Arquivos da etiqueta: José Virgilio García Trabazo
Primeira tradución do sánscrito ao galego
Desde Sermos Galiza:
“O célebre Pañcatantra, unha colección de fábulas escrita no século III a.C., é a primeira tradución directa do sánscrito ao galego. O profesor da Universidade de Santiago José Virgilio García Trabazo encargouse da versión que Rinoceronte Editora, dentro da súa colección Vétera, vén de publicar.
O Pañcatantra, orixinario do territorio que conforma a actual India, atópase nos alicerces da fabulística europea. Importantes autores do sur europeo, como o mallorquí Ramón Llull ou o castelán Arcipreste de Hita, recibiron a influencia da obra. Un irmán de Afonso X O Sabio, Fadrique de Castela, encargou o Sendebar ou Libro do engano das mulleres (1253) inspirado polo Pañcatantra.
Relatos en prosa e verso, organizados nos Cinco libros de sabedoría práctica, conforman a edición de Edgerton (1924) na que se basea a versión galega e que no seu día, aseguran desde Rinoceronte, foi o primeiro autor en dar “unha reconstrución plausible do Pañcatantra“. A obra, engaden, “unha senlleira mostra do uso das fábulas de animais para a transmisión da sabedoría mundana e política na India clásica”. Parte destas historias pasaron ao folclore do lugar.
O sánscrito en que se escribiu orixinalmente o Pañcatantra e desde o que traballou García Trabazo é unha lingua clásica da India, onde é un dos 22 idiomas oficiais, malia que o seu uso actual é sobre todo litúrxico no hinduísmo ou no budismo.”