Desde Nós Diario:
“O Veliano de Honra é un galardón que cada ano outorga a Fundación Carlos Velo para recoñecer a aquelas persoas que partillan admiración e respecto, polo cineasta que dá nome a entidade que concede o premio.
A persoa recoñecida este ano partillou amizade e militancia política con Carlos Velo desde os primeiros 60. Neste sentido, Xosé Luís Méndez Ferrín e o cineasta de Cartelle fixeron parte nesa década e na seguinte da Unión do Povo Galego (UPG), participando da loita nacionalista e contra a ditadura franquista.
O acto desenvolvido na maña do sábado 25 de outubro en Cartelle serviu para lembrar esa relación. No mesmo, interviñeron o alcalde da localidade, Jaime Sousa, a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte e o historiador Antonio Piñeiro.
Piñeiro, encargado da laudatio a Méndez Ferrín, destacou que “hoxe se volven encontrar Ferrín e Velo, grazas ao enlace que daquela exerceu sobre ambos o inefábel activista vilanovés Luís Soto e que hoxe protagoniza a Fundación Carlos Velo xunto co pobo de Cartelle e o resto da Galiza neste acto tan simbólico e pertinente”.
O historiador percorreu a amizade entre Carlos Velo e Méndez Ferrín mediante a lectura de diversos textos que dan conta da mesma. Un deles foi un artigo publicado polo cineasta en 1962 desde o seu exilio mexicano na revista Vieiros baixo o título de Carta ao fato Brais Pinto, grupo cultural de mozos galegos en Madrid.
A presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, explicou a actividade da entidade, que ten como obxectivos garantir a memoria, legado e máis do espírito de Velo, un dos grandes pioneiros do cinema galego e creador dunha importante e premiada obra cinematográfica.
Leyte fixou entre os obxectivos da Fundación “estabelecer relacións de cooperación con institucións e colectivos dentro e fóra da Galiza, e sobre todo con México, promover un fondo filmográfico e bibliográfico vinculado á figura de Carlos Velo e promover o fomento do audiovisual galego en correspondencia ao desexo do propio Velo”.
Carlos Velo (Cartelle,1909 – Cidade México, 1988), militante nacionalista no período republicano veuse obrigado a exiliarse en 1939, desenvolvendo unha intensa actividade política e cultural en México, onde actuou como delegado do Consello da Galiza.”