Ourense: estrea mundial da película A esmorga

OA Esmorga filme sábado 15 de novembro, ás 20:30 horas, no Festival Internacional de Cine de Ourense, terá lugar a estrea mundial da película A esmorga, producida por Vía Láctea Filmes e Editorial Galaxia e dirixida por Ignacio Vilar.

O Parlamento apoia a homenaxe institucional a Blanco Amor

Desde Sermos Galiza:
“A iniciativa, aprobada por unanimidade no Parlamento, reclama á Xunta que organice ao longo do ano actividades para difundir a obra e a figura de Eduardo Blanco Amor, co gallo do 35 aniversario do seu pasamento. A elaboración de material audiovisual, a organización de congresos e o apoio a investigación sobre a súa biografía e a súa obra son algunhas das propostas que se contemplan na iniciativa arredor dun autor do que se está a levar ao cinema a obra A Esmorga dirixida por Ignacio Vilar que está xa en proceso de montaxe.
Recolle ademais a proposición a recomendación da difusión da súa obra e a súa traxectoria a través dos medios públicos e en colaboración co movemento asociativo e as distintas institucións buscando a implicación máxima na conmemoración. Por parte do PP defendeuse A Esmorga como a mellor novela escrita en galego e os grupos da oposición reclamaron que a proposta que se traslade ao goberno sexa concreta e non deturpe o perfil de Blanco Amor como provocador e irreverente.”

Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o domingo 1 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, finaliza o domingo 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 20:00 h. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Domingo, 1 de decembro
– 12:00 h. Presentación do libro A nosa botica, de Miguel Mosquera (Edicións do Cumio).
– 12:30 h. Conversa sobre Xosé María Díaz Castro. Alfonso Blanco, Armando Requeixo e Óscar Sánchez conversan coa xornalista Montse Dopico.
– 12:30 h. Presentación do proxecto cinematográfico A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, presentado polo seu director Ignacio Vilar.
– 13:30 h. Presentación do libro Apocalipse zombie, de Manel Loureiro (Urco Editora).
– 16:30 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, de Eduardo Sanches Maragoto (Edicións do Cumio).
– 16:30 h. Presentación escénica e audiovisual de As carriolas do mencer, de Rafael Fernández Lorenzo e Ramón Trigo (Ir Indo).
– 17:00 h. Presentación de Divina de la muerte. Asasinato no centro comercial, de Jorge Emilio Bóveda (Enxebrebooks).
– 17:00 h. Presentación de Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST (Estaleiro Editora), co seu autor, Xosé García Rodríguez, e Estefanía Elexpuru Boullosa, do proxecto Xanela aberta ao sur.
– 17:00 h. Presentación e sesión de contacontos de Paula Carballeira, arredor dos seus títulos Chímpate Pepa!, Paolo e o misterio da Cerdeira e Os lunares de Lola.
– 17:30 h. Acto festivo de entrega do Premio do Público Culturgal 2013.
– 18:00 h. Presentación e concerto Cartas que veñen e van, de Mamá Cabra (Galaxia), con Susa Herrera e Gloria Roel.
– 18:30 h. Showcase de Najla Shami co seu novo libro-disco Na lingua que eu falo (Galaxia).
– 19:00 h. Conversa con Anselmo López Carreira ao redor do libro Historia de Galicia (Xerais). Conduce a xornalista Montse Dopico.
– 19:00 h. Presentación de Tambo, de Laura García e Víctor A. Castro (Edicións do Cumio).
– 19:30 h. Presentación do libro Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manuel Cráneo (Xerais). Conduce a xornalista Montse Dopico.

Ignacio Vilar: “O idioma é fundamental para transmitir a grandeza de A Esmorga no cine”

Entrevista de Carme Vidal a Ignacio Vilar en Sermos Galiza:
“Esta semana comezará a rodaxe de A Esmorga, a nova película de Ignacio Vilar. Despois de Pradolongo e Vilamor, Vilar enfróntase ao reto de levar ao cine a novela de Blanco Amor na que experimentará unha “nova maneira de contar”. Rodará na nosa lingua, como as anteriores películas, a única posibilidade que el entende para transmitir a grandeza da novela e para seguir a construír cinema galego. (…)
– Sermos Galiza (SG): Por que esa implicación con A Esmorga?
– Ignacio Vilar (IV): Contan varios factores. É unha grande novela da literatura universal e os precedentes de Pradolongo e Vilamor tamén axudan. Pradolongo leva xa máis de 450.000 espectadores e iso tamén contribúe. Dicir que é unha novela clásica significa que está fora do tempo mais tamén que está vixente no presente. O que trata A Esmorga segue sendo actual. Son tres personaxes que non logran realizarse como persoas porque as condicións políticas, sociais e ambientais non os axudan. Tamén acontece na sociedade actual. (…)
– SG: Definiu o seu como “cinema galego” por estar rodado na nosa lingua.
– IV: Esta nova película será tamén cinema galego, puro e duro. O que define o cine galego é, fundamentalmente, a lingua.
– SG: Nas anteriores películas experimentou unha nova maneira de distribución, percorrendo o país cunha caravana. Seguirá nesa liña con A Esmorga?
– IV: Seguirei. Os cines están en mans das multinacionais e para o cine galego a distribución é moi complexa, é moi difícil que chegue ás salas comerciais. Se non optas por unha distribución deste tipo a película non chegará aos espectadores. A fórmula que realizamos con Pradolongo e Vilamor foi un éxito porque a xente respondeu e conseguimos difundir a nosa cultura e a nosa lingua.”

Ignacio Vilar e Galaxia levan ao cine A Esmorga de Blanco Amor

Desde Galaxia:
“O director de cine, Ignacio Vilar, e a Editorial Galaxia traballan para levar á pantalla cinematográfica a emblemática obra do escritor galego Eduardo Blanco Amor, A Esmorga, unha das obras máis vendidas e representativas da historia da literatura galega.
A rodaxe comezará este mesmo mes de novembro de 2013, e prolongarase ata finais de marzo, co apoio do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia, a través de Agadic, e a Deputación Provincial.
Nun acto que contou coa presenza do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o director de cine presentou este novo traballo, inspirado na obra de Blanco Amor, que se rodará en Ourense.
Ignacio Vilar reivindicou a relevancia que tivo a novela A Esmorga, “unha das obras máis grandes da literatura universal” e “patrimonio noso”.
A obra relata a historia de tres personaxes, Cibrán, Milhomes e o Bocas, é unha das máis representativas da literatura galega. Nela, Cibrán o Castizo relata ante o xuíz as vinte e catro horas de borracheira que pasou xunto ao Milhomes e ao Bocas e pola cal crearon certos problemas en Auria, trasposición literaria de Ourense.
Para a súa versión cinematográfica, o director explicou que o obxectivo é captar “a atmosfera da novela”.”