Vigo: actividades do luns 4 na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do luns 4 son as seguintes:
19:30 h. Faladoiro arredor do libro Indignádevos!, de Stéphane Hessel, coa participación do traductor, Fernando Moreiras, Manuel Martínez, membro do colectivo Attac e un representante de Kalandraka Editora.
20:30 h. A escritora e xornalista Elena Gallego Abad presenta o 2º tomo da súa obra Dragal, a herdanza do Dragón, publicada por Xerais. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado, director xeral da editorial.

Indignádevos!, de Stéphane Hessel, traducida ao galego

Indignádevos!, o opúsculo de Stéphane Hessel do que se venderon preto de dous millóns de exemplares en Francia e que está publicado nunha vintena de linguas, pódese ler en galego coa edición que Faktoría K deu a luz nos primeiros días de marzo. Manuel Rivas asina o prólogo desta obra directa, reivindicativa e axitadora cuxo autor, un veterán supervivente da barbarie nazi, se dirixe -aos seus rexos 93 anos- á sociedade en xeral, e á mocidade en particular, para que reaccione ante a inxusta realidade social, económica, política e medioambiental. A tradución de foi feita por Fernando Moreiras.