Arquivos da etiqueta: Fundación Euseino?
Vigo: presentación de A ferida imaxinaria, de Berta Dávila
“Decálogo da novela”, por Xelís de Toro
Desde Euseino? (Foto: Cartel do movemento artístico da Secesión, Berlín, 1912 (pormenor).):
“O novelista Xelís de Toro é un dos escritores que na década de 1990 publicou algúns dos libros máis singulares e anovadores entre os que daquela se comezaron a editar na narrativa galega. Autor de Os saltimbanquis no paraíso, unha das primeiras novelas nas que se falaba da emigración da xente nova, dos espíritos artísticos, á busca doutras portas abertas na cultura. Endebén, este autor aínda conserva ese espírito afouto, atrevido, tanto como para escribir nos tempos que corren unha novela titulada Etceteramente (Xerais, 2022) que, en realidade, é unha antinovela. Ou unha novela sobre a imposibilidade de escribir novelas. (…)
Sección coordinada e editada por Iván García Campos.
♦
Dez chaves para unha porta aberta
1) Un gato. Dise do gato que ten sete vidas mais ninguén o sabe, ninguén o explica, ninguén o entende, con todo, o gato introdúcese na nosa vida como un animal que ten sete vidas, aínda que non as ten. Ese é un pinchacarneiro mental, un chimpo no aire, un equilibrismo racional irracional. Ese alento que nos conecta co misterioso e inexplicable é o que eu pido. Non utilizo a palabra novela por se acaso está morta. Prefiro a palabra libro porque un libro é un obxecto, cóllelo coas as mans, sei da súa existencia; a novela non sei o que é, se foi, se será, só sei que as súas posibles sete mortes deron para escribir moitos libros.
2) Un martelo. Unha das ferramentas humanas primixenias. O martelo utilizábase as máis das veces para crebar as cabezas dos individuos das outras tribos e algo menos para crebar as cascas dos froitos secos. O martelo esnaquiza, inventa anacos do que estaba enteiro, fainos interrogar polo miúdo e polo grande, polo que foi e xa non é, polo que fixemos ou nos fixeron. O martelo, se o colocas coa cachola de ferro arriba, poslle un punto abaixo e lle botas unha miguiña de imaxinación, ata semella un signo de interrogación. Se non fai cachizas das nosas cabezas nin fai preguntas, esa novela non é un martelo. (…)”
Vigo: presentación e conversa arredor de O governo neoliberal da vida, de Borxa Colmenero
Vigo: presentación de Vémonos mañá, de Xosé Monteagudo
Vigo: presentación de Entre leiras e labores
Vigo: presentación de Poemas inmóbiles de movemento estático, de Fran Alonso
O 21 de decembro, ás 20:00 horas, na sede da Fundación Euseino? (Rúa de México 37), en Vigo, preséntase Poemas inmóbiles de movemento estático, de Fran Alonso, publicado por Chan da Pólvora. O autor vai estar na compaña do editor Antón Lopo. A entrada é libre.
Vigo: conversas arredor de venecia abandonada, de Eduardo Estévez
Vigo: encontro arredor de Intimidación
O 22 de setembro, ás 19:30 horas, na sede da Fundación Euseino? (Rúa México, 37, baixo), en Vigo, terá lugar un encontro arredor do poemario Intimidación, do Colectivo Maiakovski, publicado por Edicións Xerais. Con Inma Otero Varela, filósofa e crítica literaria, Fran Alonso, director de Edicións Xerais, e os membros do colectivo. A entrada é libre.
Xosé Monteagudo: “Cara a unha renovación da materia literaria”
Artigo de Xosé Monteagudo en Euseino?:
“No século XX, na historia da literatura, e singularmente no xénero narrativo, o primeiro cuarto anunciou boa parte do paradigma estético que marcaría os tres cuartos restantes. Así ocorreu coa publicación as obras do modernismo literario, tales coma o Ulises, O proceso, Der Zauberberg (A montaña máxica) ou A señora Dalloway, que adiantaban correntes que adquirirían o seu predominio nas décadas seguintes. Mais, que está a acontecer no século XXI? Ocorre o mesmo nesta nova centuria? Tendo en conta que está preto de cumprirse xa ese primeiro cuarto do século, cabe preguntarse se un similar movemento estético non se estará a producir tamén na narrativa do século XXI.
Comezando polo máis difundido das letras occidentais (de cuxo canon participa a literatura galega) dos últimos vinte e dous anos, convén analizar o contexto non literario no que se producen esas obras, para ver en que medida hai circunstancias susceptibles de influír na narrativa actual. O contexto, no que ten de singularidade respecto do precedente, está marcado en gran medida pola revolución tecnolóxica e, en particular, pola eclosión das manifestacións públicas do individual, que comezaron polos blogues e continuaron moito máis masivamente coas redes sociais, no que aqueles e estas supoñen de predominio da subxectividade e de amplitude e inmediatez da Realidade (ou das realidades, por mellor dicir). O que a Internet representa para o coñecemento de feitos, persoas e acontecementos históricos e actuais outórgalle á narrativa unha amplitude de campo descoñecida en épocas anteriores. Dito doutro xeito: todo o particular contén a semente para converterse en universal mediante as posibilidades de difusión que conteñen as novas tecnoloxías.
A narrativa, e seguramente o resto dos xéneros literarios e incluso das artes, non son eidos alleos a este feito. Do mesmo xeito que a fotografía empurrou a arte pictórica cara ao abstracto e a aparición do cine reduciu as descricións da realidade física no xénero da narrativa, as posibilidades de difusión que implican as novas tecnoloxías están cambiando o paradigma literario da ficción en dous sentidos que, desde o meu punto de vista, teñen directa relación co que acabo de expoñer: o predominio da subxectividade e o relato da realidade. Ningunha desas correntes xurdiu nestas primeiras dúas décadas do século XXI, xaora, pero ambas atopan neste tempo un predominio descoñecido en etapas anteriores. (…)”