Desde Nós Diario (foto do autor, desde Laiovento):
“Henrique Harguindey Banet (Lugo, 1946) é unha referencia constante da cultura galega desde os primeiros anos 60. Nado nunha familia de longa tradición nacionalista, o seu contacto coa Galiza produciuse coa lectura dos libros que atesouraba a biblioteca do seu avó, o notario Manuel Banet, compañeiro de Manuel Murguía na Liga Galega e na creación da Real Academia Galega en 1906, fundador das Irmandades da Fala e militante do Partido Galeguista. (…)
Catedrático de francés e ensinante desta materia en diversos centros de ensino da Galiza, legou unha ampla obra de traducións desde esa lingua ao galego. Neste sentido, foi autor en 1969 da versión galega da Internacional, que fan propia na actualidades as diversas organizacións do movemento nacionalista galego.
O seu labor como tradutor concretouse en máis de 40 volumes vertidos desde o francés ao galego. Nesta liña, tocou tocos os xéneros desde o teatro e a poesía até a narrativa ou ensaio, estando prevista para o mes de xaneiro a publicación da súa última tradución, a Crónica da Galiza no século XIV de Jean Froissart (…).
Unha das súas preocupacións, canda a lingüística, foi fornecer de materiais en galego o ensino e recuperar a literatura de tradición oral. Nesta esfera, deixou perto dunha ducia de volumes, a maior parte deles asinados coa súa compañeira da vida, Maruxa Barrio. Antoloxía do conto popular galego e Contos galegos son dúas mostras deste traballo (…)”