María Rei Vilas gaña o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca

Desde Galaxia:
María Rei Vilas gaña o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca, na categoría literatura galega, pola súa obra Flores de ferro, Premio García Barros 2020.
O xurado do galardón impulsado desde o IES Rosalía de Castro de Santiago estivo formado por alumnado dunha decena de centros. Este ano, para seleccionar ás gañadoras e gañadores, ademais do instituto anfitrión, participaron, votando a súa obra favorita, o alumnado dos centros IES Pontepedriña, da capital galega; así como o Xulián Magariños (Negreiros), o Vilar Ponte (Lugo), o IES Pintor Colmeiro (Silleda), e o Ferro Couselo (Ourense).
Os membros do xurado destacaron que a obra gañadora contén unha trama “moi complexa”, que se desenvolve en “dous espazos temporais”, poñendo en valor o papel fundamental das mulleres. A novela de María Rei Vilas caracterízase por ser un retrato de mulleres loitadoras, no contexto da Guerra Civil.
Cun destacado protagonismo feminino, este libro, publicado na colección Literaria de Editorial Galaxia, conta a historia de Camila. Unha muller que leva décadas vivindo unha mentira baixo a complicidade dos que a rodean. A protagonista, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade, neste relato onde que a intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo. (…)”