Entrevista a Samuel Solleiro en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Samuel, dende Francia vese moi diferente a literatura e a cultura galega?
– Samuel Solleiro (SaS): En teoría vivir no estranxeiro, polo menos en lugares onde non hai un gran continxente de colegas de lingua e de profesión, suponse que crea unha raza de escritores raros, tal vez menos gregarios e corporativistas, con referentes distintos da maioría e unha visión algo máis fría das cousas. Aí atrás estiven moi interesado en Gombrowicz e na clase de escritor polaco que construíu no seu exilio en Arxentina. Dito isto, no meu caso os lazos co país son bastantes, para ben ou para mal, e se algún diminuto resto podo ter do que dixen arriba, xa o traería de antes por chamar a atención. Xa non se emigra como antes. A inexistencia de internet ao longo de case todo o século XX foi a que fixo posíbel que existise Gombrowicz, entre outros.
– LeO: Semella que nos últimos anos a literatura galega foi perdendo espazo na sociedade: menos vendas, menos espazo nos medios tradicionais… Reiventarse ou morrer?
– SaS: Sería prepotente responder isto como quen ten unha solución que ofrecer. Non a teño e desde hai un tempo prefiro non botar a lingua a pacer con estas cousas. En todo caso non se me ocorren demasiados casos no que a máxima “reinventarse ou morrer” funcionase mal.
Arquivos da etiqueta: Gran tiburón branco
Santiago: presentación de Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro
O martes, 30 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Ana Salgado e Manuel Bragado.
Samuel Solleiro: “Trato de ser feliz, aínda que escriba cousas chungas”
Entrevista a Samuel Solleiro en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Quen é Samuel Solleiro, o suicida, o ultradereitista, o compañeiro de piso, o desempregado de longa duración ou un profesor fóra do seu rexistro lingüístico?
– Samuel Solleiro (SaS): Todos somos moitas persoas á vez, non? Hai unha escola sociolóxica que mesmo di que só somos as relacións que mantemos, que non temos unha identidade que interaccione con outras identidades, senón que as interaccións constrúen a identidade. Das cousas que mencionas, as dúas primeiras pertencen exclusivamente á ficción, as dúas seguintes pertencen tanto á ficción como á realidade e a última só pertence á realidade: unha breve realidade remunerada co salario mínimo á que lle restan uns poucos meses, por outra parte.
– D: Gran tiburón branco está cheo de sarcasmo ao meu entender, é un exercicio de autodefensa?
– SaS: Pois eu así, a bote pronto, e a falta de algún exemplo que o demostre, non vexo sarcasmo ningún. Tampouco autodefensa. Non creo que unha ficción literaria teña a capacidade de defender nada nin ninguén, moito menos o seu autor. Oxalá a tivese, pero creo que iso sería sobrevalorala. (…)”.
Samuel Solleiro: “Se hai que tomar partido, que sexa fóra da ficción”
Entrevista a Samuel Solleiro en Praza:
“(…) – Praza (P): dz non pretendía ser un libro erótico, aínda que a sexualidade ten moita importancia nel. Tamén está moi presente en Gran tiburón branco. A que querías apuntar?
– Samuel Solleiro (Sam. S): Supoño que é un tema universal, non só literariamente. O que tentei facer foi presentar o sexo como un elemento máis da vida, algo que nos envolve e nos condiciona moito. O que creo que non está tan tratado na literatura é iso: como o desexo sexual pode influír tanto nos nosos comportamentos habituais. Iso é o que me preocupaba neste libro, ademais doutros medos aos que nos enfrontamos todos os días. (…)
– P: Tanto o relato primeiro, sobre unha muller que se avergoña do seu home e ten relacións con outros pero non quere deixalo, como o terceiro, sobre a escritora da familia de lunáticos, apuntan a un xeito de vivir de clase media acomodaticia, consistente en pagar facturas… (son palabras túas). Era esa a idea?
– Sam. S: En realidade tento non depender dunha intención crítica estrita na literatura. Se hai un ollar crítico, procuro que sexa cada vez menos explícito. En Elexías a Deus e ao Diaño si había unha intención crítica, e en dz un posicionamento sobre o tema da masculinidade. Pero o que quero agora é, un pouco como certa escola narrativa americana, facer ficcións: un ambiente, uns personaxes… e observar as súas reaccións sen tratar de moralizar. E se hai que tomar partido, que sexa fóra da ficción. O que si está presente neste libro é, se cadra, unha resposta ás actitudes típicas da cultura da posmodernidade. No relato As putas motos isto é máis explícito, respecto á idea da posmodernidade de que todo é ficción. (…)”.