Contos pequenos para saír do abicedo, intervención de Armando Requeixo no acto conmemorativo do cincuentenario de Victoriano Taibo

DesdeArmando Requeixo 2015 o Instituto de Estudos Miñoranos:
“Victoriano Taibo naceu na cerna do país, foi durame desa terra na que medrou cando neno, aprendendo da xente nosa os xeitos e os dicires, os contos e os cantos que oíu dende cativiño na fonda que os seus pais rexentaban na Algalia compostelá.
Por iso, cando chegou a mozo quixo estudar para ser ensinante e devolverlle ao pobo todo o que fora e ía del asimilando. E cando principiou a se atrever a dar a coñecer os primeiros escritos, afirmou o seu sentir sen dubitacións declarándose “un rexionalista de toda a vida e case fanático”.
Aquel rapaz que a primeiros dos anos dez enviaba os seus versos a Vida Gallega e Ilustración Gallega de Vigo, á Gaceta de Galicia de Santiago, ao xornal El Ratón de Vilalba e mesmo a Estudios Gallegos de Madrid e Labor Gallega de La Habana foi dos cabezaleiros en dar un paso adiante e, en resposta o que días antes fixeran os seus compañeiros coruñeses, converteuse nun dos fundadores das Irmandades da Fala de Santiago. Corría o 28 de maio de 1916, hai agora practicamente cen anos, e Taibo contaba pouco máis de trinta.
E é que Taibo se sentiu sempre un poeta das Irmandades, pois non en van se comprometeu coa súa causa como secretario das mesmas en Compostela e, como tal, asistiu ás súas asembleas, carteouse con destacados líderes nacionalistas galegos e cataláns e despregou un importante labor como orador e articulista defensor dos seus ideais. Sigue lendo

Gondomar: acto conmemorativo do pasamento de Victoriano Taibo, presentación da obra inédita Contos Pequenos

OVictoriano Taibo foto venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, o Instituto de Estudos Miñoranos organiza un acto conmemorativo do cincuentenario do pasamento de Victoriano Taibo, que servirá para dar noticia do proxecto de publicación dunha nova obra que o mestre de Morgadáns deixou inédita: Contos Pequenos, un opúsculo que lle regalou a Hixinio, fillo dos seus amigos Antón Beiras e Antía Cal. Participarán no acto Xesús Alonso Montero, Gonzalo Navaza, Camiño Noia e Armando Requeixo.
No mesmo acto será convocado o IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, rescatado da súa máis que posible extinción polo concello de Gondomar, que asume integramente a dotación do premio e os demais gastos de xestión.

Gondomar: presentación de 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca

O12645143_1112882418750977_163834670063731356_n venres 19 de febreiro, ás 20:30 horas, na sala de conferencias do Instituto de Estudos Miñoranos, aula Ponte de Rosas, situada na Avenida da Feira, 10, baixo, de Gondomar, preséntase o libro colectivo 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, coordinado por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, e publicado por Biblos. No acto participan Marta Dacosta, Pepe Cáccamo, Ledicia Costas, Miriam Ferradáns e Irene Silva, que nos ilustrarán sobre a xestación deste orixinal e importante libro e recitarán algúns dos seus poemas.

Apoio á continuidade do Premio de poesía Victoriano Taibo

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG):
Apoio á continuidade do Premio de poesía “Victoriano Taibo”

“OAELG Logo 3-2015 Consello Directivo da AELG manifesta o seu apoio á continuidade do Premio de poesía Victoriano Taibo.

As escritoras e os escritores galegos recoñecemos nesta iniciativa do Instituto de Estudos Miñoranos, IEM, o esforzo por dar a coñecer e enxalzar a figura dun escritor galego inxustamente esquecido e que tan unido estivo á localidade en que o premio nace. Tamén queremos recoñecer a importante achega que un premio literario coma este significa para a nosa literatura, pois para alén de divulgar a figura de Taibo, achega novas obras e autoras e autores á casa literaria de noso, ampliando a súa extensión, diversidade e importancia, algo que coincide plenamente cos desexos do autor homenaxeado e que é obxectivo esencial desta Asociación.

A traxectoria do premio Victoriano Taibo converteuno nun dos certames poéticos de referencia no noso país, unha convocatoria que as e os poetas agardan con expectación. É, por tanto, imprescindíbel para o noso panorama cultural.

A nosa literatura, que é dicir a nosa lingua e a nosa cultura, non entende que as mudanzas políticas que emanan do exercicio da democracia poñan en risco o que é de todas e de todos. A nosa lingua, esa que en palabras de Taibo nos fai merecentes da nosa terra, é un patrimonio que debemos defender porque a todas e todos pertence. Así, este premio literario que quere provocar o uso da nosa lingua para construír con ela pracer, reflexión, arte.

Por iso, desde a AELG laiámonos das dificultades que este certame ten que pasar e facemos un chamamento ás institucións de Gondomar para que, non só apoien e garantan o futuro deste premio como até agora fixeron, senón que contribúan á súa ampliación e afianzamento.

Longa vida ao premio Victoriano Taibo.

10 de decembro de 2015

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega”

Gondomar: presentación de Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo

OPedro Feijoo xoves 22 de outubro, ás 20:30 horas, na sede do Instituto de Estudos Miñoranos (Aula Ponte de Rosas, Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Luís Domínguez Sanjuán e Manuel Bragado.

O vigués Iñaki Varela Pérez gaña o VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns

DesdeIñaki Varela o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local Menor de Morgadáns acadou este ano unha importante participación, como vén sendo costume dende a súa institución, con corenta e dous orixinais presentados. Na primeira quincena de setembro reuniuse o xurado, que resaltou a importante calidade de moitos deles e elixiu, en primeiro lugar, as obras finalistas, que resultaron ser as citadas a continuación por orde de entrada, as que ostentaban os seguintes títulos e lemas ou pseudónimos:
Camuflaxe (Campos de néboa eléctrica).
Exhumación.
Do outro lado das portas (O Miño).
Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Vita da Vita).
Culpable (Nüwa).
A continuación acordaron concederlle o galardón desta convocatoria ao poemario titulado Do outro lado das portas valorando que estamos ante un libro que trata os temas máis actuais dende unha perspectiva social, nunha especie de épica actual, en que o autor nos dá a súa particular visión do que nos preocupa hoxe sen que os poemas se resintan na súa construción lírica. A cidade de Vigo ou o Miño adquiren personalidade propia neste poemario que engancha a lectura dende as primeiras páxinas.
O autor da obra premiada é Iñaki Varela Pérez, natural de Vigo cidade na que exerce como profesor de Xeografía e Historia. Afeccionado á literatura dende moi novo, este é, non obstante, o seu primeiro libro, que será publicado polo IEM na súa colección Victoriano Taibo como parte do premio acadado, consistente, ademais, en tres mil euros en metálico, unha peza escultórica conmemorativa, obra do artista miñorán Fino Lorenzo, e a presentación do autor e o poemario nunha gala que se celebrará ao longo do mes de novembro, en data que se anunciará oportunamente.”

Marta Dacosta reedita en formato dixital Cinsa

Marta Dacosta Marta Dacostareedita o seu libro Cinsa, actualizado en edición do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) realizada por Miguel Anxo Mouriño. Trátase dunha edición dixital que pode ser descargada de balde. Cinsa foi escrito hai once anos e concibido como unha especie de álbum de poemas en que ás veces hai unha anotación gráfica: fotografías actuais realizadas por Alfredo López, Tokio, ou a propia autora; imaxes antigas ou o debuxo titulado “Cronopio e tartaruga” de Aldán López Dacosta. Neste enlace pódese descargar o libro.