Xornada en liña A tradución das literaturas en catalán/valenciano, galego e vasco, os 3 e 4 de xuño

A xornada titulada The translation of literatures in Basque, Catalan/Valencian and Galician: Internationalisation Strategies in the British Book Market, terá lugar o xoves 3 de xuño, entre as 16-20 horas peninsulares (3-7pm británicas), en formato en liña. Está co-organizado por Olga Castro (Universidade de Warwick), e mais por Laura Linares (Universidade College Cork) en colaboración co Instituto Cervantes de Londres, e financiado pola British Academy e o Warwick Institute of Engagement. É un acto bilingüe, inglés-español, con interpretación simultánea a través de Zoom.
O obxectivo da xornada é explorar as oportunidades e desafíos aos que se enfrontan as literaturas escritas en catalán, éuscaro e galego de cara á súa tradución ao inglés no mercado editorial británico. Entre as persoas que interveñen atópanse representantes de institucións con competencias nas políticas de tradución no contexto de partida (o Etxepare, o Llull, a Generalitat Valenciana, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura do Goberno de España) así como algunhas das editoriais independentes británicas que están a liderar neste momento o mercado da tradución ao inglés (Comma Press, Fitzcarraldo Editions e Peirene Press). A xornada comezará cunha conferencia de Olivia Hellewell (Universidade de Nottingham), especialista nas políticas de traducción subministradas desde os sistemas de partida (a chamada “supply-driven translation”) no contexto europeo, especialmente no caso das linguas menos traducidas. A xornada concluirá cun debate aberto final, dunha hora de duración (19-20h) no que poderá participar a audiencia.
Quen queira participar na xornada, debe inscribirse no formulario de Eventbrite, dispoñíbel aquí.