Desde a Fundación Plácido Castro:
“Reuniuse en Cambados, na sede da Fundación Plácido Castro, o 2 de setembro de 2024 o xurado da XXIIª edición do Premio de Tradución Plácido Castro, correspondente ó ano 2023.
O xurado estivo composto polos seguintes membros: D. Xesús Riveiro Costa (Xunta de Galicia), Dª. Patricia Buxán (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Dª. Andrea F. Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), D. Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xulio Ríos (Real Academia Galega) e D. Jacobo Domínguez Pedreira, quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
Tras avaliar as obras presentadas, o xurado acordo outorgarlle o Premio Plácido Castro 2023 a Tamara Andrés e Oriana Méndez pola obra As iluminacións, de Arthur Rimbaud. O xurado destacou a especial dificultade da tradución que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal. Igualmente, mantén a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais así como a sonoridade. Por último, ofrece unha versión creativa particular que enriquece vivamente a compresión lectora. (…)”