Compostela: “Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela”, do 29 de setembro ao 1 de outubro

Compostela: XX Simposio O Libro e a lectura. 40 anos da Asociación Galega de Editoras, o 27 de setembro

O mundo do libro galego reúnese no acto do 40 aniversario da Asociación Galega de Editoras

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras celebrou o seu 40 aniversario nun acto que tivo lugar este 8 de xuño, ás 19h, no Hotel San Francisco de Compostela, e no que se deron cita representantes do sector do libro galego e das administracións e entidades. O acto arrancou coa proxección dun audiovisual elaborado pola produtora Illa Bufarda que presentaba a traxectoria da AGE ao longo destes 40 anos. O presidente da AGE, Henrique Alvarellos, fixo un percorrido histórico pola edición en Galicia, dende os precursores do século XIX ata a actualidade, deténdose en 1983, cando naceu o gremio, e comparou a situación hoxe coa das orixes da Asociación:
«Media ducia de editoras botaron a andar, en xuño de 1983, a primeira asociación profesional do noso país. Tiñan un dobre obxectivo: crear unha industria editorial galega e conquistar público lector. A industria creouse. Hoxe contamos cunha verdadeira industria editorial galega, somos 46 empresas asociadas e publicamos todo tipo de libros, xéneros ou formatos. Pero a edición galega segue a soportar unhas cifras de vendas moi baixas, menos do 10% do mercado do libro en Galicia».
Por outra banda, reclamou máis visibilidade para o libro galego:
«Non cansaremos de reclamar un gran plan lector para o libro galego, porque a lectura é, ben o sabemos, o motor do coñecemento. Con políticas públicas sedutoras, acertadas, útiles… Fáltannos fiestras, lugares amables onde eses libros galegos teñan visibilidade».
Na súa intervención lembrou a todas as persoas que presidiron esta Asociación, especialmente os que xa non están, Luís Mariño, Carlos Blanco e Alfonso García Sanmartín.
O acto contou cos representantes institucionais do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e da Xunta de Galicia, Valentín García, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o presidente da Asociación Nacional de Editores de Libro Educativo (Anele), José Moyano, o director da Federación de Gremios de Editores de España, Antonio Mª Ávila, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, o presidente da Asociación Galega da Crítica, Mario Regueira, entre outros, ademais de presidentes e presidentas desta Asociación dende 1983 e boa parte das editoras asociadas.
As persoas asistentes recibiron de agasallo a obra 100 anos de edición moderna en Galicia, publicada pola Asociación Galega de Editoras e na que colaboran nove especialistas, que afondan na peripecia editorial da nosa terra dende que, hai xusto un século, se puxeran en marcha se puxeran en marcha os considerados primeiros proxectos de edición moderna en Galicia: selos como Céltiga, Lar ou Nós, que tiñan como obxectivo ampliar o público lector en galego, e con este fin crearon, por vez primeira, coleccións editoriais, estratexias de mercado e campañas de publicidade.”

A Coruña: homenaxe a Manuel Murguía

A gala dos Premios Follas Novas preséntase como unha gran festa cultural galega

A gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego presentouse no Teatro Principal de Santiago como unha das grandes citas culturais do ano en Galicia e como un evento que reúne, na mesma actividade, a todo o sector do libro. A cita terá lugar o sábado, 22 de abril de 2023, no Teatro Principal, a partir das 19:00 h, nunha gala na que se coñecerán as gañadoras das distintas categorías dos premios Follas Novas do Libro Galego. A celebración foi presentada no ambigú do teatro polos representantes das entidades organizadoras e patrocinadoras, Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia, e representantes do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e CEDRO.

Os premios Follas Novas pecharán unha nova edición de revisión e posta en valor da produción literaria e editorial do pasado ano en Galicia. Como xa é habitual, a entrega dos Follas Novas ponlle cumio a un proceso que, como salientaron todos os participantes na rolda de prensa, supón un exemplo de traballo cultural feito por sectores distintos do libro. Na presentación participaron Mercedes Rosón, tenente alcalde e concelleira de Acción Cultural de Santiago, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, Xurxo Couto, deputado de Cultura de A Coruña, Henrique Alvarellos, presidente de AGE, Ramón Fernández, presidente da FLG, e Diana Varela Puñal, secretaria da AELG.

A gala dos premios Follas Novas, que se celebrarán o vindeiro 22 de abril de 2023, será conducida por Patricia de Lorenzo, integrante de Chévere Teatro. A parte musical correrá a cargo do grupo Mallou, gañador da máis recente edición do premio NARF da Deputación da Coruña. A entrada é libre, pero é necesario solicitar un convite no correo da AGE (s.tecnica@editorasgalegas.gal). No mesmo acto deuse a coñecer a estrea na web que reunirá a información dos premios desde a súa primeira edición ata esta oitava, todas elas celebradas en Santiago.

Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras, apuntou a importancia do traballo feito desde a primeira edición destes premios, “nos que se reuniron os tres sectores do mundo do libro para ganar visibilidade e proxección para todos”. Alvarellos sinalou que esta é unha celebración “festiva que temos que entender como unha das festas culturais de Galicia”.

No mesmo sentido, a secretaria da AELG, Diana Varela, sinalou que esta gala e o conxunto dos premios supoñen non só “unha festa literaria, editorial ou libreira, é unha festa cultural para todo o conxunto da cultura galega”.

Ramón Domínguez, presidente da FLG, cualificou os premios como unha “festa moi sólida que necesita o compromiso de todos para seguir medrando, para gañar visibilidade diante da sociedade galega”.

Xurxo Couto, deputado de Cultura de A Coruña, estes premios son unha maneira de ditinguir “as mellores obras e unha celebración da riqueza literaria e identitaria”. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta, apuntou que os Follas Novas son unha oportunidade de visibilizar máis o libro unha vez superada a pandemia, “unha época na que a xente volveu descubrir a lectura, o noso traballo agora é fidelizar eses lectores e lectoras”. Para Mercedes Rosón, teniente alcalde e responsable de Cultura do Concello de Santiago, destacou a importancia de ver traballar ao conxunto do sector e que os “premios representan a excelencia creativa do país e o momento en que se encontran as letras e o sector do libro en Galicia”.

PREMIOS HONORÍFICOS

Cada unha das tres asociacións organizadoras entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais. Os galardóns desta edición son para Ediciós do Castro, pola Asociación Galega de Editoras; a libraría Númax, pola Federación de Librarías de Galicia, e a escritora mexicana con orixes galega Lydia Cacho, nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como escritora galega universal.

Ediciós do Castro
O premio da Asociación Galega de Editoras é para a histórica editorial Ediciós do Castro por ter contribuído de maneira tan decisiva á existencia do libro galego e por unha traxectoria que exemplifica como poucas o compromiso co saber e a literatura galega. Henrique Alvarellos salientou a “extraodinaria importancia histórica desta editoral que agora cumpriría sesenta anos”. O premio será recollido por Xosé Díaz, fillo do fundador da editorial, Isaac Díaz Pardo.

Libraría Númax
O recoñecemento da Federación de Librarías de Galicia é este ano para a Libraría Númax, de Santiago de Compostela. O presidente das Librarías explicou que Númax representa todo o que se pode esperar dunha libraría, “unha libraría con inquedanzas, con curiosidade intelectual, con moitas actividades, e integrada nun espazo cultural cunha oferta leva de man cine e libros”.

Lydia Cacho
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Lydia Cacho, xornalista mexicana, con raíces galegas, activista feminista e defensora dos dereitos humanos, como Escritora Galega Universal en 2023, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra. A AELG salienta con este recoñecemento o seu traballo sobre o feminicidio en Ciudad Juarez, polas súas investigacións sobre a prostitución infantil.

Listaxe Finalistas dos Premios Follas Novas 2023

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea. Daniela Ferrández Pérez. Edicións Xerais de Galicia
A música das palabras. Darío Xohán Cabana. Edicións Xerais de Galicia
Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianza. María do Cebreiro. Editorial Galaxia

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempoMarilar Aleixandre e Emma Pedreira. Editorial Galaxia
O libro negro da lingua galegaCarlos Callón. Edicións Xerais de Galicia
Memoria diversaEva Mejuto. Deputación da Coruña

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
Non penses nun elefante rosa. Antía Yáñez. Edicións Xerais de Galicia
O tradutor de sombras. Moncha Fuentes. Edicións Xerais de Galicia
Os seres queridos. Berta Dávila. Edicións Xerais de Galicia

PREMIO Á OBRA INFANTIL
Animalario de ler a diario. Eduard Velasco (autor), Nuria Díaz (ilustradora). Edicións Xerais de Galicia
O gran libro da nosa horta. Blanca Millán. Edicións do Cumio
O neno de lume. Ledicia Costas (autora), Iván R. (Ilustrador). Edicións Xerais de Galicia

PREMIO Á OBRA XUVENIL
A ladroa da biblioteca de Meirás. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia
A lebre mecánica. Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia
Que me pare o corazón se te esquezo. Andrea Maceiras. Edicións Xerais de Galicia

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Cando leo. Bea Gregores (autora, Eva Mejuto). Edicións Xerais de Galicia
Verme. Federico Fernández. Germán González. Kalandraka Editora
Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco corrente. Ramón D. Veiga (autor), Iván R. (ilustrador). Edicións Embora

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Miñoca e pega. Iván R., Ramón D. Veiga. Edicións Xerais de Galicia
Pequena historia de Vigo. Pedro Feijóo, Xosé Tomás. Edicións Embora
Roxín Roxal. A daga do conde. Manel Cráneo e Brais Fierro. Demo Editorial

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero). VV. AA. Edición de Marta Dacosta. Chan da Pólvora Editora
Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora
Entre leiras e labores (antoloxía verbo-visual de autoras galegas). VV. AA. Edición de Inma Doval Porto. Editora Urutau

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Carol. Patricia Highsmith / Traducido por María Alonso Seisdedos. Kalandraka Editora.
Léxico familiar. Natalia Ginzburg/ Traducido por María Alonso Seisdedos. Editorial Laiovento
O verán en que miña nai tivo os ollos verdes. Tatiana Țîbuleac / Traducido por Andreea Birsanu. Rinoceronte Editora

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Barroco. Antía Otero. Apiario
Materia. Yolanda Castaño. Edicións Xerais de Galicia
Montaña Ioga. Lupe Gómez. Edicións Espiral Maior

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
As alumnas. Paula Carballeira. Editorial Galaxia
Chévere (1987-2022).Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora
Estrela… fugaz? Carlos Labraña. Editorial Galaxia

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
Barroco. Antía Otero. Apiario
Chévere (1987-2022), Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora
Criptografías. Pepe Cáccamo e Baldo Ramos. Alvarellos Editora

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Canle de Youtube de Neeumatiko
Surfeando libros
Traballadoras das Bibliotecas Municipais da Coruña

A Asociación Galega de Editoras renova a súa xunta directiva

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa Xunta Directiva. O presidente, Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, renova o cargo ao cumprirse dous anos da súa elección. Na asemblea extraordinaria celebrada na biblioteca do Consello da Cultura Galega, o presidente da AGE fixo balance destes dous anos á fronte da Asociación, nos que destacou o saneamento das contas, a ampliación da base asociativa ata un número de 44 editoriais, a presenza activa e xestión do espazo da AGE nas máis importantes Feiras Internacionais do Libro e a continuidade da AGE na Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).
A renovación da directiva da AGE produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada en Compostela, e convocada expresamente con esa finalidade. A directiva da AGE encabezada por Henrique Alvarellos -única candidatura presentada-, foi renovada por unanimidade das persoas asistentes.
Canda Henrique Alvarellos, a dirección da AGE complétase con Ana Guerra, de Obradoiro, como vicepresidenta; Paz Castro, de Kalandraka, como secretaria; Miguel Toval, da editorial Embora, como tesoureiro; e como vogais, María Xesús Gómez, de Rodeira; Laura Rodríguez, de Hércules de Ediciones, Francisco Alonso, de Edicións Xerais de Galicia, e Francisco Castro, da Editorial Galaxia.
A directiva destaca pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica –Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña e Vigo– como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeneralistas, libro educativo, grandes proxectos e literatura infantil e xuvenil.
Entre os obxectivos do renovado equipo figura a consolidación e posta en valor do papel das editoras e do libro galego, con especial atención á proxección exterior e ás actividades que se programarán en 2023 para a celebración dos 40 anos da Asociación Galega de Editoras.
O libro galego ten por diante varios retos, entre eles, superar ese 17% de cota actual de mercado en Galicia; por outra banda, desenvolver novas e efectivas estratexias de internacionalización que permitan que os nosos contidos poidan darse a coñecer noutros mercados, e viceversa.
O grupo que preside Henrique Alvarellos aspira a continuar trazando sinerxías co resto de colectivos que integran a cadea do libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación existente coas administracións públicas.
A Asociación Galega de Editoras foi creada en 1983. Está formada actualmente por 44 empresas que publican máis do 90% da produción editorial galega.
Na imaxe, a nova directiva trala asemblea extraordinaria: Henrique Alvarellos, Ana Guerra, Paz Castro, Francisco Castro e Fran Alonso.”

Pontevedra: Culturgal 2022, do 24 ao 27 de novembro