O Concello de Fisterra, en colaboración cos escritores Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Francisco X. Fernández Naval, convoca para o día 19, sábado, ás 17:00 horas, unha marcha poética e musical que partindo da lonxa de Fisterra camiñará ata o faro.
O motivo desta marcha festiva é reivindicar o son do Nautófono, coñecido en toda a bisbarra como A Vaca de Fisterra, así como o mantenemento e conservación da maquinaria deste sinal marítimo sonoro. Ao longo dos anos, os navegantes do mundo e os habitantes da comarca, interiorizaron ese son poñéndolle un nome: a Vaca de Fisterra, por ser o seu berro un bramar semellante ao dunha vaca. O son pasou a formar parte da vida cotián da xente, integrouse nas conversas, fíxose música e os poetas tomárona ou tomáronas, que dúas era as vacas, como referencia nalgunhas das súas composicións.
A reivindicación parte da convicción de que a Vaca é patrimonio inmaterial de todos os habitantes do litoral, ao norte e ao sur de Fisterra, así como do interior, que durante máis de cen anos sentiron o seu bruar nos días e noites de borraxeira, pero tamén, convencidos de que altofalantes e mecanismo que os fai soar, o Nautófono, é patrimonio material, por tratarse dun sinal marítimo do que quedan escasas mostras en funcionamento no territorio peninsular.
Ás 17:00 horas, diante da lonxa de Fisterra, lerase o texto da convocatoria, dando paso a un primeiro recital poético. Ao remate, iniciarase a marcha, precedidos os participantes polo son da gaita e do acordeón de Moncho do Orzán, con dúas paradas para ler textos de adhesión, unha primeira no campo da igrexa de Santa María das Areas, e outra xa na estrada, xunto a escultura do peregrino. Durante o traxecto faranse soar as buguinas.
No faro lerase o texto que contén a reivindicación e que será enviado aos responsables da Actividade Portuaria da Provincia da Coruña, organismo a quen corresponde o funcionamento e conservación do faro. A continuación, e como peche, desenvolverase outro recital.
Exercerá como mantedor o actor César Cambeiro.
Amais dos citados, confirmaron a súa participación: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG); Juan Alberte, Iolanda Aldrei, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Quiles, Anxo Cousillas, José Estévez, María José Fernández, Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, Xosé Iglesias, Alex López, Miguel Mato Fondo, Alexandre Nerium, Olga Patiño, Fernando Patricio, Marité Prieto, Xesús Rábade Paredes, X. H. Rivadulla Corcón, Pilar Silva, Francisco Souto, Nolo Suárez, Roberto Traba Velay, Suso Bahamonde, Miguel Vázquez Freire e Helena Villar.”