Erosións, de Rafa Vilar, obtén o Premio de poesía Victoriano Taibo na súa Xª edición

Desde o Instituto de Estudos Miñoráns:
“O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, resolveu que o gañador desta Xª edición era o libro Erosións que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do poeta Rafa Vilar.
O xurado valorou nesta obra a súa unidade dentro do dobre plano de lectura que se percibe no propio título do libro. Un libro que combina a paixón e a intimidade cunha exquisita sinxeleza e intensidade lírica, froito dun coidadoso traballo de construción poética en que desaparecen as concrecións de xénero para converter os poemas na expresión total do amor. Mais o amor non pode desprenderse da realidade e, mentres o eu poético constata a erosión do paso do tempo e as feridas da vida, convida a persoa amada a crear un horizonte “a salvo de naufraxios”, a través de cen poemas breves que empregan as palabras imprescindíbeis para construír imaxes intensamente poéticas.
O xurado do certame estivo composto por Iria Misa, Gonzalo Navaza, Xulián Maure, Marta Dacosta e Xosé Iglesias, gañador da pasada edición.
Rafa Vilar é un destacado poeta da denominada promoción dos 90. A súa primeira obra: Liques da memoria, recibiu no ano 92 o premio Fermín Bouza Brey para autores novos. Recibiu tamén, entre outros, o Premio Curuxa de Humor Literario, o Premio Cómaros Verdes do concello de Vilagarcía de Arousa, o Premio de poesía Concello de Carral, o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Premio de poesía Cidade de Ourense ou o Premio Arume de poesía para nenos/as por Patente de corso que, xunto con Memoria de Ahab, Migracións, e Animalario estrafalario, son os seus últimos títulos publicados.
É licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, escritor comprometido e moi activo socialmente, foi voceiro da plataforma Nunca Máis e parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, membro do Batallón Literario da Costa da Morte e un dos fundadores e impulsores da editora Letras de Cal.
A entrega do premio será o día 18 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.
Gondomar, 18 de setembro de 2017″

Gondomar: entrega do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo a Xosé Iglesias

DesdeXosé Iglesias 2 o IEM:
“O xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño, acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar. Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor. O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo. O acto de entrega, conducido por Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 10 de decembro ás 19:30 horas no auditorio municipal Lois Tobío, co seguinte programa:
– A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abre o acto.
Marta Dacosta fai unha breve lembranza da figura de Victoriano Taibo e recorda tamén a recente publicación da súa obra inédita Contos pequenos.
– O CEP Neira Vilas, de Peitieiros, interpreta dous destes contos.
– Xosé Lois Vilar fará un breve comentario sobre o libro premiado.
– O autor recibe o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recita algúns poemas da súa obra.
– Actuación da banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns.
– Despois da quenda de agradecementos clausurará o acto o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
– Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.”

Xosé Iglesias gaña a 9ª edición do Premio Victoriano Taibo de Poesía

“OXosé Iglesias 2 xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño, acaba de acadar o acordo de concederlle o galardón ao poeta fisterrán de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar. Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor que participou con temas tamén relacionados co mar nun feixe de publicacións colectivas ademais de contar cun poemario propio, Transfusión oceánica, editado por Caldeirón en 2014.”

A Vilerma (Maside, concello de Sarria): Homenaxe da AELG a Xela Arias

OXela Arias pasado ano 2013 cumpríronse 10 anos do pasamento da poeta Xela Arias. Por este motivo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que xa o pasado marzo lembrara a autora nunha homenaxe en Vigo, organiza para o vindeiro sábado 6 de setembro, ás 12.00, na Vilerma (parroquia de Maside, concello de Sarria) un novo acto para testemuñar a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía, música e plástica.
Descubrirase unha placa na casa familiar, na que viviron a autora e mais seu pai, Valentín Arias, quen foi cofundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos. Despois da intervención do presidente de AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, continuarase coa lectura de textos de Xela Arias por parte das escritoras e o escritor Antía Otero, María Xesús Nogueira, Marica Campo e Xulián Maure. Seguiremos así facendo memoria dos seus versos e transmitindo ese herdo inmenso que é a obra dunha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua; unha escritora que non se pode conter nas marxes da xeración que a viu nacer, que transcendeu as lindes da escrita e puxo a palabra en contacto con outras disciplinas artísticas. Polifacética, xenerosa e implicada, desde a súa mocidade estivo vinculada ao mundo do libro, primeiro como editora, despois como escritora e tradutora.

A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.