Arquivos da etiqueta: Francisco X. Fernández Naval
A Coruña: Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical, o 25 de setembro
Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical é unha actividade da AELG, co apoio de CEDRO e o Concello da Coruña.
O 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014. A entrada será libre, até completar capacidade.
O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contará coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán.
Pola súa vez, intervirán lendo textos arredor de Luísa Villalta:
Ana Romaní
Antía Otero
Daniel Asorey
Estíbaliz Espinosa
Eva Veiga
Francisco X. Fernández Naval
Henrique Rabuñal
Marga do Val
Marica Campo
Marta Dacosta
Miro Villar
Pilar García Negro
Deste xeito, neste 2024, onde foi recoñecida como autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, reafirmámonos no indicado nas anteriores homenaxes levadas a cabo desde a AELG:
Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical coma no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, Luísa foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole, entre as que destacamos a súa participación no Consello Directivo da AELG durante varios anos.
Foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática, destacando nela a importancia do elemento musical, que propicia unha querenza formalista que devén nun cultismo textual na procura da dignificación do xénero teatral e da lingua. Formada na Universidade de Santiago, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.
A poesía de Luísa Villalta estaba atenta ao eu, mais tamén a pensar o mundo contemporáneo, o que facía dela unha persoa interesada no devir da sociedade e en promover e participar vivamente en procesos de debate sobre ensino, emigración, marxinación, xénero…, involucrándose así nas mobilizacións que se convocaron desde o mundo da cultura contra a guerra do Iraq ou a catástrofe do Prestige, até o punto de que a súa última intervención pública foi a participación nun recital de poetas galegos e galegas en solidariedade con Palestina. O seu grande activismo cultural levouna a colaborar de xeito constante e desinteresado con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos.
Na lúcida ironía dos seus textos destaca tamén a reflexión sobre a cidade na posmodernidade, entendida como ágora, como territorio no que se formulan e resolven as tensións sociais, tomando a autora parte pola defensa dos dereitos das persoas desposuídas. Sensíbel e contundente, denunciou os valores e a apatía da sociedade capitalista.
Lira, Carnota: presentación da nova edición de Papagaio
A Coruña: presentación da nova edición de Papagaio, o 15 de xullo
A Coruña: velada poético-musical arredor de Poetas na cociña IV
Crónica fotográfica do Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta), con Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta), con Maribel Longueira e Francisco Xosé Fernández Naval, celebrado o pasado 8 de xuño. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.
Ourense: presentación de Fragor do urdido, de Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval
Compostela: actividades do 11 de xuño na SELIC 2024 (na Quintana)
Un roteiro da AELG lembrará o barrio do Papagaio de Luísa Villalta
Desde Nós Diario:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) realizará o 8 de xuño o Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta).
A iniciativa, con saída desde o Museo Casares Quiroga ás 12 horas, estará guiada por Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval e quere dar a coñecer o popular barrio da Coruña.
Fernández Naval explica a Nós Diario que a proposta xorde por ser un lugar no “que a propia María Casares explicaba que se podían ver todos os prostíbulos da cidade”. A ruta afondará na publicación Papagaio de Maribel Longueira e Luísa Villalta coa que realizaron unha crónica fotográfico-poética da súa transformación.
“Sempre foi un espazo de mulleres”, comenta Fernández Naval, “alí estiveron tamén María Miramontes e Ánxel Casal mais tamén o convento das Capuchinas e o hospital que construíu Teresa Herrera”, engade.
Durante o percorrido tamén intervirá Maribel Longueira para explicar, no propio lugar, como traballou para realizar o libro xunto con Luísa Villalta, a poeta homenaxeada este ano coa Letras Galegas.”
A Coruña: Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta), con Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval
O Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta) será guiado por Maribel Longueira e Francisco Xosé Fernández Naval. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.
Terá lugar o sábado 8 de xuño, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será en Rúa Papagaio, 20.
As persoas interesadas deben inscribirse previamente enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando o nome e apelidos, así como o nome do roteiro. A inscrición será realizada por orde cronolóxica de recepción das mensaxes. Na resposta enviarase a información sobre o punto de saída.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.