Arquivos da etiqueta: Interna
Entrega do XVIII Premio de poesía Afundación
Oriana Méndez: “Deixeime levar e entrei no territorio que eu chamaría da sombra”
Entrevista a Oriana Méndez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que supón para vostede este premio de Afundación?
– Oriana Méndez (OM): É unha honra inmensa, un recoñecemento moi importante, non podo estar máis agradecida. Non contaba demasiado, primeiro porque os premios son sempre unha lotaría, nunca esperas pero sempre tes a esperanza, porque por iso mandaches o libro. Especialmente, non contaba porque, como tantas outras cousas, o proceso do fallo retrasouse bastante polo tema da Covid-19. É un recoñecemento que agradezo enormemente, e espero que o libro, cando poida chegar aos lectores e ás lectoras esperte interese e que os e as satisfaga, que lles diga algo e que poida estar á altura. Iso é o único que me preocupa.
– ND: O xurado falou de versos depurados, conmovedores, do íntimo… Como o definiría vostede?
– OM: Aínda que sempre lles corresponde máis ás persoas que o len definilo, creo que en salientar que vén desde o íntimo acertan, estou bastante de acordo. Adóitase considerar que a poesía que eu fago é unha poesía política ou, digamos que a política está presente, aínda que non sexa desde os tópicos da poesía social. Creo que efectivamente,este libro pode ser entendido así, como o menos político de todos. Exploro outros territorios un pouco de sombra, que teñen que ver coa conciencia da vida que se perde, por momentos fantasmal… estoume a referir á conciencia de que o mundo tal e como o coñeciamos hai anos, ou na infancia, hai un momento no que xa non existe, no que somos conscientes de que se está a extinguir. É un pouco ese mundo o que intento explorar e para iso guieime por tres poetas. Hai tres citas que abren o libro: Ingeborg Bachmann, Pimentel e Carlos Oroza, deixeime arrastrar moito, especialmente por Pimentel e Carlos Oroza, cos seus mundos tan oníricos e poderosos. Deixeime levar e deixeime entrar no territorio que eu chamaría da sombra. Un territorio complexo próximo á morte. (…)”
Oriana Méndez gaña o premio Afundación 2020
Desde Nós Diario:
“A escritora Oriana Méndez resultou vencedora da XVIII edición do Premio de Poesía Afundación, co libro de poemas Interna, destacado polo xurado como unha obra caracterizada “por unha voz feminina que mantén un ritmo constante a través de versos depurados e conmovedores cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu”.
Oriana Méndez, nada en 1984, é licenciada en Filoloxía Galega pola USC (Universidade de Santiago de Compostela) e iniciou o seu labor poético en 2000, na revista cultural A Caramuxa, e continuou noutros colectivos como Burla Negra ou a revista Mealibra.
O galardón, convocado en colaboración co Centro PEN da Galiza e a Xunta, conleva a publicación do libro na colección ‘Arte de trobar’, ademais dun premio económico de 6.000 euros.
A resolución do xurado desta edición, á que se presentaron un total de 27 obras inéditas, deuse a coñecer nun acto celebrado na Sede Afundación de Compostela.”