Polafía do Mar

A Polafía do Mar é unha actividade organizada pola Sección de Literatura de Tradición Oral, coa subvención da Deputación da Coruña, o apoio de CEDRO e a colaboración do Aquarium Finisterrae e do Museo do Pobo Galego, que terá lugar o mércores 20 e o xoves 21 de decembro no Aquarium Finisterrae da Coruña e na Sala do Mar do Museo do Pobo Galego.
Conta coas intervencións de: Francisco Xosé Fernández Naval, Manuel Vilar e Fernando Patricio Cortizo.
Coordina: Lois Pérez (Coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG).

Fernando Patricio Cortizo: “Todos os navegantes temeron o mar galego polos seus temporais”

Entrevista de Cilia Torna a Fernando Patricio Cortizo en Nós Diario (foto de Xurxo Baña):
“(…) – Nós Diario (ND): A que responde este coleccionábel sobre os naufraxios que vai publicar Nós Diario ao longo do mes de febreiro?
– Fernando Patricio Cortizo (FPC): É unha aposta divulgativa de achegar unha parte moi significativa dos naufraxios acontecidos na costa galega ao longo da historia, para dalos a coñecer á nosa sociedade.
O patrimonio marítimo galego, tanto na súa vertente material como inmaterial, constitúe sen ningunha dúbida un dos meirandes do mundo. Iso, debemos sabelo, preservalo e divulgalo á sociedade desde as escolas.
– ND: Leva vostede traballando décadas nesta temática, con varios libros publicados. Que aspectos novos presenta esta publicación en relación con anteriores investigacións?
– FPC: Achégase documentación, fotografías e gravados inéditos en numerosos capítulos do coleccionábel. A escolma non foi doada, mais publicaranse naufraxios que atesouran unha gran relevancia na historia marítima mundial, mais son aínda descoñecidos para unha parte importante da sociedade.
– ND: Unha das primeiras cuestións que chama atención é o amplo número de naufraxios fronte ás costas galegas. Como explica isto?
– FPC: Bebendo das fontes dos historiadores, sabemos que fronte á costa galega pasou a meirande ruta marítima da historia, sucada por miles de barcos desde a noite dos tempos, por iso temos pecios de todas as épocas da humanidade nos nosos espectaculares fondos mariños.
A Galiza ocupa un lugar estratéxico desde a perspectiva xeográfica. Fronte ás nosas costas e, especialmente, no arco noroccidental -que casualmente forma a coñecida hoxe como Costa da Morte- mudaban de rumbo todos os navíos que desde Europa partían a outros continentes.
Isto súmase a que no inverno os nosos ventos predominantes son noroestes e suroestes e que os efectos das propias correntes mariñas desviaban en moitas millas o rumbo dos barcos que antigamente navegaban por estima e que, ao perder calquera referencia visual de noite, capeando un temporal e cegados pola brétema e a choiva, afundíanse aconchados contra a costa sen remisión.
A ausencia total de faros, agás o da Torre de Hércules até 1850, a falla total de medios de salvamento e cartas náuticas erróneas completaban un escenario perfecto para que se producisen naufraxios, nun mar galego temido polos seus temporais por todos os navegantes ao longo da historia.
– ND: Repasa no seu traballo 16 naufraxios, algúns de embarcacións estranxeiras e outros de embarcacións galegas. Se tivese que seleccionar un, con cal quedaría?
– FPC: Sen dúbida, co do City of Agra. Porque combina á perfección a bondade e afouteza dos mariñeiros galegos da época, neste caso os de Camelle e Arou en Camariñas, que xogaron as súas vidas para rescatar 32 náufragos do vapor inglés, no medio do temporal.
Escolleríao tamén pola posterior acollida que lles brindou o pobo de Camelle, o recoñecemento internacional que se lles deu por parte do Goberno británico coa entrega de medallas de prata e, sobre todo, pola excepcional historia do propio naufraxio, que deixou unha fonda pegada na contorna tanto no patrimonio material como na tradición oral.
Todo isto, que é imposíbel condensar nunhas liñas, fixo agromar en Camelle desde a Asociación Naufraxios Galegos nada máis e nada menos que o meirande evento cultural dedicado a un naufraxio na Galiza, ‘City of Agra na memoria’, que na edición deste ano 2022 decorrerá en Camelle e Arou os días 8, 9 e 10 de xullo.
– ND: Moitas veces os grandes esquecidos en traballos deste tipo son os mariñeiros. Até que punto acabaron por marcar estas traxedias á Galiza costeira?
– FPC: A perda de 14 vidas no naufraxio do gransoleiro, La Isla, aos pés da Torre de Hércules no 1970, fixo que tres anos despois chegase á cidade da Coruña o primeiro helicóptero de salvamento marítimo para o norte peninsular.
A meirande traxedia mariñeira acontecida a un barco de pesca na costa da Galiza na historia, a do Marbel, en 1978 nas Cíes, deixou 27 falecidos, que non morrerían tampouco en van, pois meses despois do naufraxio arribaría ao porto vigués un remolcador de altura para ter alí a súa base permanente e dar cobertura ao salvamento marítimo nas Rías Baixas.
Os propios mariñeiros galegos rescataron centos de náufragos ao longo da historia, xogándose as súas vidas e diso dan fe as abondosas entregas de medallas e recoñecementos públicos que recibiron de diversos Estados.”