Arquivos da etiqueta: Grupo BiFeGa da Universidade de Vigo
Agustín Fernández Paz, proposto para doutor Honoris Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo
“Agustín Fernández Paz vén de ser proposto pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega -AELG- para o nomeamento como Doutor Honores Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, nunha carta asinada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas. Tal e como informa o colectivo de autor@s, é este o primeiro paso nun camiño cuxo final se coñecerá nos vindeiros meses. “Agardamos que remate co xusto e merecido recoñecemento”.
Segundo o texto, “o motivo da nosa proposta vén xustificado pola voluminosa obra de recoñecido prestixio do autor, premiado mesmo a nivel internacional cos recoñecementos de maior importancia e proxección, sobranceando nel a figura dun escritor que desde as últimas décadas elevou e segue a elevar a literatura infantil e xuvenil en galego á categoría de obra mestra, con amplísima incidencia social, asentada nunha incuestionábel calidade estética e nuns valores éticos imprescindíbeis para unha sociedade verdadeiramente democrática como a que queremos construír.”
A Plataforma para a defensa e promoción da lingua galega –Prolingua-, da que Fernández Paz fai parte, fíxose eco xa da proposta da AELG. “É unha excelente nova”, que vén sumarse aos méritos “literarios, científicos, lingüísticos e patrióticos” que do autor destacaron algúns membros do Departamento de Filoloxía Galega. Prolingua lembrou que o vindeiro 30 de xuño terá lugar na cidade olívica a Homenaxe Nacional a Fernández Paz.” Desde Sermos Galiza.