Entrevista a Francisco López-Barxas: “A única literatura galega é a literatura escrita en galego”

É partidario de abrir as axudas á creación en castelán?
Creación en castelán?

Literatura en castelán, por exemplo.
Eu son contrario a que non poidan convivir o teatro en galego e o teatro en castelán, a que o Centro Dramático Galego non poida representar a Valle-Inclán. Estes días estamos vendo en La 2 de Televisión Española as Comedias bárbaras, e que non as poidamos ver na Televisión de Galicia… Iso non o entendo. É evidente que Valle-Inclán non pertence á literatura galega, pero si á cultura galega. Galicia é ás veces máis coñecida internacionalmente por autores que escriben en castelán que pola obra de escritores que escriben, ou escribimos, en galego. O Ministerio de Cultura ten axudas para a creación literaria en castelán e nós témolas para o libro galego, sen maximalismos, pero a xente é libre de escribir no que queira. Non esquezamos que quen fixo máis polo libro catalán foron os autores de alí que escriben en castelán.

Si, pero alí a ferida tampouco estiñou de todo. Non hai demasiado que se enlearon nunha polémica pola nómina de autores que debían representar a Cataluña en Frankfurt. O exemplo de Valle-Inclán é bo, pero tamén enganoso.
Dáme igual Valle-Inclán ou Camba ou Pardo Bazán ou Fernández Flórez. Falo de escritores universais que empregaron exclusivamente o castelán. Penso por exemplo en Morriña, de Pardo Bazán, ou El bosque animado, de Fernández Flórez, obras onde Galicia está moi presente a través da descrición de personaxes, de caracteres, ás veces moito mellor que a través da propia lingua. Pero insisto, non quero que haxa dúbidas: para min, a única literatura galega é a literatura escrita en galego.

Entrevista de Iago Martínez a Francisco López-Barxas, Director Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia. Ler texto completo en Xornal de Galicia.

A Consellería de Cultura renuncia a organizar este ano o Culturgal

A Consellaría de Cultura non fixo aínda ningunha comunicación oficial, mais segundo informa hoxe Vieiros “o director xeral de Promoción e Difusión da Cultural, Francisco López, comunicoulle o venres pasado á Asociación Galega de Editores que a Consellaría non conta con orzamento suficiente para organizala nos meses que restan de ano, aínda que se comprometeu a apoiar a súa celebración no ano 2010”. [Ler noticia completa en Vieiros]

Noticia relacionada: A Concellaría de Cultura da Coruña expresa o seu malestar pola decisión da Xunta de non convocar este ano o Cultural

Compostela: presentación de Sar, Sarela e os monstros de Compostela, de Paco López-Barxas e Kiko Dasilva

O escritor Paco López-Barxas e o ilustrador Kiko Dasilva, autores de Sar, Sarela e os monstros de Compostela, manterán hoxe un encontro con escolares dos colexios Raíña Fabiola e Colexiata do Sar, aos que van explicar o proceso creativo desta obra, publicada por KALANDRAKA en colaboración co Consorcio de Santiago e co Concello. Ao acto, a partir das 11:30 horas na Galería Sargadelos, asistirán tamén o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e representantes do Consorcio.