“Amigas e amigos,
Señoras e señores representantes das institucións sociais, culturais, políticas e sindicais da nosa Nación e da corporación provincial e municipal da Coruña,
Convócanos este acto de celebración da Escritora na súa Terra, para lle entregar a Letra E á poeta Pilar Pallarés. É un acto de recoñecemento da súa obra poética e literaria, e da súa longa traxectoria cultural, tamén nas plataformas cívicas ou culturais nesta cidade e en toda a Galiza. É un acto de recoñecemento da súa obra solidaria coa súa terra e co seu tempo e cos que nela moramos.
Estamos neste lugar que é Ágora que chama por nós, que convoca. Estamos no lugar da Escritora na súa Terra, que cada escritor ou escritora elixe como suma de xeografías persoais que levan a un centro de gravidade dende o que convocar outros lugares da propia biografía. Un lugar crisol de lugares e persoas queridas, portadoras de anacos dese tempo que vén da infancia e chega até hoxe e que a poeta fai vivir nos seus poemas.
Convócanos pois, nesta Ágora a palabra de Pilar, a palabra precisa na súa beleza, pois a súa é palabra creadora de afectos, palabra fundadora do poema, palabra de claridade interior ao tempo, que posuidora do fulgor nos leva a coñecer a alma humana. A palabra que creou e crea a súa obra e que abre en nós as portas ao coñecemento de todo aquilo que ela convoca na escrita e na vida.
Aproximarse á obra da nosa poeta homenaxeada é un acto fermoso ao tempo que rico e complexo, pois complexa e rica é a súa obra poética e esoutra obra, cun profundo e insubornábel contido ético, que vai tecendo social e culturalmente Pilar Pallarés, na súa relación cos que dun xeito ou doutro, persoal ou colectivamente, forman parte da súa vida no seu transcorrer nesta terra e no seu tempo.
A súa obra ten raíces que coinciden coas desta terra, que afondan na noite do tempo -dinos Francine Sucarrat no limiar ao seu primeiro libro de poemas no ano 1980. Son moitos os camiños culturais e sociais que transitou e transita a nosa poeta (fixo parte do Consello Directivo da AELG cando era presidido polo poeta Antón Avilés de Taramancos e era vicepresidenta María do Carme Kruckenberg), e diversos son os labores nos que realizar o ser coas súas incandescentes sombras.
Celebrámola no ensino, celebramos a que foi a súa traxectoria profesional como ensinante de lingua e literatura galega e non só. Sempre foi importante para Pilar Pallarés a súa relación cos alumnos e alumnas nas aulas e posteriormente fóra delas. A súa capacidade de comunicación co evoluir do tempo da mao dos máis novos, sempre lle deu a capacidade de ler os seus soños á luz do presente e a súa secreta floración do tempo.
A súa obra tamén forma parte da construción dunha sociedade galega dona do seu futuro que teña capacidade para se autodeterminar. Ao tempo, dialoga co propio ser que busca como poeta as certezas non visíbeis na incerta realidade do visíbel, doloroso, tantas veces tanto.
No centro das preocupacións humanas e sociais sempre estivo a defensa dos socialmente máis vulnerábeis, mulleres e homes desta terra e non só, tamén dos homes e mulleres que teñen a nosa terra como fogar, dos que a nosa terra fai seus como terra tamén acolledora. O que nos fai lembrar que son moitos os fillos e fillas de noso que andan polo mundo expulsados do arrimo desta a súa terra, da súa xente.
Este é tamén un acto de celebración da amizade como ben prezado que ela, como no verso oriental, fai certo que
«a amizade é un camiño onde non debe medrar a herba»
A amizade que ela valora como un ben, pois o fraterno abrazo axuda a navegar os propios enigmas dende a palabra amiga. Nunha amizade na que sempre hai algo de mutua aprendizaxe, de mutuas reflexións, do común diálogo sempre na raíz do ser. Esa amizade que a min hoxe me pon pudor á hora de falar sen exceder a discreción con que Pilar vive os seus días, as súas ledicias e as súas dores, cando a vida é río estreito, en sombra, e no ceo aínda non saíron as estrelas.
A quen lles fala, permitídeme, Pilar tenlle axudado a descubrir unha outra masculinidade, pois o feminismo de Pilar, na súa radical verdade, é clarificador na súa humana profundeza, é esperanza liberadora, tamén para os homes, é transformadora e faime convocar canda ela a Luísa Villalta. Creo que o verso liberador de Xohana Torres, «eu tamén navegar», forma parte consubstancial da súa biografía existencial.
Atreveríame a me achegar aos territorios sempre inexplorados da creación tan próximos á vida e que para toda poeta son misterio. A vida, que como a maré deixa as crebas nos areais e é materia para a creación. E, creo, como Pilar xa ten escrito hai mais de trinta e cinco anos: «poesía e vida son dúas voces que se acompañan e apoian, nun interminábel dúo de raiva e de amor». Con ela van da mao, nun diálogo fértil nunca acabado, a poesía e a vida.
A vida e a obra de Pilar Pallarés son verdade e teñen as asas transparentes da libeliña, capaces de soster a eternidade da palabra poética.
Así vexo a súa obra, non só a poética: Ser poeta como unha maneira de ser e estar no mundo. Ser poeta como nos pide Marguerite Yourcenar: darlle á súa poesía toda a verdade que hai na súa vida. Só entrando á súa obra para coñecela na súa verdade, é posíbel entrar á revelación do poético. Esa verdade que, como di o verso do querido e admirado Manuel María, nace cando
«Cada un vai arando en si todos os días para atopar só unha terra cativa.»
A obra de Pilar é acrisolada experiencia poética, a un tempo que é o froito da soidade intransferible na que todo toda poeta fai arder a súa vida, aquela que deixa pegadas indelébeis do seu acontecer.
Permítanme unha aproximación a algún dos territorios físicos da súa biografía que, creo, teñen importancia na súa vida e que poden ser como almeiros dos que nace o poético, lugares que son conformadores de sosego na vida de a diario, ou de encontro, de relación social e que, creo, poden habitar no substrato máis fondo da súa poesía.
Son pequenos territorios que a cidade non ama e que habita a nosa Poeta cos seres que neles se acollen. Lugares onde reborda a luz e seguen a ter alma labrega nos que non ficou roto o cordón umbilical cos eidos das aldeas e vilas de onde viñeron os que hoxe viven os bairros da cidade. Pilar vive estes bordes interiores da cidade, lugares que aos ollos da xente hoxe están a ermo, mais son lugares cheos de vida, nos que Pilar Pallarés lles dá centralidade humana, polos seres que a habitan, os que vemos e os que non vemos porque son criaturas da noite.
Son espazos que se vertebran como espazo social onde se manteñen relacións de veciñanza. É a cidade dos humildados. Os humildados que a cidade nega. Pilar Pallarés vive e busca nestes territorios, onde humanos e animais de humilde especie conviven e a cidade abandona e marxinaliza, mais que son lugares para a poeta nos que o solidario é o grande valor humano. Lugares dos que nos falara nos oitenta, no seu libro A cidade do capital, Marino Foli que nos dicía: «A xente quere recoñecerse na identidade do lugar onde vive.»
Outros, os lugares que conforman a biografía de toda persoa, especialmente o fogar da infancia. Sempre nos acompañará aínda que non exista xa fisicamente. No caso de Pilar, a casa, o fogar que foi, vive na memoria dos que a coñecemos. Vive nos poemas de Pilar que a conteñen como un tempo que ficou parado no sen tempo.
Pilar busca coma poeta tamén nos lindes do ser humano, do radicalmente humano, onde o poema con leve mao se abre paso ao centro imposíbel de desvendar.
Pilar Pallarés, como moitos e moitas de vós sodes coñecedoras, é dunha grande humanidade mais non é nada antropocéntrica. A súa relación cos seres vivos ten todos os irisados matices do arco da vella. Con eles busca as pegadas ocultas do tempo na súa densidade, pois todo leva a camiñar os inescrutábeis camiños interiores do que alenta de vida, alí onde se crea o poema.
As poéticas de Pilar van abríndose, diversas como gallas dun delta, para sumar as súas augas en ritmos espirais, para así crear os lugares íntimos do pensamento. A súa biografía poética é unha coa das poéticas que dan a rica complexidade da súa obra.
É filla dunha terra e dun tempo, mais camiña adiantada a el. E nela é cidadá do país da intelixencia, da cálida e poética intelixencia. Valora, intelectual e emocionalmente, coñecer ao outro, ao diferente, ao radicalmente outro. Ten a capacidade de se achegar a outras culturas para facelas propias coas súas fondas simboloxías. Como exemplo, a cultura africana, non para transitar a forma, senón para habitala, para ser nela o humano que busca no descoñecido e abisal. A nudez, a desposesión, o desexo, van na súa poesía á busca da raíz que atopa mesmo na máis antiga mornura de outras culturas, que fai raíz tamén nosa.
Lendo a Pilar, entrando para ser vulnerado pola poesía de Pilar Pallarés, podemos achegarnos á afirmación de Gamoneda de que a poesía non é literatura: é unha outra cousa que busca outra alta esperanza para o ser humano, neste tempo de deserción do humano.
Querida Pilar, es capaz de nos apreixar no teu sentir e así lévasnos a misterios que habitan a túa poesía. Lévasnos a nos desvendar o descoñecido de nós, abres a porta aos nosos propios segredos. Lévasnos, querida Pilar, con leve mao ao noso centro imposíbel de alumar, só co poema.
Ao nos dar de nós o que non sabemos nomear, dasnos arrecendos de nós nunca escoitados.
Bicos e xasmíns para ti.
Cesáreo Sánchez Iglesias,
presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Centro Ágora, A Coruña.
29 de xuño de 2019“
O discurso pode descargarse aquí.