As axudas á tradución chegan a 74 proxectos

“O Diario Oficial publicou o venres 26 de outubro a listaxe de proxectos que se benefician das axudas para tradución da Consellaría de Cultura, que contaron nesta xeira cun total de 167.999 euros. A liña afecta tanto a versións en galego de obras foráneas (92.429 euros) como a traslación a outras linguas desde a nosa (75.565 euros). Á hora de publicar novas obras para o galego, destaca a contía acadada por Editorial Danu, que con 41.180 euros de axuda verterá para a nosa lingua obras clásicas como Utopía de Tomás Moro, A través do espello de Lewis Carroll, de Pessoa ou traballos de Dostoievski, Pushkin ou Joyce entre outros. Tamén aposta por Joyce a editorial Galaxia, que lanzará a versión na nosa lingua do celebérrimo Ulises, ademais de publicar Mr. Gwyn, novo título de Alessandro Baricco ou A cea, de Herman Koch. Desde Positivas veremos as Iluminacións de Rimbaud mentres Urco Editora achegará un bo feixe de traducións de Lovecraft entre os seus lanzamentos.
No campo da tradución desde o galego destaca a aposta de Rinoceronte editora, que con 24.676 euros levará ao castelán dez obras de autores como Eva Moreda, Diego Ameixeiras ou Fran Alonso entre outros, ademais de abordar traducións para alemán, italano, xaponés e catalán. Galaxia aposta tamén por autores actuais para a exportación, e incorpora obras de Riveiro Coello, Begoña Caamaño e Xulia Alonso no seu catálogo en castelán. Destaca como curiosidade na listaxe as versións en búlgaro que Small Stations Press propón da Poesía completa de Lois Pereiro e de Aire negro de Agustín Fernández Paz.” Desde Cultura Galega.

A Coruña: actividades destacadas do xoves 2 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do xoves 2 de agosto son:

18:00 h.: Antonio Piñeiro asinará exemplares da súa novela As fiandeiras, publicado en Galaxia. Paula Carballeira fará o propio co seu libro O principio, publicado en Kalandraka. Posteriormente levará a cabo unha sesión de contacontos.
19:00 h.: Presentación do libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación, de Carlos Arias e Mariña Pérez Rei, publicado pola editorial Bubela. Xunto cos autores do libro, participarán no acto Yolanda Castaño, Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval.
20:00 h.: Conversa de dous músicos de Berrogüetto con Francisco Castro arredor da súa biografía musical Berrogüetto. O pulso da terra, publicado en Galaxia.
21:00 h.: Presentación da tradución de Illuminations/Iluminacións, de Arthur Rimbaud, obra de Xoán Abeleira. No acto participan, xunto ao tradutor, François Davo e Manuel Rivas.