Décimo aniversario do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia

Nado en 2016 grazas a un convenio entre a Xunta de Galicia e a Università degli Studi di Perugia, o Centro de Estudos Galegos (CEG) distinguiuse non só pola súa marcada vocación científica, plasmada na publicación de volumes e artigos, senón tamén polo seu compromiso coa docencia e a difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas fóra do ámbito académico, a través de actos públicos e colaboracións institucionais.
Ao longo destes anos celebráronse proxeccións de películas, concertos, exposicións, espectáculos teatrais, presentacións de libros, recitais poéticos e conferencias de escritores e intelectuais.
Precisamente para celebrar o décimo aniversario da súa creación, o CEG organizou unha serie de iniciativas que terán lugar o xoves 29 e o venres 30 de outubro. A celebración comezará o xoves 29 de outubro ás 16.00 na Sala delle Adunanze do Departamento de Letras, cos saúdos institucionais de Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Ignacio Peyró, director do Instituto Cervantes de Roma, e Gianluca Grassigli, director do Departamento de Letras. Ás 16.30, Marco Paone e Carlo Pulsoni repasarán os dez anos do Centro no encontro «Memoria e percorrido». Ás 17.00 será a quenda da literatura, cun encontro co escritor Manuel Portas arredor da súa novela Lourenço, giullare, no que participará a tradutora Gloria Castelli.
A homenaxe continuará ás 21.00 na Abbazia di San Pietro, en Borgo XX Giugno 74, co concerto de Catuxa Salom, Mulleres Piratas, e a participación de Clara Borghesi. Unha viaxe polo folclore galego e as sonoridades electrónicas, enriquecida pola voz narrativa e interpretativa de Borghesi, nun diálogo entre música, poesía e teatro. A entrada ao concerto será libre ata completar o aforo.
O venres 30 de outubro, as actividades continuarán na Sala delle Adunanze. Ás 10.30, Carlo Pulsoni moderará a mesa redonda «Os estudos galegos en Italia», coa participación de Attilio Castellucci, Rachele Fassanelli, Simone Marcenaro e Marco Paone. Ás 12.00 tomarán a palabra as novas xeracións da investigación, con presentacións e experiencias de persoas tituladas que dedicaron os seus traballos de fin de estudos ao ámbito dos estudos galegos na Universidade de Perugia.”

Exposición sobre Afonso X, o Sabio e Galicia en Roma

O 18 de abril inaugúrase en Roma a exposición “Afonso X e Galicia. O monarca que de tanto mirar as estrelas esqueceu da terra”. A mostra, organizada por Attilio Castellucci, en representación do Centro de Estudos Galegos de Roma que dirixe, xunto con Paolo Canettieri, en representación do Departamento de Estudos Europeos, Americanos e Interculturais, poderase visitar ata o 17 de maio no Edificio Marco Polo (Circonvallazione Tiburtina 4). O día da inauguración participarán varios especialistas na cultura galega e na obra de Afonso X como Rosario Álvarez, M. Luisa Cerrón Puga, Ana Ces Ares, Iolanda Galanes, Ignacio Peyró, Arianna Punzi, Antoni Rossell e Isabella Tomassetti, ademais dos organizadores, Attilio Castellucci e Paolo Canettieri.

Xornada en liña A tradución das literaturas en catalán/valenciano, galego e vasco, os 3 e 4 de xuño

A xornada titulada The translation of literatures in Basque, Catalan/Valencian and Galician: Internationalisation Strategies in the British Book Market, terá lugar o xoves 3 de xuño, entre as 16-20 horas peninsulares (3-7pm británicas), en formato en liña. Está co-organizado por Olga Castro (Universidade de Warwick), e mais por Laura Linares (Universidade College Cork) en colaboración co Instituto Cervantes de Londres, e financiado pola British Academy e o Warwick Institute of Engagement. É un acto bilingüe, inglés-español, con interpretación simultánea a través de Zoom.
O obxectivo da xornada é explorar as oportunidades e desafíos aos que se enfrontan as literaturas escritas en catalán, éuscaro e galego de cara á súa tradución ao inglés no mercado editorial británico. Entre as persoas que interveñen atópanse representantes de institucións con competencias nas políticas de tradución no contexto de partida (o Etxepare, o Llull, a Generalitat Valenciana, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura do Goberno de España) así como algunhas das editoriais independentes británicas que están a liderar neste momento o mercado da tradución ao inglés (Comma Press, Fitzcarraldo Editions e Peirene Press). A xornada comezará cunha conferencia de Olivia Hellewell (Universidade de Nottingham), especialista nas políticas de traducción subministradas desde os sistemas de partida (a chamada “supply-driven translation”) no contexto europeo, especialmente no caso das linguas menos traducidas. A xornada concluirá cun debate aberto final, dunha hora de duración (19-20h) no que poderá participar a audiencia.
Quen queira participar na xornada, debe inscribirse no formulario de Eventbrite, dispoñíbel aquí.