portuguesa no ensino en Galicia e presenza da cultura galega  na rede de centros do Instituto Camões. Na sesión interviu tamén Felipe Domínguez Presa, profesor da  Universidade de Vigo, co relatorio Situación actual do ensino da  lingua portuguesa na educación secundaria en Galicia. No debate, moderado polo profesor Henrique Monteagudo, tiveron ocasión  de participar os profesores Dante Luchesi (Brasil), Fernando Venâncio  (Portugal), Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Rodríguez, Enrique Sáez, Ângelo Cristovão Angueira (secretario da Academia Galega da Lingua  Portuguesa), Camilo Nogueira e Luís González Tosar. Uns e outros puxeron  de manifesto a necesidade do coñecemento e o recoñecemento, do diálogo e  a cooperación Galicia-Portugal para actuar máis eficazmente no  horizonte da diversidade.
Vía Consello da Cultura Galega.